Crónica dunha guerra (1)
Ávila Soto, Federico - viernes, 10 de enero de 2025
Estando a vivir e traballar nos Países Baixos, e a partir da noticia que a televisión neerlandesa comezou a emitir no momento en que a OTAN decidiu bombardear o que quedaba da antiga Iugoslavia polo conflito de Kosovo, me poño a escribir diariamente (a bolígrafo) os sucesos que retransmitían polas televisións, ollaba en diversos medios, e comentaba coa miña dona, que era a miña mellor información nos tempos ausentes da casa. Como estaba todo a bolígrafo (daquela aínda non tiña ordenador) quedou esquecido entre papeis e carpetas na nosa volta da emigración. Neste decembro pasado, púxenme a copialo en Word no portátil que teño é, lendo, doume de conta do gran parecido, dende a perspectiva dun traballador, que ve e xulga escandalizado este conflito que os gobernos europeos e os Estados Unidos de América aplicaron aos serbios, con o conflito "forzado" de Ucraína, de achegar armas e posicións estratéxicas ás portas de Rusia, sen facer caso ás advertencias. Son 19 páxinas escritas a bolígrafo por ambas as caras, e actualizadas no ordenador case 25 anos despois daqueles feitos, onde unha lectura completa da crónica, nos mostra as semellanzas cos conflitos actuais, e a política "colonizadora de EEUU sobre Europa", que finalmente conseguiu os seus obxectivos.
Así estaba escrita dita crónica: (non profesional)
30-03-1999
Nestes días, estanse dando uns feitos moi graves que afectan plenamente a toda Europa e á estabilidade global. Tentarei expor os meus puntos de vista sobre aspectos que estou vendo en todo este labirinto. Hoxe é o sétimo día no que a OTAN empezou a bombardear Iugoslavia desde o aire, coa forza aérea e mísiles dende barcos, é dicir, Serbia polo problema de Kosovo. Como xa se sabe, este ataque da OTAN de esta envergadura, creo que o primeiro nos 50 anos de existencia, está sendo imposto polos Estados Unidos de América. Son eles os que achegan case todo o material bélico, os europeos proporcionan a terra, xa que non se trata de Canadá nin de México, que ben lles afectaría a eles. Pero tanto Holanda como Alemaña, Francia, España, Bélxica, etc., temos a Iugoslavia coma se fose o noso patio traseiro, aféctanos, pero non é a nosa casa, é o patio ou xardín, e aínda que algunhas flores ou herba se estraguen, pouco é. ¡Así vai a cousa!
Onte, na televisión vin unha entrevista a dous personaxes, un deles un representante no parlamento dun dos partidos da coalición gobernamental (VVD) en cuestións militares, e un líder dunha asociación de axuda a Kosovo; das palabras que entendín claramente, díxolle ao político sobre cuestións militares: ¿por que lle fixo caso a Clinton e a Blair?, e o político dálle que dálle co problema humanitario. Isto é o colmo, estar escoitando hoxe estas palabras..., hai uns meses, en Ruanda morreron máis dun millón de persoas coma pulgas cando se lle aplica o insecticida, e atormentáronnos coas imaxes polas televisións das miserias máis míseras, ¿cantos avións, helicópteros, barcos, tropas, súper avións e súper bombardeiros moveron os Estados Unidos e toda Europa? O único que moveron foi a moviola do invento do século que lles era máis barato: ¿ese foi o prezo dun millóns de mortos? Agora resulta que as mortes de Kosovo apreciáronse na Bolsa de Nova York, e teñen un prezo astronómico. Creo que estes bombardeos están baseados nos beneficios astronómicos que van conseguir os americanos, e que quererán que paguen todos os europeos, incluídos os serbios.
A min estame a sorprender a fachenda que se está montando, nas televisións non se dan apenas reportaxes do que está pasando, dá a impresión de haber unha censura xeral en toda Europa, e se se quere ver un pouco, ten que ser a través da CNN americana algunhas entrevistas a politólogos ou ex militares, e nos programas de debate só un pouco. Pero en todo obsérvase unha prostración e unha baixada de pantalóns dos representantes da soberanía das nacións europeas. Repiten coma galiñas ca-careando o mesmo discurso, sábeno de memoria, dá a impresión que foi redactado polo alto mando americano, e todos sen moverse da foto, nolo van tirando para que traguemos. Non se oe voz ou voces dos intelectuais, do periodismo, dá a impresión que anda fervendo o poleiro, pero os medios descaradamente están ao servicio do poder, ¿é isto democracia? Cando se pregunta ¿porque a Serbia si e a Turquía non?, non contestan ou fan o parvo, pero a pregunta segue no aire e ninguén a quere contestar.
Estes representantes políticos e militares que estamos pagando, e que ata agora criamos que estábamos ben representados, están a punto de culminar unha apoteósica actuación: a do esperpento do ridículo mundial. Queren fuxir a toda présa e non saben coma facelo. Onte Blair e o seu ministro de exteriores Robert Cook, creo que se chama así, nos deleitaban cunha actuación de prestidixitadores explicando, vía día-positiva nunha gran pantalla, a raíz do problema: a imaxe dos (para eles) xenófobos serbios, e a campaña que están a montar para levalos a un tribunal internacional por xenocidio. E a verdade é, que os xenófobos somos nós, ou mellor dito, os nosos representantes, porque foron os que atacaron un país soberano sen respaldo xurídico algún, e a desculpa "humanitaria" non pode valer. Eu digo: Franco matou ou morreron na nosa guerra quebrantando a legalidade republicana máis de un millón de españois, ¿e que fixeron os humanitarios europeos e americanos? Os turcos masacran aos kurdos, ¿e cal é a resposta?, ¿montar o número israelí-americano e dos europeos, na captura e xuízo do líder que defende a seu pobo da masacre?, ¿esta é a nosa xustiza? Así andamos en todos os conflitos.
Hoxe todas as esperanzas para sacarlle as castañas do lume á OTAN e ao inmenso ridículo que están facendo os nosos representantes políticos, (de toda Europa) están postas en Primakop, o primeiro ministro ruso que vai hoxe a Belgrado. Eu xa me estou rindo do papel de Súper-man que lle están encomendando aos rusos, e lembrar o gran número montado polo Banco Mundial: como xa se sabe, ía o Primakop a Estados Unidos a tratar dun importante préstamo para impulsar a economía rusa é, en pleno voo ao ter noticia do bombardeo, deu media volta, rexeitando o préstamo e deixando aos do Banco Mundial cun palmo de fociños. Axiña correron a Moscú a darllo con todas as facilidades, e cuns sorrisos dignos dos comediantes.
Outra falcatruada da propaganda foi, dicir o ministro de exteriores británico que Orkan, presidente de un club de fútbol hoxe, pero colaborador na guerra de Bosnia de comandos especiais serbios, de que estaba no Kosovo facendo limpeza étnica. Ás poucas horas, sae pola televisión dende seu domicilio en Belgrado, chamándolle mentireiros aos ingleses, que el non se moveu de Belgrado é, ensinando un anaco do súper avión derribado polos serbios, e que o Pentágono o negaba, advertindo, que no momento que tropas da OTAN desembarcaran no Kosovo, si o atoparían alí.
(P.D.: Este foi o primeiro día da crónica, nos días sucesivos irei publicando os demais días ata 20, que é o que conforma o que escribín sobre esa guerra).
Ávila Soto, Federico