Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 10 de enero de 2025
Chove

Chove. Chove sobre a inocencia dun neno e a realidade dun adulto. Chove ás dez da mañá. Chove sobre as miñas costumes. Levaba anos, pero anos, sen escribir polas mañás. Hoxe, como o periódico está ocupado e como o café baixa en tres tragos, non podo perder o tempo. Hai que matalo. Como sexa. Escribindo.
Chove sobre o asfalto e sobre a terra onde non hai asfalto. Chove sobre unha rula, sobre unha pomba, sobre un piorno, sobre un codeso e chove desde o ceo. Desde o ceo caen pingas grosas e case frías. E molestas, e incómodas, e molladas. Molladas sempre.
Pingas de OrballoChove sobre o valado no que asenta unha pena e sobre o nobelo de fío que está máis apertado, máis premido ca nunca. Chove sobre a conciencia de alguén que vai e vén coa ollada perdida por entre as pingas da cobiza. Chove sobre o eucalipto que medra e sobre o carballo recio, sobre o toxo florido e o sorriso aberto.
Segue a chover ás dez e dez da mañá. E choveu durante dez minutos nos que unha banda sonora rachou o silencio e que, agora, Édith Piaf deixa caer, sobre o mesmo silencio, moito sentimento. Porque hai xente que sente, que ama, tamén que odia, que é fría e que chora dentro dos pesadelos; dunha maneira ou doutra, baixo as pingas de auga que están caendo.
Chove desde un ceo gris e acompañando a Elvis Presley nun "Love Me Tender" sentimental e eterno. Chove sobre o arco da vella e coa banda sonora dun asubío que deixo escapar por entre os meus beizos. Sempre me gustou asubiar baixo a chuvia. Máis aínda cando hai néboa. O que pasa é que agora... chove.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES