Crónica dunha guerra (7)
Ávila Soto, Federico - lunes, 20 de enero de 2025
08-04-1999
Agora queren sacarlle bombardeándolla, a televisión aos serbios porque seica, fai anos que están a facer propaganda que non lles gusta á OTAN, xa veremos no que queda isto. Seguen a bombardear toda Iugoslavia; morren civís, destrúen escolas, teatros, palacios dos deportes, barrios de vivendas..., e aquí non hai xenocidio. Xenocidio é o que fai Milosevic e os serbios, e se pasan o día dicíndoo: trens con deportados, asasinatos en masa, abusos..., e todas as televisións pasando unha e outra vez todas as miserias dos albaneses-kosovares. Entrevistas e máis entrevistas, nalgunha delas, din os albaneses-kosovares "que maten a todos os serbios" e con estas verbas todos tranquilos, ninguén se altera, entran dentro do razoable. ¿Será posible que a propaganda nos faga tan insensíbeis, que non sexamos capaces de reprobar estas intencións e expresións do que se aniña dentro do pobo albanés-kosovar? Non din: acabaremos con eles, vencerémolos ou outras verbas que expresen decisión de loita por unhas causas xustas, os albaneses-kosovares transmiten o desexo de que os americanos e europeos lles fagan o traballo sucio que eles non asumen, nin de forma xusta, nin de forma honesta; coma moitos outros pobos nas súas xustas aspiracións. Insisten "que maten" a todos os serbios, e eles "limpos" reciben o Kosovo, porque seica é deles.
Todo moi raro porque vai nese camiño, cun gasto económico incríbel, cunha destrución horrible para tan alto obxectivo "humano", móvense as 19 potencias económicas e militares do mundo xuntas contra un pequeno e único país, que o seu delito pode ser conservar o seu territorio e súa identidade de séculos e séculos, que parou a invasión musulmana cara a Europa nunha batalla que perdeu, e que sempre foi atacada e invadida. Así é como llo pagan os europeos, e o problema segue a ser a invasión dos musulmáns con outras formas que noutro momento explicarei. Oín dicir a un albanés-kosovar, que o Kosovo era moi rico, que lles axudaran a botar aos serbios, que logo eles llo pagarían con gratitude.
Hoxe estaba o primeiro ministro chino na Organización Mundial do Comercio (OMC) ¿Estíranse os contactos dos subornos? Ao mesmo tempo, o primeiro ministro de Chipre foi a Belgrado a tratar o asunto dos tres militares americanos (dous deles con apelidos españois) para liberalos. De momento non sei en que quedou a cousa. Nas televisións holandesas e belgas, todo o día coas campañas de recollida de axuda para o Kosovo, xa dicían que preferían cartos. Para o pobo serbio nin sal nin auga. Onte pasaron unha reportaxe dun matrimonio que levaban uns carteis postos por diante e por detrás, cuns papeis para recoller firmas pedindo se pare de bombardear, e moi pouca xente lles facía caso pero, un rapaz duns 10 anos quería firmar, e a nai ou familiar turraba del para que non o fixera, pero o rapaz firmou. Para min esta firma, é a de máis valor, a que expresa mellor o sentimento humano. Un rapaz que non está manipulado polas circunstancias, a inocencia infantil, a inocencia humana máis imparcial. Esa firma expresou o non á guerra, o non ás bombas, o non á morte, o non á vinganza, o non ao xenocidio, o non á mentira, o non ao abuso do poder pola forza, o non a esta forma de resolver os conflitos, o non a esta forma de xogar a confundir a todo o mundo coa guerra das propagandas, dos medios, dos poderes, dos intereses, de xogar tan impunemente coa esencia da civilización, coa "vida humana". Moitas desculpas para xustificar a destrución, e moi poucas para explicar o que se coce en todo o conglomerado que está a mover os Estados Unidos de América. Estase a repetir a historia dos grandes imperios.

Ávila Soto, Federico