Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - miércoles, 08 de enero de 2025
A Cidade da Cultura

Hai pouco tempo atopeime co meu amigo Balbino. O home baixaba nese intre da Cidade da Cultura, o gran complexo construído sobre o compostelán monte Gaiás, onde acudira para que o vacinasen contra a gripe e o COVID. Balbino é un tipo bastante peculiar e máis listo que un allo. En lugar de queixarse pola dor da picada, o meu amigo dedicouse a observar con detemento o lugar que o SERGAS elixira como "vacinódromo" mentres lle daban a dobre estocada coas agullas das xiringas. Segundo contoume máis tarde, tratábase dunha sala enorme e baleira situada á beira dun edificio en cuxo rótulo podíase ler que aquilo era un "Centro de emprendimento". A pregunta que lle veu inmediatamente á cabeza foi: Para isto dedicaron semellante cantidade de diñeiro? Para crear un coworking, un espazo xigantesco no que só hai algunhas mesas con computadores?
Ao saír da sala na que seguían poñendo vacinas a torto e a dereito, Balbino deuse unha volta polo Gaiás, un lugar ao que non subira dende había anos. E o certo é que o que viu resultou bastante decepcionante. Aqueles edificios asombrosos -aclaro que o meu amigo non é arquitecto e a súa visión é a dun simple visitante- estaban medio baleiros. Unhas poucas persoas paseaban entre eles tras saír dunha exposición sobre os viquingos que se amosaba no Museo Centro Gaiás. Algúns destes edificios convertéranse en meros complexos de oficinas. Outros, como era o caso do museo, continuaban a ser espazos sen graza que nin sequera se enchían de vida cunha exposición interesante como aquela que naquel momento ocupaba o segundo andar do centro. E mentres se afastaba do Gaiás, Balbino rompíase a cabeza tentando responder ás seguintes preguntas: Pero este complexo… non naceu para exhibir a cultura de Galicia, á vez que tentaba servir para que os turistas que se achegasen a Compostela prolongasen a súa estadía evitando que a xente continuase a amorearse ao redor da catedral? Se é así, que fan aquí estas oficinas? Que sentido ten crear un centro de emprendemento? Quen ten tan mal gusto como para visitar un coworking ou un complexo administrativo? Onde están eses turistas que debían ateigar estes espazos deseñados por Peter Einsenman, por que non soben ata aquí dende o centro de Santiago, polo que ás veces non se pode camiñar? E a resposta a estas cuestións xurdiu de maneira inmediata: O Gaiás non serve para o que estaba pensado porque, simplemente, se abandonou a idea que levou á construción deste proxecto. Peter Eisenman, o xenial arquitecto que deseñou, entre outros, o Memorial do Holocausto de Berlín, non ideou edificios de oficinas nin centros de saúde. O que el proxectou foi un gran complexo cultural nun conxunto extraordinario de edificios de vangarda. De maneira que a pregunta que habería que facer aos responsables do Gaiás é: por que diaños non se retoma esa idea orixinal? En lugar dun "Centro de emprendimento" non sería mellor un museo da Universidade de Santiago, ou ese Museo da Medicina que a Xunta planeaba crear preto do Clínico cos fondos do Museo Nacional de Anestesioloxía? Por que non se poden ver aquí os fondos do CGAC? Por que o Museo Gaiás non deixa de ser ese espazo baleiro, que ademais se come unha parte importante dos recursos anuais da Consellería de Cultura, para converterse nun escaparate do patrimonio natural e cultural de Galicia e do Camiño? Por que non se recuperan para o Gaiás os fondos da exposición permanente "Galicia Dixital" que durante anos púidose ver en San Martiño Pinario? E por que non se retoma a idea de Einsenman de permitir a construción ao redor da Cidade da Cultura de edificios destinados a hoteis ou a outros usos financiados con capital privado? Actualmente resulta moi complicado chegar ao Gaiás se non tes un coche, pero tampouco se mellorará a súa comunicación co centro de Santiago se a xente segue sen acudir alí máis que para poñerse unha vacina.
Estas e outras cuestións foron as que me expuxo o meu bo amigo Balbino que, como non ten outra cousa mellor que facer, dedícase a pensar nos biosbardos mentres amólame coas súas teimas cando me atopa paseando polas rúas de Compostela.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES