Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Maxistrado García Ramos

miércoles, 17 de junio de 2009
O Maxistrado García Ramos e a Irmandade Xurídica Galega


Pouco antes de falecer o maxistrado don Daniel García Ramos, hai agora dez anos, manifestara nun acto público a súa preocupación polo proceso de normalización lingüística. O incumprimento das leis polos poderes públicos, amais dunha hipocresia social -dicía- implican unha incoherencia que corroe a propia convivencia cidadá. Esa preocupación pola sorte da lingua galega levouno a pregoar a necesidade dun gran pacto, que anos despois concretouse no Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado polo Parlamento de Galicia.

Respectaba a liberdade individual na opción do dereito lingüístico; pero ao que non se pode renunciar -dicía-, é á firme esixencia de que a legalidade se cumpra; dunha legalidade que é froito da decisión democrática, e tamén da aplicación do principio xurídico da “discriminación positiva”, premisa xurídica fundamental establecida polo Tribunal Constitucional, para que o principio de igualdade sexa real e efectivo. A cooficialidade lingüística será unha quimera se non se removen os atrancos que impiden a presenza da lingua galega en tódalas actividades da vida social, cultural e económica.

García Ramos foi o inspirador dun movemento regaleguizador da Administración de Xustiza, que ten hoxe na Irmandade Xurídica Galega a expresión organizada para pular o proceso normalizador da nosa lingua nese ámbito. Pertencen a ela numerosos xuristas prestixiosos que consideran que a dignificación idiomática e nacional aséntanse nas posibilidades que nos confire o marco legal vixente. Eis porque ese movemento, que aglutina a maxistrados, fiscais, avogados e funcionarios xudiciais, está a propiciar máis adhesións ao proceso de normalización lingüística.

O próximo sábado, día 20, celebra a Irmandade Xurídica Galega o seu capítulo anual. Un cónclave ao que están convocados centos de profesionais do Dereito. Terá como escenario o histórico Salón Nobre de Fonseca, onde se presentará o libro “Daniel García Ramos.A reafirmación en nós mesmos”. No mesmo acto imporáselle a don Victorino Gutiérrez Aller a insignia de ouro da Irmandade pola súa contribución á normalización lingüística dos protocolos notariais. Por idénticos méritos recibirán a toga da galeguidade o catedrático da USC don Xosé A. Gómez Segade; os maxistrados Xoán Alfaya, Alejandro Couselo, Ana López-Suevos e Luciano Varela; os avogados Elva Campo, Xesús Estarque e Vicente García Legísima; e as insignias un grupo numeroso de secretarios e funcionarios xudiciais.

A Irmandade Xurídica Galega considera que o futuro da lingua galega nos usos xurídicos depende da actitude dos profesionais do Dereito e tamén dos xustizables ( “As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”. art. 7.3. da Lei de Normalización Lingüística) De aí que estimule a aqueles que co seu labor cotiá están contribuíndo á súa normalización: xuíces, fiscais, avogados, funcionarios xudiciais e entidades como o Consello da Avogacía de Galicia, ou os colexios de avogados de Santiago de Compostela e Vigo, que incorporaron a lingua galega ás súas actividades corporativas.

A Irmandade Xurídica Galega, asemade, considera positiva a convocatoria que vai facer a Federación Galega de Municipios e Provincias ás corporacións locais para potenciar o uso da lingua galega nas súas asesorías xurídicas, e nas policías locais. Nesa mesma dirección deberan camiñar as centrais sindicais que aínda non deran o paso, e as facultades de Dereito das nosas universidades e escolas de prácticas xurídicas, que son fundamentais nesta tarefa.

* Xosé González Martínez, Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES