De seguido, ao mostrarlle estas fotos, o rapaz preguntoume como foi que tiven alumnos, e antes cá min, seu bisavó, sen pasar pola Normal de Lugo, como fixo súa avoíña.
A Normal de Lugo, grazas á depuración dos mestres, saturada de rapaciñas.
Ela é a terceira da cuarta rea, contando pola esquerda.
-Meu neno, para que teñas/teñades unha visión de conxunto dos avatares que tivo en España o ensino primario convenvos aguantarme esta síntese da evolución dos coñecementos educativo-formativos.
Para comezar, abrindo a ventá da Historia, por máis que nos libros dela os seus autores, ou mellor dito, os seus redactores, os redactores da Historia, pois autores son os que fixeron os feitos históricos, ignoren, ou quixeron que se ignorase, a raíz destas espiñas, o caso foi que en España, na nosa Iberia, ¡que razón tiñan aqueles fenicios ao definirnos así!, un país de coellos (Hesperia) rexido por cazadores, por ditadores, aos caciques sempre lles interesou te-las masas a monte, no monte.
-Pero do Montecubeiro saíron, saístes, ducias, e xa non fosen centos, de ensinantes. ¿Como se explica iso?
-Ti, que vas, que estás indo, aquí na Coruña, a un colexio de Dominicos, pouca explicación necesitas para entendelo, así que deixemos, de momento, a Historia Local para volver á Xeral.
Nos últimos séculos, pois nos anteriores aínda foi peor, que só tiveron escola as élites, séxase, a chamada nobreza, canto se lexislou ou patrocinou ao respecto foino para controlar a ilustración popular; o pobo comezaba a emanciparse, a ter criterio, a pensar pola súa conta, e conviña atalo curto. ¿Verdade que me entendes? Daquela serei lacónico, concreto e conciso.
Na historia da Civilización mal se poden entender as cousas se non buscamos, de primeiras, de entrada, as súas causas. Así que, con esta premisa, imos aló:
O ensino non chegou a ser unha cuestión de Estado ata a ley Moyano de 1857. Aínda así, nas primeiras décadas do século XX a maioría da xente, no rural, era analfabeta. Miña avoa e madriña, Josefa Lombardero San Miguel, e iso que procedía de familias de orixe xudeu, que daquela eran as máis cultas, ¡era analfabeta! A súa irmá, Hortensia Ramona, entrou de criada do ex-Presidente Nicolás Salmerón y Alonso, desterrado en Lugo, onde ela casou co seu fillo, Nicolás Salmerón García, que era farmacéutico, avogado e periodista; aquela eminente familia púxolle dúas institutrices, unha de castelán e outra de francés. Tan aplicada foi nosa tía que chegou a traducir do francés algún dos libros que serviron de texto na Institución Libre de Enseñanza, que daquela era a universidade do cumio.
As urbes, maiormente desde a Ley Moyano, comezaron a ter escolas públicas, pero os nosos labregos seguiron, por décadas, escribindo..., nas leiras, co arado; primeiro, co romano, de madeira, e xa polo XX arriba, alternando co de ferro. ¡Pobres labregos, pero aínda eran máis dignos de dó os seus fillos, que saían para América sabendo persignarse, e pouco máis.
Sánchez de la Campa, analizando o plan de estudios das Escuelas Normales (polo 1849) deixou dito que: "...no se trata de proporcionar conocimientos..., no se trata de aglomerar en la memoria de un discípulo nociones que cuanto más puedan servirle para tener ideas confusas de los objetos...; se trata de dar conocimientos para que los transmitan a la más tierna infancia...; se trata de formar profesores, hombres (¿e logo as féminas, que?), que enseñen, que transmitan esos conocimientos a niños desde la edad de 4 a 12 años..." Despois, de forma taxativa, confirmouno Fernández Soria: "Algo parecía ya insoslayable: que la educación se convierta en un instrumento de poder, y que donde reside su control radique el dominio de la sociedad".
Fóronse sucedendo pequenas e sucesivas reformas:
A Ley Moyano, aquela de 1857, contemplou as Escuelas Normales, por primeira vez, como escuelas profesionales, e dispuxo a creación destas escolas en tódalas provincias, con unha Normal Central en Madrid. Esta lei determinaba que en cada lugar de 500 habitantes habería dúas escolas públicas elementais...; ¡non, na práctica non foi así pois no ano 1908 só existían en España 1,4 escolas por cada 1.000 habitantes!
O Plan Gamazo, de 1898, reduciu os estudios de Maestro elemental a dous cursiños de catro meses; segundo el: "Para facilitar la adquisición del título del grado elemental a los alumnos de escasos recursos pecuarios". (¡Sería máis ben para favorecer aos superdotados, pois, con tan pouco tempo...!).
Un paso adiante tivémolo no R.D. de 6 de xullo do 1900, que impuxo: "El libro de texto que señale el profesor deberá estar previamente aprobado, desde el punto de vista de sus condiciones didácticas, por el Consejo de Instrucción Pública, o por la Junta de Profesores del establecimiento o Facultad en que se estudie la asignatura".
Aquel Plan de Estudios, vixente a comezos do XX, con dos cursiños para saír Maestro Elemental, e outros dous para o Grado Superior; iso segundo ían da Primaria, pouca esixencia era; outro tanto, ou máis, tiñan os educandos do convento dominico de Montecubeiro, pois ademais dos coñecementos xenéricos aplicaban a experiencia das cousas que máis lles conviñan, que máis resolvían, no seu ambiente, no rural.
A igrexa dos Dominicos de Montecubeiro, sen dominicos desde a Desamortización.
Agora ten bancos..., porque as selas fóronse rompendo..., de tanto axeonllarse
nelas as mulleres, que por iso lles saían "beatas", chagas, nos xeonllos!
No Plan de estudios do ano 1914 xa predomina a preparación cultural do mestre, considerando que debía ir unida á súa preparación pedagóxica. Así, a formación completa, tanto no cultural como a pedagóxica e profesional, adquiríase na Escuela Normal. Os requisitos culturais para o ingreso non pasaban da formación máis elemental recibida na escola primaria. A idade mínima de ingreso era a de 15 anos.
Aquel Real Decreto, do 30 de agosto 1914, tiña unhas particularidades que hoxe faríanvos rir: Para os futuros mestres, 4,30 horas de Agricultura; e para as mestras, outras tantas de... economía doméstica! Despois diso, como materias voluntarias para as mestras, mecanografía, taquigrafía e contabilidade mercantil. ¿Que se pretendía? ¡Pódelo deducir, así que non fai falta explicarcho!
No 31 chegamos á II República, así que aquí e agora ímonos descubrir, que vale a pena facelo:
O chamado "decreto Llopis" saíu o 29 de setembro do 31, e iniciou a reforma, ¡fonda, absoluta, concienciuda!, das Escuelas Normales. Os tres períodos de formación do novo, revolucionario, plan de estudios, -cultural, profesional, e das prácticas de ensino-, sinalan unha nova, e repito, revolucionaria, concepción das escolas; por engado, da formación dos mestres. Os que tiñan estudios do Plan de 1914 puideron acceder ao novo presentándose a un exame de ingreso-oposición, de igual xeito que os que estaban en posesión do título de Bachiller. O requisito de ter cursado o bacharelato completo para ingresar na Escuela Normal elevaba o nivel cultural dos mestres, dándolles un carácter universitario. O proceso de selección iniciábase co ingreso, para rematar, ao terceiro ano, por medio dun exame de conxunto que determinaba a orde de prioridades para a colocación provisional no período de prácticas.
O curso 1936/37, coas consecuencias da guerra en ambos bandos, xa foi desordenado e oposto entre si.
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.