Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (90)

Otero Canto, Xosé - viernes, 17 de enero de 2025
Curiosidades Valuras

Outras acepcións da palabra Valuro IV

14.- Temos tamén constancia por medio das necrolóxicas de que en Trabada, concretamente en Soenlle hai unha casa chamada Casa Valuro que aparece na necrolóxica de Dona Natividad Maseda Tenreiro, viúva de Luís Rivas e que faleceu o día 10/06/2023.
15.- No Picato tamén hai a casa do Valuro, que teñen parentes en Fontao, unha aldea da parroquia de Zolle (Guntín), segundo me manifesta un informante.
16.- No xornal do ano 1899, "La Idea Moderna", que leva o seguinte Lema: "Diario democrático de Lugo", Ano X e no Nº 2466, do día mércores, 15 de febreiro e no apartado co título de "Reporterismo", atopamos un artigo mui sucinto do barrio da Ponte de Lugo e na casa dunha muller chamada A VALURA, -casa que dependendo de que o dono sexa home ou muller leva o nome de Valuro ou Valura-, onde intentan roubar. Neste barrio da Ponte parece ser que a finais do século XIX hai moitos casos de roubos. Vexamos:
En la madrugada de ayer unos rateros intentaron cometer un robo en la casa conocida por la de la Valura, en el barrio del Puente.
Al ruido que producían para forzar la cerradura de la puerta que dicha casa tiene en la fachada posterior despertaron los habitantes de aquella, poniendo en fuga á los ladrones.
Llamamos nuevamente la atención de la policía para que gire algunas visitas á aquel barrio donde se albergan gentes que se dedican a vivir de lo ageno, pues desde hace algún tiempo vienen repitiéndose casos como el mencionado.

17.- No Boletín Oficial da Provincia de Lugo, número 125, do 19 de outubro do 1863 e na páxina 2 aparece o nome de Manuel López Baluro, de Ousá e dependente do Distrito Electoral de Vilalba, aparecendo como a lista numerada de "los Sres. Electores que han concurrido en el día de hoy á votar para Diputado á Cortes y resumen de los votos que cada candidadto obtuvo".

18.- Noutro B.O.P de Lugo, número 110, do 13 de maio de 1976, no municipio de Trabada e na páxina 2 tamén nos aparece o apelido Valuro, esta vez máis fiel ao seu orixinal por estar escrito co "v" e non co "b", como estaba o anterior. Vexamos
como no numerado co 124 aparece "Ares y tercios de la Abaira" "Terreo, número 28, parcela 11, de vinteún áreas, dieciséis centiáreas, con veintitres metros de anchura por su fondo y con ventiún metros por cabecera, lindando por Norte de herederos de Agustín Rodríguez de Sequeiro, Sur de los de Manuela Rodríguez de Río Lamelas, Este o fondo Tarreo de Reimonde en parcela de herederos de Manuel Maseda Valuro y de otros y al Oeste el trozo Pena del Medio".

19.- Chámanos a atención un artigo do poeta valuro Manuel María no Progreso, Ano LXV. Número 20239 do 31 de agosto do 1972 coincidindo coas festas de Vilalba, na páxina 13 e co título de "Algunhos tipismos da Terra Cha e de Vilalba" comentanos o grandísimo poeta chairego que un oficio típico da bisbarra vilalbesa e de toda a Terra Chá era o de chanteiro ou colocador de chantos e "no fondo dos tempos e das lendas pérdense os valuros, dos que falan, entre outros, Murguía e Vicente Risco e dos que tan pouquiño se sabe. Os valuros, ó ben visto, eran unhas xentes, unha especie de raza maldita, que vivía na Terra Cha. Tratábase duns seres aparte que tiñan unhos poderes máxicos, mistura de sacerdotes e menciñeiros. A palabra valuro perviviu deica o día de oxe. Nos nosos días esa palabra semella que ten un senso despectivo."
Posteriormente fala dos capós de Vilalba, dos queixos de San Simón e dos grandes zoqueiros e das zocas chinelas para as que compuxo a

LOUVANZA DAS ZOCAS VILLALBESAS, CHAMADAS CHINELAS

A gracia da abidueira
atopou o seu destino
¡fíxose zoca chinela,
Apreixa un pe femenino!

Fíxose zoca chinela
a abidueira lanzal,
¡Agora sobor da acera
canta con voz musical!

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos melros de xunto ó río.

Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira.
¡E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!

Remata o poeta dicíndonos que "A vida vai cambiando i o tipismo vaise transformando. Moitas cousas que oxe son novedade dentro duns anos serán típicas"... e desta tipificación "Villalba sería o lugar indicado para facer o gran museo da Terra Chá".
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES