I. Limiar
No ano 2012, Carmen Pernas e un servidor realizamos un traballo, publicado na Rev. Croa, sobre o Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada). Nel facíamos mención,entre outros trazos, a que era un dos poucos entroidos que quedaban no medio rural galego, que conservaba as súas sinais de identidade.
Doce anos despois, un dos autores, José Manuel Blanco Prado, leva a cabo un segundo traballo no que salienta as seguinte peculiaridades:
1ª. As máscaras deste Entroido, reflectidas nos volantes, nos maragatos e nos mecos. A tarefa que levan a cabo os mecos nos diferentes oficios, vai ser unha novidade deste traballo, xa que se describen máis de vinte oficios, usando as propias palabras dalgúns dos seus participantes.
2ª. A dinamicidade do Entroido. É dicir como era o Entroido antes e o como é agora, apreciando os cambios, que houbo a nivel de organización; de participación; e de coñecemento ao exterior...
3ª. O "rol" que teñen hoxe tanto as mulleres como os cativos no Entroido e o que exercían denantes. Na actualidade, ambos os dous grupos participan dun xeito activo no festexo entroidano, algo que antano era impensable. Isto motiva que o Entroido ten que contar sempre con estes grupos para que se manteña dun xeito permanente e ademaís, con ese carácter rexuvenecedor.
4ª. As diferencias existentes entre este Entroido de Santiago de Arriba cos últimos Entroidos da Ribeira Miñota, que tiveron lugar xa hai uns anos.
5ª. A proxección deste Entroido -que xa e B.I.C. (Ben de Interese Cultural) dende o ano 2019- de cara ao exterior mediante conferencias, talleres, desfiles, o que vai posibilitar que se coñeza unha tradición, que únicamente pervive en Santiago de Arriba (Chantada), e ademaís, poida fomentar unha participación infantil e xuvenil neste evento festivo.
II. Trazos Xerais sobre o Entroido
1. Siñificación do vocablo "Entroido" e tempo de celebración
O Carnaval recibe en Galicia o nome de Entroido, e procede do latín "Introitus", que significa "entrada", ou "comezo do ano ou da primavera". Segundo as zonas recibe os nomes de "Antroido", "Introido", "Entrudio", "Entrudo" (1). Unha nova acepción sería a de considerar ao Entroido como a entrada do tempo, que precede á Coresma.

O tempo de Entroido está relacionada coa Pascua de Resurrección, festa de carácter lunar, que celebra o día da morte de Xesús. Esta conmemoración, segundo o Concilio de Nicea, realízase o primeiro domingo, que segue a lúa chea de primavera. Polo tanto, o domingo de Entroido lévase a cabo corenta e nove días denantes da Pascua de Resurrección. Agora ben, o calendario lunar ten como fundamento o ritmo irregular das lúas, xa que o ciclo completo de lunación ben durando normalmente vinte e nove días, e doce horas. En consecuencia, o domingo de Entroido pode caír entre o un de Febreiro e o sete de Marzo.
Por outra banda, o tempo de celebración era moi variable. Así segundo Vicente Risco- adoitaba durar unhas tres semanas nas que compría sinalar os seguintes días: o domingo fareleiro; o xoves de compadres; o domingo corredoiro; o xoves de comadres; e os días grandes do Entroido, que se correspondían co domingo, luns e martes. Eventualmente, tamén o mércores de cinza. Ademaís, é mester facer alusión ao domingo de piñata, primeiro domingo de coresma, que se celebra nalgunhas zonas (2). O Entroido galego de máis días de duración radica na vila ourensán de Xinzo de Limia.
Con respecto á provincia de Lugo, os días do Entroido concéntranse no Domingo e Martes, considerados como os días importantes desta festividade. No obstante, cómpre sinalar as seguintes excepcións: en Santiago de Arriba (Chantada), tamén se festexa o domingo fareleiro e o domingo corredoiro, e dicir, os dous domingos anteriores ao Domingo de Entroido. O xoves seguinte ao "domingo fareleiro" conmemórase o "xoves de compadres", que se sigue celebrando en maior ou menor media nos municipios das "Terras de Lemos", como Monforte e Sober -vilas básicas de celebración- Pantón, Pobra de Brollón, Bóveda e o Saviñao. Unha semana despois celébrase nos mesmos lugares o "xoves de comadres". En Salcedo (A Pobra de Brollón), tamén se celebra o luns de Entroido coa famosa "saída do oso" polas distintas rúas da vila. Nesta vila cómpre sinalar tamén" os desfiles de madamas e galáns", que teñen lugar o domingo e martes de "Entroido. Ademaís, son importantes a representación de oficios mímicos e algunhas pezas teatrais elaboradas pola Asociación de Salcedo. Na Terra Chá, é mester sinalar" O Entroido de Val de Francos (Castro de Rei), cos seus famosos sermóns. O mércores de cinza, conmemórase "o Enterro da Sardiña", nas vilas de Monforte, Burela, Viveiro, Foz e Vilalba. O sábado de piñata, festéxase en Ribadeo coa queima do Entroido, boneco de varios metros de altura; no ano 1998, este boneco -símbolo do Entroido- entrou no Libro Guinness de Records cunha altura de 13,32 metros. Así mesmo, o domingo de piñata conmemórase na localidade de Lourenzá. Finalmente, nos últimos anos comezan a recuperarse algúns Entroidos dos municipios de O Courel, Monforte e Sober.
NOTAS:
1. RISCO, Vicente.: Historiza de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Etnografía. Cultura Espiritual. Madrid: Akal, páx. 611
2. RISCO, Vicente.: Historiza de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Etnografía. Cultura Espiritual. Madrid: Akal, páx. 612.