Tempo de autocracias e memorias de liberdade
Pinto Antón, J.A. - viernes, 03 de enero de 2025
Autocracia, ou cando a vontade dun só éche a única e suprema lei. En 2024 o 71% da poboación do planeta vive en autocracias e ditaduras. Hai 20 anos era o 50%. Hoxe, dos 91 países considerados democráticos, só 32 son democracias liberais como a nosa, con institucións e dereitos individuais. Hai 15 anos eran 43. Se en 2003 había 53 países embarcados no seu proceso democrático, hoxe son 18. E, o máis preocupante, se naquel 2003 só había 11 países camiño da autocracia, hoxe son 42. Números e máis números para matinar no mundo que estamos a construír, o planeta no que imos vivir. Porque vén de chegar ao trono do mundo un personaxe inquietante, Donald Trump. A gran democracia americana vira cara a unha 'monarquía' republicana onde unha soa persoa concentra os tres poderes do Estado, executivo, lexislativo e xudicial. E atemoriza ao 4º poder, os medios. Nas minguantes democracias, a aposta polo centro virou cara aos extremos. Ábrese paso unha época de antipolítica. De desdemocracia.
"¿Cómo explicar o trunfo e ascenso de tiranos e charlatáns?", preguntábase o historiador R.J. Evans diante de vintecatro perfís no III Reich. Na retina, os rostros de Hitler e Goebbels, orixe da barbarie e semente do mal. Himmler, Borman, Göering, Speer, Heidrich
na memoria do espanto. Daquela, foi quen de engaiolar a pobos enteiros como Italia, como a culta Alemaña coa cizaña do resentimento despois da humillación da I Guerra Mundial. Tamén agora pódese enganar e empuxar ao mal á xente. "Hoxe emerxen homes fortes, aspirantes a autócratas que co respaldo popular traballan para debilitar a democracia, amordazar os medios, controlar a xudicatura, afogar a oposición e socavar os dereitos humanos básicos". E alerta, case un século despois, sobre a volta dos nacionalismos populistas. E de cómo a xente, mesmo traballadores e mocidade, milita no desencanto e desconfía da democracia. Os Trump, Milei, Orban, Putin, Maduro, Bolsonaro, non son nazis. Os nazis eran militaristas, racistas e agresores internacionais, profetas dun credo racial alucinado e feligreses da relixión de violencia. Agora, o combustible do extremismo político e dos nacionalismos populistas é a inmigración. O 'outro', estranxeiro, migrante ameazan ao Pobo puro, ideal. Pero hai algo que une como vasos comunicantes a aquel fascismo co actual populismo: a decepción coa democracia. Aquí chegou para moitos como agasallo despois da 'longa noite de pedra'. Pero o seu réxime de dereitos e liberdade é tarefa sempre pendente de civismo, exercicio de cidadanía, edificio en construción.
Unha personalidade xigante e templada vén de escribir as súas memorias. Angela Merkel alerta do perigo que corren as democracias. Premonitoriamente titula as súas memorias "Libertad".

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora