Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - miércoles, 15 de enero de 2025
A tradición xacobea e o Camiño de Santiago
A Balbino gústalle moito viaxar, tanto que, non ben chega á súa casa de regreso dunha viaxe coa carteira baleira e a maleta chea de chilindradas para turistas que logo non sabe onde colocar, xa está pensando no seu próximo destino. E iso está ben, todo o mundo ten que ter un hobby, pero o malo é que o home non queda contento mentres non me atopa para amolarme describindo con todo luxo de detalles os sitios nos que pasou uns poucos minutos e contándome todas as anécdotas da súa última aventura. Pero se hai algo que emociona dun xeito especial ao meu amigo é descubrir os sinais do Camiño de Santiago ata no último recuncho de Europa. A última vez que encontroume na rúa -por desgraza non sempre consigo ser o suficientemente rápido para agocharme- Balbino viña abraiado pola presenza destes símbolos de Galicia en todos os lugares polos que pasara:
"Bordeos é maravilloso -dicía sen poder conter a súa emoción-, alí todo lembra ó Camiño. Case que tódalas rúas do centro histórico indican por onde pasa a ruta xacobea. Tamén hai placas que recordan a historia do duque Guillermo de Aquitania, xa sabes, o que inspira a lenda de don Gaiferos, o peregrino que morreu nada máis chegar aos pes do apóstolo en Compostela. E Bordeos non é un caso único."
E abofé que Balbino non esaxeraba. Ás veces penso que aquí, en Galicia, non nos damos conta da importancia que ten a ruta xacobea na historia e na cultura do noso continente. As cunchas douradas que a sinalizan percorren o centro de Bruxelas, a capital comunitaria, e doutras moitas ciudades e pobos de toda Europa. En París a Tour Saint Jacques é, dende hai séculos, o punto no que os peregrinos comezan a súa viaxe ata Galicia ao longo dos diversos camiños que atravesan Francia. Na cosmopolita urbe suiza de Xenebra multitude de placas indican nas súas rúas a distancia exacta que hai dende ese lugar ata a praza do Obradoiro. Verdadeiramente tiña razón o que dixo aquelo de que o Camiño de Santiago é a rúa maior de Europa.
Foi tamén Balbino quen me contou que, nunha visita que fixo á rexión alpina próxima a Salzburgo, chegou ata a fermosa localidade de Hallstatt, unha vila de conto de fadas illada á beira dun lago. Había poucos anos que abriran un túnel e unha estrada para comunicar Hallstatt por terra co resto do país. Pois ben, para a súa sorpresa, meu amigo descubriu que na capela da vila podíase ver a frecha amarela do Camiño. Polo que se ve, algún que outro peregrino xacobeo pasara por aquel templo na súa viaxe ata Compostela.
Por todo isto resulta especialmente chocante que aquí mesmo, na nosa terra, existan persoas que parecen descoñecer o que o Camiño significa. O primeiro político no que penso é en certo alcalde dunha importante cidade do sur que segue sen sinalizar a ruta polo territorio do seu concello, ignoro por que motivos. A que se debe esta estraña actitude? Seica pensa que a súa dinámica cidade non pertence a Europa? Que, en realidade, é americana? Poida que sexa iso a xulgar polo moito que lle gusta a musiquiña de Mariah Carey e o seu empeño de encher as rúas de luces, como fan os ianquis. Habería que preguntarllo.
Pero máis sorprendente se cadra que o caso deste coñecido alcalde é o de parte do noso nacionalismo -e insisto en que trátase tan só dunha parte del- que nega a importancia que a tradición xacobea ten para Galicia. Hai algún anos apareceron nas rúas de Compostela uns carteis nos que facíase burla da lenda da chegada do apóstolo ao finis terrae co lema "nunca unha barca de pedra navegou". Os responsables desta campaña esqueceron que a tradición xacobea forma parte do patrimonio cultural europeo, inspirando moitos himnos e textos en diversas linguas, e que as lendas -como ocorre co ciclo artúrico ou a historia de Roland- poden ser embelecidas ao longo do tempo con elementos máis ou menos fantasiosos, pero case sempre teñen un fondo de verdade.
Pero, máis aló da cegueira de aqueles que non se decatan da importancia, non só relixiosa senón tamén cultural, das lendas en torno á figura do apóstolo Santiago, sorprende que esa xente teña tan pouco aprecio á tradición xacobea mentres que celebran con verdadeira paixón a festa nacional de Galiza o 25 de xullo. Isto merece unha reflexión. Os cataláns celebran a súa Diada o 11 de setembro porque nesa xornada Barcelona caeu en mans das tropas borbónicas e perdeu os seus dereitos históricos. Os franceses festexan o 14 de xullo, data da toma da Bastilla, como símbolo da conquista da liberdade e a igualdade na súa revolución. Os estadounidenses celebran o 4 de xullo porque ese día asinouse a súa declaración de independencia... Pero que diantre ocorreu o 25 de xullo? Que batalla, que feito político ou histórico relevante para Galicia (ou Galiza) tivo lugar ese día? A resposta é ningún. O 25 de xullo é a festa do apóstolo Santiago, o día no que a Igrexa Católica lembra o seu martirio en Xerusalén. E os que comezaron a considerar ese día como a festa grande de Galicia fixérono porque crían que o máis relevante que ocorrera nesta terra fora o descubrimento do seu sepulcro e o comezo dunha peregrinación que axudou a construír a identidade europea. Daquela, como é que algúns menosprezan o fenómeno xacobeo ao tempo que celebran o 25 de xullo? Misterios da condición humana.

Curros Neira, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora