Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pérdese a esperanza?

Rubal, Pedro - viernes, 10 de enero de 2025
Cambiemos a pregunta. Podemos vivir sen esperanza?. É a esperanza un estado de ánimo sen o cal poderíamos definir a nosa vida?. Ocasional e coloquialmente soemos dicir que "perdemos tal ou cal esperanza", porque o obxecto da mesma evidencia a imposibilidade de acadalo, ou porque, subxectivamente, somos vítima dun estado fisio-psicolóxico que neutraliza a xeración dese estado de ánimo, como tamén podemos perder a razón por análogos motivos. Creo que isto basta para xustificar algunha reflexión sobre a esperanza.
Empecemos realizando unhas puntualizacións históricas. No ámbito filosófico, a esperanza non tivo un tratamento especificamente importante en Grecia. A súa relevancia está no Antigo e no Novo Testamento, nos que se centrou o interese teolóxico cun sentido relacionado coa Resurrección. Pero isto non impediu que o uso do termo grego "élpis" deixe espazo a "pistis" (fe), na que a súa semántica apunta á esperanza, en canto se relaciona con algo que se espera e que xera un certo consolo. E para os teólogos, que acusan a influencia de San Agostiño, a esperanza ven a ser unha virtude relativa a un ben persoal.
Así se explica que, posteriormente, acabara sendo definida como unha das "paixóns da alma", desencadeada por ese pracer que proporciona a espera no futuro de algo deleitable. Subliñemos, pois, o predominio da ESPERA, que non se esqueceron de analizar algúns filósofos, como Kierkegaard e Heidegger, e nos nosos días Laín Entralgo, cun enfoque psicolóxico, quen a aborda nunha obra titulada "La espera y la esperanza". Hai, incluso, enfoques que abren outros horizontes non desprezables, como é o caso de Marcel, que considera a ESPERANZA como unha abertura que non se reduce ao que espera, senón tamén ao esperado, con fundamento na transcendencia, dando entrada ao ontolóxico, ao ser, en comparación ao ter, de matiz antropolóxico.
Hai algúns filósofos, como Ferrater Mora, que encontran na "análises da espera", realizado por Laín, un especial interese en descubrir o que existe no animal. Parece como se unha visión naturalista proporcionara ideas que permitan articular a espera nun vivir predador ou defensivo, no "suprainstintivo" e "suprasituacional", constituíndo a esperanza que adoita manifestarse como un proxecto, transcendendo ao animal. E isto lévanos a recordar ao recentemente finado Frans Waal, naturalista holandés e profesor de psicoloxía na universidade estadounidense de Emory, Atlanta (Georgia), e tamén destacado investigador dos grandes simios, que lle permitiu gañar, con Jennifer Pokorny, o Premio Nobel do 2.012, por descubrir que os chimpancés poden identificar, individualmente, a outros nunha fotografía.
Pero, unha vez presentado este importante naturalista, que, sen dúbida, sería moi coñecido por Laín, interesa saber que a súa investigación acerca da capacidade natural para identificarse entre os primates ("empatizar") levouno a concluír que os grandes monos e os seres humanos somos só tipos diversos de monos, e non nos separan grandes diferenzas. Así o explica no seu libro "El mono que llevamos dentro", precisamente facendo uso do comportamento dos chimpancés e dos "bonobo", como metáforas para a psicoloxía humana.
Foi capaz Waal de relacionar os "datos primatolóxicos" con asuntos que preocupan aos políticos, científicos sociais, psicólogos e filósofos. E todo ese esforzo investigador lávao a figurar na revista TIME como unha das cen persoas máis influentes do mundo. Incluso chegou a dicir, nunha entrevista, que os monos capuchinos recollen os coios do patio se se lles paga con toradas de cogombros. Polo que parece que a eles os "pepinos" impórtanlles ata o extremo de ESPERAR que a súa limpeza no patio sexa acredora a unha recompensa. Talvez que Laín veu pertinente relacionar estes comportamentos coa esperanza dos seres humanos, acadada na evolución darwiniana, camiño dunha maior complexidade biolóxica, que ven a ser a nosa.
Por suposto, este ilustre pensador español está lonxe de caer nun reducionismo naturalista, xa que pensa que o que atangue ao ser humano é facer e ter historia, posto que non é só animal de realidades, senón tamén histórico, transmitindo e mellorando o futuro, mediante o emprego das capacidades facilitadas pola propia natureza, evitando que a analítica da vida a determine a angustia (Heidegger), senón a esperanza, que sempre xoga, no proceder do ser humano, na transcendencia do instintivo, para dar solución aos seus problemas de orde biográfico. E porque, ademais, este ser non é só un suxeito das súas propiedades senón tamén, como engade Zubiri, un "apropiador das súas posibilidades"; non é un mero HIPOKEÍMENO, senón un HIPERKEÍMENO (supraestante). Laín concéntrase na "espera" (e na súa análise destaca o papel decisivo do corpo, pero sen deixarse caer no reducionismo), a cal coa "crenza" e a "dilección", ou vontade honesta, constitúe un dos tres modos considerados por Zubiri radicais da realidade humana.
Sen dúbida que os estudos de Laín Entralgo relativos a "espera"cobren ao home como animal ESCHATOLÓXICUM, un "ser aberto ao que pode ser" e "está chegando a ser", mercé ás súas posibilidades de futuro. E penso que, polo explicado, o home/a muller non poden perder a esperanza; o que si ocorre é que a mesma non se aplica en determinados casos, por as pertinentes razóns que as análises deles suxiren, ou por especialísimas patoloxías nas persoas, que o impiden, como pasa coa mesma razón.
En todo caso, non deixemos, durante a nosa vida, esvaecer a esperanza, evitemos a súa debilitación por moito que nalgúns adaxios se nos aconselle que non esperemos esperando, senón vivindo ( e ata Pierre Corneille dicía que a súa máis doce esperanza era perdela). Hai que apoiala, aínda que, se non se pode facer outra cousa máis que esperar, se faga moi largo (Axel Munthe), xa que a esperanza admite graos, e incluso pode ser angustiosa, precisamente porque está aí como algo esencial. E así como o fallo da razón nalgún caso non implica a perda desta facultade, tamén este estado de ánimo acompáñanos cando o que se desexa se presenta como alcanzable: Non hai que esperar vivindo; hai que vivir esperando!!.
Certo que os avances tecnolóxicos, non obstante, incrementan as incertezas, debilitando a esperanza da paz no mundo, por exemplo; pero a renuncia a eles parece inaceptable: Unha nova variedade de ARMA DE MICROONDAS DE ALTA POTENCIA, que integra ondas electromagnéticas, aplicando a tecnoloxía de sincronización, foi creada por un grupo de científicos chinos. Así informa South China Mornina Post. E neste país asiático xa se superaron os ensaios experimentais necesarios. Hai, pois, que considerar, que esta arma neutraliza o efecto de todas as coñecidas ata a fecha. E pode ser un recurso humano para acadar esa paz no mundo. pseñores da guerra non renuncian á eficacia destrutiva da técnica, terán tamén que aceptar a neutralización científica da mesma. E, se non se quere racionalizar as condutas humanas, tampouco se poderá evitar a súa determinación ata onde nos poda levar o uso arbitrario delas.
Pensando nos señores das guerras, a miña fraca memoria, que me foron deixando os anos e as peripecias da vida, permitiume a lembranza daquela fábula na que nos conta Esopo que unha raposa entrou na casa dun actor, e, revolvendo na cousas, encontrou unha careta moi ben feita, pero despois de contemplala dixo: "fermosa cabeza, pero sen miolos". Descúlpenme, en honor do recordo do ilustre profesor de latín do Instituto de Lugo, Don Froilán, a pedantería de ofrecela aquí a eses teimosos señores, por se cataliza nas súas vontades un proceso que colme as esperanzas da Humanidade: Encherlles a careta de miolos.
En latín:
Personam trágicam forte Vulpes viderat.
O quanta spécies, inquit, cerébrum non habet!.
Hoc illis dictum est, quibus honorem et gloriam
Fortunam tribuit, sensum communen abstulit.

Tradución libre: "Veu por casualidade a raposa unha máscara/de farsa, e dixo logo: ¡Oh que bela cabeza/pero sen miolo!. Isto díxose por aqueles, aos que/a fortuna colmou de honor, e gloria, pero/negoulles o xuízo."
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES