Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka

Sampedro, Pilar - jueves, 16 de enero de 2025
Nun tempo no que as grandes utopías desapareceron, vivimos alimentando microutopías, observando pequenos proxectos que funcionan a pesar das correntes que nos arrastran, deixándonos sorprender por empeños admirables... Un deles é a Biblioteca de Pedagoxía que mantén Kalandraka no seu catálogo.

Unha colección dirixida polo pedagogo Antón Costa que pon todo o seu saber ao servizo dunha empresa que debe encher de orgullo ao mundo da educación en Galicia, A Biblioteca de Pedagoxía de Kalandrakaentregándolle as referencias internacionais na lingua propia, cuns prólogos e apéndices de expertos que enriquecen a obra colocándoa na actualidade. Ben escollidas as persoas que realizan as traducións (como exemplopode servirnos a de Piaget realizada polo desaparecido Henrique Harguindey) e cubertas realizadas con fotografías de artista plástico e docente Vicente Blanco.

Dezaseis publicacións. Comezando por tres libros do gran Francesco Tonucci (A cidade dos nenos, Cando os nenos din basta! e Por que as nenas e os nenos?) nos que analiza como han de ser as cidades acaídas para a rapazada porque se o son para a infancia tamén o van ser para toda a poboación, nos que nos convida a escoitar ás crianzas para posibilitar os cambios necesarios tendo en conta os seus dereitos e dignidade. Piaget coa psicoloxía e a nova educación, Vigotski coa imaxinación e a expresión artística, Montessori coa educación para un mundo novo, Vicente Blanco e Salvador Cidrás educando a través da arte, Paulo Freire coa pedagoxía do oprimido, a Carta a un profesor mozo de Philippe Meirieu, John Dewey con Experiencia e educación, a escola de Barbiana coa súa Carta a unha profesora, Celestin Freinet coas súas técnicas, O sorriso do coñecemento de José Antonio Fernández Bravo, Comezar polo neno de Mario Lodi, As “novas escolas” e os seus problemas de Ernesto Codignola & Aldo Visalberghie os colectivos Mulleres imprescindibles educadoras na vangarda do século XX sobre o legado de nove mestras transformadoras da man de outras tantas autoras e autores ou o libro homenaxe ao profesor, investigador, pedagogo e cidadán Antón Costa: Realidades e horizontes da educación en Galicia coas achegas de cincuenta e seis autoras e autores que redactan vinte e dous textos coordinados por José Antonio Caride e Jesús Rodríguez.

Esta é unha magna obra que lle quere facer xustiza a un home imprescindible na historia da educación en Galicia nestes dous últimos séculos: promotor da pedagoxía Freinet a través de ACIES, creador de Nova Escola Galega, de publicacións como As (novas) Roladas e a Revista Galega de Educación, catedrático de Historia da Educación na USC, autor dos maiores traballos ao respecto citando como exemplo a inmensa Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IV-XX. O escritor que ademais dos premios a libros recibiu o premio Lois Porteiro polo seu traballo a favor do galego na USC. Ninguén sabe tanto da Historia da educación en Galicia pero a ninguén se lle pasou pola cabeza pensar nel para empresas de relevancia como dirixir o MUPEGA ou para outros cargos, tal vez ese sexa o prezo a pagar por estar do lado de Galicia e ao galego...

Estamos, pois, ante unha editora que pon nas mans do profesorado a teoría necesaria que pode guiar a súa práctica e nas mans do alumnado de ciencias da educación os libros de referencia na lingua do país. Unha editorial que supera as nosas expectativas da man dun director de colección que leva toda a vida ensinando e poñendo en pé os alicerces dunha nova escola.

Agradecidas estamos!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES