Coñecino cando lle entregaron o caxato de Avelino. Pasado o tempo dubidaba se o recollía pola dirección da SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), esa editora creada en Santiago en 1966 que tiña como obxectivo editar e difundir publicacións de carácter relixioso, cultural, informativo, social e económico en galego e que, na actualidade, ten a súa sede en Vigo. Postos a lembrar este editora, continúao... Foi o primeiro grupo editorial en editar a Biblia en galego. En 2014 Freixanes escribía: "A tradución do Antigo e do Novo Testamento ao galego, os grandes textos da cultura
xudeo cristiana, resultado de case outros vintecinco anos de traballo, constitúe un dos esforzos máis valiosos, esixentes e xenerosos da nosa crónica cultural, cun equipo de especialistas que afrontaron o desafío partindo das linguas orixinais: hebreo, arameo e grego, sen intermediacións, cun aparato de notas e información complementaria de enorme utilidade, que o lector disfruta e agradece de xeito especial, alén da súa condición de crente." Os seus presidentes anteriores foron Xaime Illa Couto, Fernández del Riego, Domingo Fernández del Riego e Alfonso Zulueta de Haz facéndose cargo da dirección Francisco Domínguez en 2016 ante os problemas de saúde do presidente anterior. Os obxectivos quedan determinados pola edición, venda e difusión de libros, revistas e outras publicacións de carácter relixioso, social e económico e a promoción de toda clase de traducións, estudos e traballos complementarios ou auxiliares daquelas actividades. A loita pola aprobación oficial do galego na liturxia publicando o Misal galego e outro tipo de material de apoio para a liturxia en galego como Fichas musicais de cantos litúrxicos en galego (promovidos na súa maioría polos Irmandiños entre1968 e 1970), A Palabra de Deus: Os Evanxeos (de Manuel Espiña e Xosé Morente en 1965), Os Salmos (en versión de Isaac Alonso Estravís en 1967), Pacem in terris. (versión galega en 1968), Populorum progressio. (versión galega de 1968), Odinario da Misa para os fieis (dos que se editaron milleiros de exemplares para facilitar as respostas dos fieis).
Agora, que acabo de repasar que era e significaba, xustamente, SEPT (...como lembra ás iniciais de setembro en castelán, ese mes de volta ao recollimeno) penso que non foi moito o conseguido pero si inmenso o traballo realizado con calidade e esforzo. É necesario agradecelo.
A memoria xoga con nós e así pasado o tempo, veño a saber que Quico Domínguez recollía o premio pola Fundación Penzol e non pola SEPT. Estaba alí, fun testemuña desa entrega na súa VII edición, no salón de plenos do Concello de Teo, por parte da Irmandade Avelino Pousa, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos. Recibido polo director, Francisco Domínguez Martínez, quen pronunciou o discurso de agradecemento, estando presentes no acto a padroeira María Dolores Cabrera Iglesias e o padroeiro Silvestre Gómez Xurxo. Tamén lembro que preguntando cheguei a saber de SEPT e do depósito do legado de Avelino Pousa Antelo á Penzol. Quico era un home comprometido, por iso, un tempo despois veu acompañar a entrega do caxato e lembrar ao galardoados anteriores. Daquela, non había xantar previsto pero algúns de nós tiñamos pensado encontrarnos ao redor dunha mesa nunha casa amiga e expliqueille o plan, el sentíase alleo pero demostrámoslle que ninguén o era cando o lazo é de amizade e compromiso; estou segura de que se sentiu ben e agradecido por aquelas horas compartidas que tal vez lle lembraban tempos pasados.
Sabelo de Ribeira, igual que o historiador Barreiro ou o teólogo Torres Queiruga foi, para min, un gusto pois a primeira idea é que esa vila (que apenas garda sinais do pasado) non podía contar cunha xente tan digna. Contradígome cando penso que a primeira persoa a quen se debe recoñecemento é a Paco, o crego de Aguiño, un home bo e xeneroso que fixo de Igrexa un fogar. Homes ligados á unha Igrexa que non é xustamente a oficial e a un país, como demostra a súa militancia e responsabilidades no Partido Galego Socialdemócrata e Partido Galeguista.
Agardamos que no Alén continúe viva e nosa lingua, esta que no Aquén está en proceso de desaparición.