Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 15 de enero de 2025
O caso era ler

Busquei por entre as toxeiras da infancia ó Capitán Trueno e á súa camarilla: a súa muller Sigrid de Thule (guapa a rabiar) e os seus amigos Goliath e Crispín. Non se deixaron ver. Normal. Fun pouco de cómics e, aínda que lera moitos dese personaxe e de Jabato, tirei máis para os libros.
Pingas de OrballoNon fun de cómics porque os lía nun amén e as mañás e tardes no monte coas vacas eran longas. Para pasar entretido as tres horas ou catro no monte tiña que levar unha maleta de historietas. Mesmo xa tiña que levar bastantes novelas do Oeste para matar o tempo. Adoitaba levar tres pola mañá e tres pola tarde.
As de Marcial Lafuente Estefanía tiñan, por costume, 96 páxinas e levábame hora e pico lelas, polo que caía unha detrás doutra. Gozaba tamén coas de Silver Kane (chegaron a gustarme máis que as de Estefanía pola linguaxe) e coas de Clark Carrados, que agora mesmo acabo de saber que eu o seudónimo de Luis García Lecha. Silver Kane era en realidade Francisco González Ledesma.
Como non ganaba para novelas (Seis diarias era moita novela. Máis ben deixábanmas. Eu non tiña nin para comprar un Peninsulares), tiven que botar man da biblioteca de Baños de Molgas e, aí si, aí foi onde lle atopei o teto á vaca. Lin tanto que tiven que usar un sistema, unha orde: empezar cos que pensaba que me gustarían, seguir cos máis voluminosos para que me botasen días, continuar coas obras completas de tal ou cal autor por ser voluminosas e ídem da duración e, finalmente, a opción de pillar de a feito: desde ficción ata filosofía, desde química ata agricultura, desde biografías ata calquera tema ou categoría que coincidise nese momento. O caso era ler.

Perdido polos confíns do universo

Evaristo Sánchez Penedo leva sete días e dezaoito horas perdido polos confíns do universo. Uns minutos antes deses sete días e tantas horas dixéralle á súa noiva, Margarita Piedra Estrada, que ía collerlle a lúa para poñela ós seus pés, ós dela. Dito e feito; subiu ó faiado, colleu o traxe de astronauta, puxo unha bomba con mecha no fondo do tubo da calefacción, acendeu a mecha e subiu correndo ó tellado para fincarse no alto do tubo.
Cando a bomba estoupou, Evaristo, ó que lle chaman precisamente O Astronauta, saíu despedido igual que os foguetes que se lanzan na procesión de san Salvador de Baños de Molgas. O que pasou despois é fácil de adiviñar: que O Astronauta debe colocar mal algún brazo que errou na dirección. Cada vez se apartaba máis da lúa. Lúa á que non conseguía ver por culpa das nubes que cubrían o ceo molgués. Ó atravesar estas, ía xa tan despistado, tan desorientado que non tardou en caer do burro: sabía que andaba perdido.
Porén, malo será que non atope o camiño. O que pasa é que van xa sete días, dezaoito horas e algúns minutos nos que non atopa tal camiño. Cando chegou ós aneis de Saturno torceu o xesto, deulle nova dirección ós brazos e a ver que pasa. É certo que conseguiu retroceder, pero como tampouco volveu pola ruta que levara, el mesmo soubo que cada vez estaba máis perdido.
Sen desesperar, tivo o humor suficiente para escribir unha mensaxe no móbil, deixou caer este e toca esperar a que alguén o atope, confiando, iso si, en que caese en algún lugar habitable. Tivo sorte, atopouno unha pigmea que, ó ler "sigo buscando a lúa para poñela ós teus pés", emocionouse de tal maneira que tivo que sentar. Así leva xa unhas horas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES