Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Qué traio na maleta? (15)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 03 de enero de 2025
Salvo que os estivesen esperando, ou xa estivesen domiciliados, ¡do aeroporto á Gare de Cornavín!, que é algo así como dicir, ao Obelisco da Coruña! Esta Gare, esta estación, na súa explanada frontal, estaba oficiando de feira: encontro de coñecidos, preguntas en galego, ofertas de traballo... ¡Polo estilo da Estación de Lugo cando se reunían nela os segadores para ir de segas a Castela! Barullo, barullo, barullo... ¡Estábamos na Suíza latina!
¿Qué traio na maleta? (15)O hotel que tiñamos reservado era o International & Terminus: 3 estrelas, a 80 metros de Cornavin. De postos no seu hall, a miña dona preguntoume: ¿Aquí, en que lles vas falar? ¡Muller, no de Ginebra, en francés! Pero nestas, o mozo que nos estaba recollendo as maletas, díxome, todo afable: ¡Non se moleste, que eu son de Coirós!
Xa en cadansúa habitación, o mesmo rapaz indicounos o funcionamento daqueles colchóns de aire, camas cubertas de edredóns: Este mando regúlalles o sistema de mexido da cama... ¡Nunca tal víramos nin oíramos: Volvíamos ao berce, con unha cama vibratoria, que era..., como para perde-la memoria! Outra diferenza estaba en que o mozo era un emigrantiño de Coirós, e nós, uns burócratas da Coruña!
Alí comezaron as preguntas, pero co posible tacto para non ferir a sensibilidade do rapaciño, que non só nos contestou moito e ben senón que acabou indicándonos: Se non queren cear no hotel, aí adiante teñen un Asador de Polos, que o leva precisamente un rapaz de Monforte... ¡Optamos por entrevistarnos co segundo interlocutor! ¿E logo, vostede, non se cansa de suar diante destas grellas? ¡Ai logo, se só fose un polo de cada vez, pero aquí despacho..., centos, que estou dálle que te pego, dúas quendas de oito horas..., cada unha! ¿Tódolos días? ¡Todos, pero xa teño algúns francos, así que logo me irei para Lugo, que penso montar un bar de tapas!
O que é falar, pouco falou, e máis ben por prudencia nosa, pois sería de conciencia tirarlle da lingua a quen tiña máis suor que saliva.
De noite, o dito: barullo, barullo, barullo... ¡Menos mal que o berce era de calidade! Á mañá seguinte, e iso que madrugamos, segundo o plan de traballo previsto, cando nos dispoñíamos a baixar ao comedor para o petit-déjeuner, as mulleres da limpeza, corredor adiante, cos carriños de mudar as camas. Unha delas, ao noso Bonjour: Grazas, señores, que xa sei que son da nosa Galicia, que nolo dixo o Manueliño de Coirós. Eu sonlle dunha aldeíña pequerrecha, que lle chaman Baílle, aló en Lugo... A miña dona, dándolle unha aperta: ¡Pois eu sonche de Rois!
Estes momentos, no eido da emigración, son inconmensurable, inenarrables. Tamén a confesamos, tamén, e acabou dándonos o seu enderezo: Na bufarda do propio hotel, unha trasteira con..., cinco camas, na mesma habitación, tantas como mulleres limpaban, e fregaban, e..., remesaban algún diñeiro para as familias respectivas, sempre pendentes dos seus xiros!
Do resto das xestións daquela xornada, metade traballo, e a outra turismo, permitídeme gardar o segredo profesional. Aínda que vai lonxe, e xa non o é, pero, por costume!
De Genf a Bern, de Ginebra a Berna, toda unha reflexión: ¿Como será que os galegos saímos tan traballadores tendo nado nunhas terras feraces, e case nos superen estes helvéticos que naceron aterecidos de frío entre unhas montañas peladas, ou case? ¡En dúas horas escasas de tren, outro mundo, en mil aspectos! (Helvetius, un pobo celta da Galia Lionesa).
En xeral, nacer en casa rica ten as súas desvantaxes, esa tentación da preguiza. Pero estes suízos, en particular os xermánicos, tiveron o seu estímulo precisamente nas carencias; tiraron forzas de fraqueza, aprenderon a facer milagres cos poucos, tal que un reloxo a partir dunha lámina de ferro. ¡Teñen a miña admiración plena, e iso que aínda non falei doutras virtudes súas!
A primeira delas, en antagonismo con Xenebra, o caladiños que son: Cae o sol, escóndese tras das súas montañas, e os mozos á cama, que os vellos xa o teñen de hábito, en todas partes. Despois diso, a limpeza: Con todo o mundo que eu, servidor, levaba recorrido, e aínda non vira dúas cousas ben definitorias: Que os camións das obras non saían do solar sen unha ducha todo ao redor, que os deixaba inmaculados ao exterior, e as rúas coma patenas; e a outra, aquel mecanismo dos servizos públicos, que non se abría a porta para saír ata despois de darlle ao pulsador ou cadea da auga. ¡Meus queridos suízos adórovos, aínda que con unha reserva, unha soa: Que lles tiñades encomendados os cemiterios e mailos tellados escorregadizos aos nosos galegos, o de abaixo e mailo de arriba, quedándovos vosoutros na comodidade dos niveis medios!
Estou falando do "Cantón de Carballo", non si? ¡Pois claro, e con toda propiedade pois alí a emigración era maioritariamente da zona de Carballo, con tal intensidade que se xeneralizou esta nomenclatura! Se houbo no mundo algunha masonería importante, a dos "carballeses" de Berna, insuperable!
¿Austeridade en Berna? ¡Nos da casa, pero tamén nos de fóra! Unha muller de Coristanco, oficinista dunha Axencia de Viaxes, ao saír en conversación que as nosas donas-acompañantes eran Mestras, ¿que diredes que lles encargou? ¡Que fosen a Coristanco e lle preguntasen a unha das Mestras -que ela non lles escribía por non coñecer os aderezos delas- que libros estaban utilizando nun determinado curso, e que, por favor, llos mercasen e mandasen, que xa ela xiraría importe e gastos! ¿Para que? Pois..., porque tendo aos seus pais achacosos, levara consigo a súa nena, e estábaa escolando ela, ela mesma, no pisiño que compartía con outro matrimonio! Á volta cumprímolo, por certo que silenciando importe e gastos, pois aquela muller, aquela nai, merecía do seu próximo tódolos honores posibles.
Quedábame por apuntar que en Lavaux (Lousanne) tiñan aos galegos traballando nas viñas, pero non precisaban zocos nin zocas..., porque os carreiros, os camiños das leiras..., estaban asfaltados, xa daquela!
De Berna a Zürich, montañas, outra vez montañas, pero, maiormente, de diñeiro. Riqueza por todas partes..., menos nos petos dos galegos pois en ambas cidades a vida sempre estivo cara; ben pagados pero mellor gastados, así que a economía familiar só se logra suando sangre, faga frío ou calor. ¡É un dicir, pero non tan esaxerado como poda parecer a simple vista!
Hai, había, algo en Zürich que tirada especialmente dos meus sentimentos. ¿Tería esta procedencia aquel suevo que bautizou o meu lugar como Berg-land? Unha forza interior, espiritual; un namoramento na miña idiosincrasia... ¡Zürich, quérote moito; caíchesme ben!
Unha xente que logrou os atractivos que ten este Cantón, merece esta industria, estes atractivos, pero alí os galegos, ou fomos mal dirixidos, ou é que había poucos. ¡Non estabamos preparados para o seu nivel industrial!
Os do país, de tódolos cantóns, séntense atraídos pola grandeza desta cidade. Daquela aínda non fora votada como a mellor cidade para vivir, de todo Europa, que o foi ¿Qué traio na maleta? (15)recentemente, no 2012. Museos, galerías, hoteis nos que non nos atrevimos nin sequera a entrar, tendas para ricos, máis ben, etcétera, etcétera. Pero non a vou chufar máis pois agora, coa última crise española, igual lles apetece aos nosos parados, e resulta que é mellor para visitar que para traballar nela.
De Züric subimos a Basilea: Basel, Bâle, Basilea..., a terceira en poboación, despois de Zürich e de Xenebra. Aquí, cultura; en idiomas, unha Babel! Gustoume, moito, pero aquí arriba pouca labor tivemos, pouco éxito, así que propuxen pasar á Schwarzwald, e iso que non a levabamos na "folla de ruta".
¡A Selva Negra é Galicia, outra Galicia! De por aquí só mencionarei o hotel elixido, Hofgut Sternen, no que me sentín moi feliz porque..., porque me pareceu un "hórreo" de luxo!
¿Valeu a pena aquela viaxe? Profesionalmente non son o indicado para cualificala, pero, na miña ilustración, moito, xa que me serviu para entender a nosa ¿penúltima? emigración europea, para entendela e para admirala! Cambiaron xuventude por francos, pero o drama meirande aínda está na dor que un sinte pola mala ¿política? española, malversando, Goberno tras Goberno, aquelas divisas, ¡aquelas divisas sacras!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES