Crise matrimonial por un cigarro
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - viernes, 03 de enero de 2025
Fai moitos anos, unha muller de Foz casou cun home que non era galego, pero entendíanse ben e a súa vida foi coma de todos, a de loitar para vivir.
Chegaron ater dous fillos e o marido, ao que lle imos chamar Anxo, foise integrando bastante ben coas xentes e costumes de Foz.
Unha tarde, cando Anxo chegou do traballo comentoulle á súa muller, á que lle imos chamar Antía, que ía saír a tomar un viño á taberna que tiña preto da casa, pero que logo volvía.
Anxo chegou á taberna e pediu o seu viño, cando de súpeto entra outro home no bar e se encontran ámbolos dous que eran coñecidos de había moitos anos e moitos anos había que non se vían. Déronse un abrazo fortísimo e acto seguido, a falar ad vida de cada un. Desas cousas que se lle contan a os bos amigos, e sobre todo, neste caso que facía anos que non se viran.
As horas transcorrían e a ledicia de Anxo fixo que se esquecera de todo, ata de volver para a casa. Cando xa deron as doce da noite e de preto catro horas co amigo no bar, decidiron marchar porque xa ía sendo hora.
Anxo tiña a casa moi cerca e o amigo acompañouno ata tamén moi cerca da casa e antes de despedirse, o amigo sacou tabaco e invitou a Anxo a coller un cigarro, volvéronse a dar outro abrazo moi forte e así se despediron.
Cando Anxo chegou á casa, os fillos ía boa que estaban durmindo e Antía acabando de facer as últimas cousas dun fogar. Cando Anxo entrou na cociña tivo que soportar a lóxica reprimenda da súa muller: "vaia horas, mangante. Os fillos na cama e ti de troula por aí que nin viñeches cear con nós". Anxo calado, pois Antía tiña toda a razón. Tratou de explicarlle o casual encontro co seu amigo de cando era mozo, pero o cabreo de Antía era tal, que non aceptaba desculpa ningunha ao que Anxo lle acabou dicindo "me voy a dar una vuelta y mientras tanto, cálmate".
Anxo marchou como lle dixo e despois de uns vinte minutos volveu para a casa. Entrou en silencio e Antía aínda estaba facendo cousas na cociña. Anxo sentouse á mesa e cando ía apagar o cigarro no cinceiro, observa que hai outra cabicha apagada, pero que non era do mesmo tabaco que el fumaba.
"Antía, ¿de quién es esta colilla que hay en el cenicero?". Ao que Antía respondeu "e a min que me dis, nin eu fumo nin os teus fillos". "Me cago en lo más grande Antía, ¿quién estuvo en mi casa?". "Pero ti bes tolo ou bébedo?, respondeu Antía, que me dis a min de quen é a cabicha?. Aquí non estivo ninguén". "Pues alguien estuvo aquí contigo", lle dixo Anxo. "Se viñeras cedo para a casa, non terías agora que preguntarme nada deso", lle respondeu Antía. Pero como as voces ían subido de ton, coa discusión, os fillos cos berros espertaron e comezaron a chorar. "Ves a que armaches cos teus berros?", lle dixo Antía, que acto seguido os foi aloumiñar á habitación.
Anxo díxolle a Antía "me voy de casa y para siempre, me estás engañando. Aquí estuvo algún hombre contigo". "Fas been, lle dixo Antía, vaite e non volvas".
Anxo marchou da casa co posto e baixou ao porto e púxose a pasear dun lado a outro, pero co problema da estraña cabicha na cabeza.
O fresco da noite e o paseo durante moito tempo fixéronlle reflexionar ao noso home. Despois de cavilar e cavilar pola maldita cabicha do cigarro, véuselle á mente a despedida do amigo, e foi cando se lembrou que o amigo o invitara a un cigarro ao despedirse, e que Anxo ao chegar á casa apagou no cinceiro, de aí, o misterio da cabicha.
Anxo volveu á casa coa idea de pedirlle perdón á súa muller, pero xa estaba deitada. Anxo espiuse amodiño para non espertala e con moito sixilo meteuse na cama, pero a pesar de todo sentiuse o lene murmurio de Antía que lle dixo "non fuches moi lonxe, lampantín". E así se quedaron durmidos.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)