Teñen rostro, teñen nome
Pinto Antón, J.A. - viernes, 10 de enero de 2025
"Anatomía de un genocidio", Gaza no informe de Francesca Albanese, relatora do Consello de Dereitos Humanos da ONU. E logo, a última barbarie que asasinou a sete membros da ONG World Central Kitchen do noso cociñeiro José Andrés. Son sete vítimas máis. Non son sete vítimas máis. Tiñan rostro, teñen nome. Saifeddin Issam Ayad Abutaha, pelestino. Lalzawmi 'Zomi' Frankcom, australiana. James 'Jim' Henderson, James Kirby, e John Chapman británicos. Damian Soból, polaco. Jacob Flickinger, de USA-Canadá.
Os 1.400 israelís asasinados polo salvaxismo de Hamás non son un número, tamén teñen rostro e nome. Os 35.000 gazatíes mortos e os 78.500 feridos polo de agora. Non son unha cifra: teñen rostro e nome. Os 8.000 desaparecidos baixo os cascallos da Franxa, e os 222 secuestrados por Hamás non son números avultados pola crueldade. Todas e cada unha destas vítimas teñen rostro, teñen nome. Estremecen eses 12.300 menores asasinados pola letal maquinaria bélica israelí. Todos teñen nais e pais. Tiñan familia. E rostro. E nome.
A barbarie da violencia e a infamia das guerras tentan deshumanizar aos seres humanos. Convérteos en bestas. Róuballes vida e identidade. Arríncalles os nomes, borra os rostros. Son tácticas antigas, mil veces repetidas. A propaganda nazi foi paradigma de deshumanización das vítimas xudeas. Facilitou o Holocausto e a chamada Solución Final negando a seis millóns de vítimas a condición humana. Borrando rostros e nomes. Os herdeiros daquelas vítimas que movían a compaixón son agora estes vitimarios que arrasan Gaza e provocan repugnancia moral.
Asasinar a cooperantes que daban de comer aos famentos éche infamia premeditada. No convoi identificado e cos movementos comunicados aos militares. Esas sete mortes son un alegato contra a fame como arma de guerra. As longas mesas con comida quente, onde sentar e comer e conversar son a denuncia dun crime contra a Humanidade.
"Unha única morte éche unha traxedia, un millón de mortes só unha estatística" dixo un experto en masacres, Josif Stalin. Sabía do que falaba. Estimacións conservadoras atribúen ao ditador ata sete millóns de mortos. As vítimas do gulag, do holodomor e do sufrimento estalinista son moitas máis.
"Israel é mellor que a forma na que está librando esta guerra", di José Andrés. ¿Guerra?. A asimetría é tal que semella un exercicio de tiro. Con brancos humanos e casas da xente. Porque a maioría desas brutais magnitudes de vítimas son civís. Para a Historia da Infamia destacan os 12.300 menores asasinados, xa sen ningún futuro por diante. Unha labazada no corazón. A familia das nacións non pode permitir que ducias de miles de mortos e feridos de Gaza se agachen detrás de estatísticas. Todos teñen rostro, todas teñen nome. Tiñan rostro, tiñan nome.
Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora