Concomitancia das lagoas valuras co pseudo-Turpin
Hoxe en día coñecemos estes nomes que se lle foron atribuíndo ao longo da historia e das lendas á lagoa de Cospeito: Veria, Verial, Valverde, Vilaverde, Navalverde, Lamas de Agoa, Lamas de Agoada, Lamas de Goá, Santa Cristina, Santa Cristina de Veria, Santa Cristina de Lamas de Goá, Lucerna, Lagoa de Carregal e Malverde.
De todos eles interésanos o nome de Lucerna por aparecer na "Crónica do Pseudo-Turpín" do Codex Calixtinus onde se refire a unha "Lucerna Ventosa", tamén chamada "Carcesa", "mui fortificada cidade sarracena" que supostamente se acadaba no camiño de Santiago, concretamente no camiño francés e, incluso tratando de localizar e precisar máis a Crónica engade que "est in valle viridis", (está no vale verde) pero... en cal dos vales verdes do noroeste da península Ibérica?
Se atendemos aos nomes expostos no Pseudo-Turpín, podemos afirmar que o nome de Lucerna tamén se lle atribúe á lagoa de Cospeito e, para a súa localización, "est in valle viridis", achamos variados topónimos: Valverde, Vilaverde, Navalverde e Malverde; aínda máis, cando di que tamén é alcumada co nome de
"Carcesa", nós atopamos un nome parecido como é o de lagoa de "Carregal".
A principios do século XX, o medievalista Joseph Bédier rastreou esta lenda para chegar a saber onde se atopaba a devandita cidade e descubriu que "Ventosa" era o nome que recibía desde a Alta Idade Media a cidade céltica Bergidum (Bierzo), apelidada Flavium, que estaba situada no outeiro "Castro de la Ventosa", na comarca do Bierzo, descubrindo tamén que Carcesa era un topónimo derivado do antigo nome do río Carcere e que dá nome ao río Valcarce que atopamos moitas veces pola nacional sexta cando imos cara a Madrid.
Sexa isto como fose, é de observar que a concomitancia de nomes sorpréndenos, porque Lucerna aparece na maior parte das lagoas e pobos asolagados e todos eles teñen lendas nas que se fala da orixe ou da forma en que tal asolagamento se produciu e, aínda que fose por circunstancias naturais dun gran cataclismo, a imaxinación popular sempre busca motivos divinos e milagrosos para explicitar os fenómenos que a posuíron.
Mais o que non puido averiguar Bédier e que ninguén, a día de hoxe, descubriu a localización de Lucerna, cidade que no ciclo carolinxio era a de Luiserne, asolagada para sempre nun estraño lago por obra e graza do Apóstolo Santiago, por iso nós propoñemos que é a nosa Lucerna de Cospeito, A Valura, tal e como atopamos nas palabras de Fray Felipe de la Gándara, no 1678, cando nos espeta que "el suceso de cierta ciudad que hubo en Galicia en ciertos campos, que llaman Lamas de Aguada que por no a ver dado entrada al apóstol de Dios, ni quererle oir siquiera de sus vecinos una sola alma, por estar tan apasionados de un ídolo que tienen de Baal, y por este desacato quedaron hundidos y en su distrito quedó una laguna de legua y media de circunferencia".
Estase a referir a Lamas de Aguada que hoxe coñecemos cos nomes antes aludidos a Veria, Lamas de Goá ou Lucerna, e que chega incluso a chamarse Valverde, habendo ademais familias co apelido recoñecido como os "Verdes" de Cospeito.
Alén disto nas terras galegas do noroeste había e hai, aínda hoxe, moitos lagos e lagoas onde se supón que está asolagada unha cidade pagá e perversa da que nos lembra Felipe da Gándara como adoradora do ídolo Baal, castigada por poderes misteriosos e sobrenaturais.
Temos que dicir que estamos diante dunha moi vella lenda de "A cidade asolagada", que se atopa por toda Europa e que nace co Timeo de Platón, no século V antes de Cristo e que podemos atopar na mesma Valura, outra tamén con parecidas características, como é a do "Boedo" (Guitiriz) e outras en Doniños e Antela; Saliencia en Asturias; Isoba e Ausente en León ou Villaverde de Lucerna en Sanabria (León) e que quizais sexa a máis coñecida, froito da obra de Miguel de Unamuno San Manuel bueno, mártir que a rebautiza como Valverde de Lucerna.
Bibliografía:
AMOR MEILÁN, Manuel.- Geografía General del Reino de Galicia. Vol. II. Provincia de Lugo, Casa editorial Alberto Martín. Barcelona (s.a)
COROMINAS.- Diccionario etimológico de la Lengua Española.
DÍEZ TABOADA, Paz.- Lucerna. Ed. Letralia. Internet.
DORREGO MARTÍNEZ, F.- Sobre os Valuros: Mito e realidade. Croa. 15. Castro de Viladonga. Lugo, 2005
FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.- O río Miño: realidade, lenda e literatura. Caixa Ourense. Ourense, 1989.
MURGUÍA, Manuel.- Galicia: Sus monumentos y artes. Su naturaleza e Historia. Ed Daniel Cortezo. Barcelona, 1888.
SÁNCHEZ DRAGÓ, Fernando.- Historia mágica del Camino de Santiago. Ed. Almuzara. Córdoba, 2023.
VAQUEIRO, Victor.- Guía da Galicia Máxica. Galaxia, 3ª edic. Vigo 2003.
VILLAMIL Y CASTRO, José.- Antiguedades prehistóricas y célticas de Galicia. Ed. Maxtor. Valladolid, 2009.