Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Actividade política de María das Dores Arribe Dopico

Rivero, Manuel - lunes, 20 de enero de 2025
Compromiso, militancia, entrega, forza, constancia e motivación, definen a experiencia vital de Lola, no escenario político galego durante os primeiros anos da democracia.
Muller miúda, intelixente, hábil, cálida, directa, agradable, formada, curiosa, independente, visionaria e valente. A súa testemuña axudou a quebrar, tanto o soporte, como o teito de cristal, que a modo de filtros, impedían a entrada da muller nas esferas do poder e as decisións políticas.
Unha análise das listas electorais dos diferentes partidos, móstranos de forma evidente a realidade da fenda de xénero. Nas dezaseis candidaturas ao congreso, das eleccións do 15 de xuño de 1977, concorreron cento trinta e seis homes e catorce mulleres, soamente dúas encabezaron as listas, a do Bloque Nacional Popular con María Elvira Souto Presedo, que non acadaría o escano e a da Federación Alianza Popular, con María Victoria Fernández-España y Fernández-Latorre, que si acadaría a acta de deputada.
Traducido a porcentaxes: 90,7% homes e 9,3% mulleres.
O resto de mulleres que ían nas lista, tiñan escasas posibilidades, por non dicir nulas de ser elixidas, ao ir situadas nos espazos intermedios das candidaturas.
Se analizamos as candidaturas ao Senado, a sensación que se percebe, é máis desalentadora, non aparece ningunha muller nas listas das oito candidaturas que se presentaron pola provincia da Coruña, esa tendencia pódese extrapolar ao resto das provincias galegas.
Os resultados do Partido Socialista Galego (PSG), na provincia da Coruña, nas eleccións do día 15 de xuño do ano 1977, ten varias lecturas, ao meu entender os 16.660 votos acadados, foi un excelente resultado, tendo en conta a fragmentación política e a confusión que levaban as papeletas ao concorrer catro partidos coa denominación socialista: Alianza Socialista; Partido Socialista Popular; Partido Socialista Obrero Español e o Partido Socialista Galego.
O PSG, obtivo o 3,72% dos votos válidos emitidos, Lola ía no número catro da candidatura. Se difícil o tiña, Xosé Manuel Beiras Torrado, que encabezaba a lista, de acadar a acta de forma directa, a dificultade continuaba, no reparto de restos, ao aplicar a lei de D'Hont, que de forma sutil beneficia ás candidaturas máis votadas.
Ao analizar os resultados polo miúdo, descubrimos a influencia positiva da candidata na cidade na que moraba, Lola, acadou un resultado excelente, na cidade de Ferrol o PSG, obtivo 2.700 votos, coa proporción do 6,26%, que duplicou a da media provincial.
Neses comicios a candidatura do PSG conseguiu 16.600 votos, fronte aos 8.027 do Bloque Nacional Popular Galego, fago esta comparación, dado que nas eleccións do ano 1982, presentaríanse na coalición B-PSG, acadando no conxunto 38.437 votos, co 3,02%, Lola ocuparía o número sete da lista electoral, que non acadarían representación parlamentaria.
A pesar do desequilibrio da ecuación esforzo rendibilidade, podemos apreciar unha lixeira muda nas tendencias. Nas eleccións do 28 de outubro de 1982, a proporción de homes - mulleres, pasa a ser do 79% homes e do 21% mulleres (133 homes + 35 Mulleres), tamén é de destacar a participación da muller nas listas do Senado, as catorce candidaturas incorporaron catro mulleres, na do partido Comunista de Galicia, María Concepción Lago Piñeiro, encabezaría a lista.
A incorporación da muller, de forma tímida e o uso da nosa lingua, de forma expresa, foron dous dos fitos determinantes nos escenarios políticos, desta forma o valoraba Lola:
"Desde o ano 1977 até o 1982, houvo duas vezes eleiçons ao parlamento de Madrid, umas eleiçons municipais, um referendo para a Constituiçom espanhola, outro para o Estatuto de autonomia e umas eleiçons para o parlamento galego. Os contínuos processos eleitorais produzírom um grande desgaste e os partidos nacionalistas galegos nom conseguirom escanos no parlamento espanhol. Os resultados nom forom proporcionais aos esforços, mas as organizaçons nacionalistas, com as suas campanhas feitas totalmente em galego, obrigaram os partidos espanhóis a terem em conta que Galiza tem uma língua de seu."

Páxinas webs consultadas:

https://www.juntaelectoralcentral.es/cs/jec/documentos/GENERALES_1977_Candidaturas.pdf

https://www.juntaelectoralcentral.es/cs/jec/documentos/GENERALES_1982_Candidaturas.pdf

https://pgl.gal/lola-arribe-uma-vida-de-afouteza-coerencia-e-dignidade/
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES