Os signos externos, a credencial do retornado
De América, co baúl "Mundo"; e de Europa, co "Haiga", que tamén admiten baúl, ¡pero xa non é "Mundo".

Con baúl, ou..., ¡nada! ¡Os signos externos, as credenciais do éxito! ¿Volver sen baúl, grande, grandísimo, aínda que veña soando a oco? ¡Iso nunca, que antes morro..., diso, de morriña!
A inseguridade do retorno sempre é, e sempre foi, o pesadelo de todo emigrante; comézalle no intre de tomar terra, maiormente tratándose de país estranxeiro, e máis, máis aínda se a aterraxe é, foi, americana. Fan bo aquel dito das nais espartanas: Volve co teu escudo, ou, do que non, sobre del! Nisto, as nosas, algunha, que non a maioría, por suposto, tamén eran espartanas, tamén preferían que o fillo / a filla non volvesen de non traer consigo un "mundo"..., máis ben polo que dirían os veciños! ¿O que dirán? Si, ese complexo, esa teima dos lugares incomunicados, e por tanto, ególatras, que, afortunadamente, foinos desaparecendo coa globalización cultural.
Aqueles baúis xa os fabricaban de xeito que, no retorno, servisen, ¡tamén!, de roupeiro, á vez que de signo externo pois, de posto en lugar céntrico das casas, as visitas de confianza, as que entrasen ao comedor, sairían confundidas coa riqueza daquela familia que, en por si, ou polos fillos, irmáns, etcétera, ¡fixera as Américas! ¿Complexos da emigración? Si, tamén, pois en todo regreso pletórico hai unha vendetta familiar. O termo, dentro ou fóra do baúl, trouxérono máis ben os retornados da Arxentina, apreso, copiado, dos italianos.
O feito de saír xa implica fracaso, fracaso familiar; pero este complexo ten algo, ¡moito!, de bo, xa que serve de espoleta, de espada agresiva, para..., para face-las Américas, que a iso se ía! Non era exactamente facelas, pero si contribuír a facelas, a elevadas partindo dos seus inmensos recursos naturais..., a cambio dunhas migallas, que poucas veces pasaban de ser auténticas propinas en proporción á riqueza por eles xerada ou aportada, en ideas, pero tamén en traballo físico!
-.-
Nunha apertada síntese pois o problema, causas e consecuencias, da nosa emigración, en particular a dos séculos XIX a XXI, é tan xigantesco como xigantescos foron os nosos éxodos: inabarcables e inenarrables. ¡Cada caso, cada situación, un mundo, un mundo atroz, saturado de penalidades, con algún que outro éxito, que tampouco é para omitilos, de sublimes que son, que foron, gran parte deles! Hai ocasións, situacións, asuntos, materias, nas que ser un multa paucis faise punto menos que imposible, e esta é unha delas, pero..., intentareino!
Para nós, todo comezou cunha inmigración, aquela de Noé cando amarrou en Noia a súa arca, e os fillos deron en producirlle netos. O que non está claro é onde plantou a viña, que deberon ser moitas xa que as hai por todas partes.
Ora ben, ¿como foi que os netos de Noé désemos neste ¿vicio, virtude, necesidade?, de emigrar? Para comezar polo fondo da cuestión, que é como se fan os cestos: Emigrouse sempre, e de sempre, por rico que fose o país, unhas veces polas aperturas e outras pola natural tendencia a mellorar de situación económico-social. Pero aquí en Galicia apreciouse un incremento acelerado, progresivo, nos séculos XVI e XVII, consecuencia daquelas levas, daquelas guerras, daquela necesidade de inzar América, para anosala, ¡anosala ou anoxala, que non cabía outra de metidos en pretensións imperiais! No interior, despois de que axudamos a repoboar Granada, viñeron as segas de Castela, así que, entre que eles tiñan demasiado trigo e o noso era pouco e tardío, con todo Galicia chea de ferreiros, alá nos fomos, fouciño en ristre! A gran estampida, tras do sol, seguindo ao sol, para que non se nos puxese na Fisterra, ¡e xa que outro paisano, Colón, marcara os sucos, as derrotas!, tivo lugar no XIX, encamiñada, principalmente para Arxentina (¡a quinta provincia galega!), Cuba (onde fixo falta suplir aqueles escravos gratuítos por outros barateiros, os mozos galegos), Uruguai, Brasil... ¡E menos mal que pararon de enviar foguetes á lúa, pois, do que non, pensarían en nós para poboala!
Durante a primeira metade do século XIX a emigración a América estivo prohibida, ou máis exactamente, limitada, coa excepción de Cuba e Puerto Rico. A constitución arxentina do ano 1853 abriunos a porta grande, o seu porto do Río de la Plata, co artigo 25: "...El gobierno federal fomentará la inmigración europea y no podrá restringir, limitar, ni gravar con impuesto alguno la entrada en el territorio argentino de los extranjeros que traigan por objeto labrar la tierra, mejorar las industrias e introducir las ciencias y las artes...
O 1853 tamén aquí foi notable xa que se suprimiu a prohibición de emigrar a América aos canarios e aos peninsulares. Logo veu a Constitución de 1869 que recoñeceu a liberdade para emigrar, se ben, ¡se mal!, estableceu unha fianza, un depósito, requisito, traba, que non tardou en suprimirse. A regulación plena non chegou ata o ano 1907 establecéndose: Que non se permitiría emigrar aos rapaces suxeitos, en idade, de servizo militar, ou con condena; e logo outros requisitos para os menores de idade, mulleres casadas, etcétera. Esixiríase permiso do Consello de Ministros, iso tamén, nos casos de posible, ¡presumible!, despoboamento dun territorio determinado. Esta Lei, a antedita, foi un destape para a nosa emigración, que colleu carácter masivo. Para unha certa perfección da lexislación precedente, unha Lei de 1924 permitiu, posibilitou, a creación de axudas estatais e de convenios cos países receptores..., para facilitar a evacuación dos excedentes locais!
A Constitución de 1931 recoñecía o dereito a emigrar, sen outras suxeicións que as limitacións que as leis establecesen (Artigo 31: Todo español podrá circular libremente por el territorio nacional y elegir en él su residencia y domicilio, sin que pueda ser compelido a mudarlos a no ser en virtud de sentencia ejecutoria.- El derecho a emigrar o inmigrar queda reconocido y no está sujeto a más limitaciones que las que la ley establezca.- Una ley especial determinará las garantías para la expulsión de los extranjeros del territorio español), engadindo que a súa lexislación social tiña que regular as condicións do obreiro español no estranxeiro (artigo 46).
Despois da..., ¿incivil?, restrinxíronse algunhas saídas, sumándose o feito de que Venezuela, por motivos políticos, púxonos o 'Stop', pero os canarios aprenderon a facer contrabando, ¡en barquiños de vela!, así que aló se coaron cerca de cen..., ¡pateras, como agora se di! México abriulles os brazos, digo, os portos, aos exiliados da guerra, que por certo lle deron un gran pulo cultural.
No 1956 España adheriuse á Comisión Intergubernamental para Migracións Europeas, (C.I.M.E.), creándose, de paso, o Instituto Español de Emigración.
A Lei de Ordenación de la Emigración de 1960 encarrilou a nosa emigración dos anos 60, que se ancorou maiormente na Europa occidental. A de 1971 ampliou a acción protectora do Estado, garantindo dereitos, fosen civís ou políticos; atendeuse, ¡algo!, á formación profesional del emigrante, e tamén á súa educación e á dos seus fillos.
A Constitución do 78 contempla a liberdade de emigrar e esixe a tutela do emigrante polo Estado, todo iso condensado e derivado do seu artigo 14: Los españoles son iguales ante la ley, sin que pueda prevalecer discriminación alguna por razón de nacimiento, raza, sexo, religión, opinión o cualquier otra condición o circunstancia personal o social". O 19 establece a liberdade de circulación e de residencia. E non sigo, pois tódolos españois temos a obriga de coñecer e de respectar a nosa Constitución, así que, ás bibliotecas, macho; macho ou femia, xa que somos iguais ante a Lei!
-.-
Fotos famosas da emigración galega
-oOo-
Especialmente dedicado ao Alcalde de Pol,
D. Lino Rodríguez Ónega,
que el si que entende e respecta aos emigrantes.
-oOo- Gómez Vilabella, Xosé M.