Eu engadiría que: A emigración é mala no persoal, pero boa, boísima, no económico, e tamén no cultural. A emigración leva e trae, conecta países e pobos. Sen saír da caverna non existirán os descubrimentos, o alén de cada quen.
Salvo os levados, os idos fómonos coa maioría de idade ao lombo; ¡ao lombo ou na maleta! A esas alturas da vida xa se leva moito apreso, asimilado: ¡a esencia das xeracións precedentes, o fogar e maila veciñanza, o mellor, pero tamén o peor de cada casa, de cada lugar! De apeados, fose do cabalo, do barco ou do avión, o máis probable é que pagásemos a quintada, que se risen de nós, dos nosos dicires, do noso atondo, do comportamento, dos modos de facer..., mais co tempo, os do país de recepción algo verían en nós que lles chamase a atención: compararían e admitirían. En definitiva, a mestizaxe? ¡Non; as, en plural; as mestizaxes, un recíproco toma e daca!
¿Doctor Livingstone, supoño!

¡Un de tantos: médico, explorador, misioneiro, astrónomo, xeólogo, zoólogo, etcétera; por se fose pouco, loitou contra a escravitude!
¿Si, pero, dos nosos? ¡Dos nosos, Colón! Pero non fai falta saír de Pol para elaborar unha lista de preclaros. Tantos son, e foron, que xa non caben nun libro, así que, conformémonos coa súa lembranza, coa súa honra nesta festa de honras.
Pero na emigración tamén hai unha parte negativa que, xeralmente, ocúltase: ¡Que se perde iso do que dirán os veciños, así que, ao pasar a un escenario no que somos descoñecidos, ¡iso din os psicólogos!, pérdese a vergoña, caendo en pecados dos que seríamos incapaces en terreo coñecido. ¡Será cousa de mandar curas, con eles, de par súa!
A diáspora comezou no Paraíso, que así conservamos a súa morriña, a morriña do paraíso de cada quen: uns, por saturación da caverna; outros, por afán aventureiro; pero tamén houbo algún que outro Caín que buscou resgardo, esquecemento. Ata os houbo que pasaron, que traspasaron, o Estreito de Bering... ¡Iso si, por parellas; como está mandado desde o Xénese!
-.-
Cerro este capítulo evocando un emigrante ilustre destes arredores: ANTONIO MARÍA DÁVILA, nado en Vilaxilde (Torneiros), que non todos eran analfabetos. ¿Que sabemos del? ¡Pois que fundou, nada menos que, o periódico "La Prensa", de La Habana! Esta

publicación comezou como bisemanal (1-VII/IX-1841), pasando despois a trisemanal, para establecerse como diario entre o 16-V-1843 e o 29-V-1870. Esta publicación, sen prexuízo das súas numerosas colaboracións de escritores cubanos, foi unha gran defensora dos intereses españois. ¡Está claro que este paisano, na maleta, ademais da muda, levaba ideas!
-.-
Da nosa emigración por Europa arriba teño para falar longo e tendido, por activa e por pasiva. Corría a década dos Setenta... Corría a febre de captar Pasivo, ao prezo que fose, extra-tipos incluídos. Os nosos emigrantes comezaban a levantar cabeza: pagaran as débedas e iniciábanse no xogo dos Depósitos Bancarios. Accións, en xeral, non compraban, que lle tiñan pánico á Bolsa. Aínda sen nenos, ou con eles cativos, xeralmente deixados á custodia dos avós, cumpría asegurarlles os estudos, o porvir... E a todo isto a Banca española coas fauces abertas!
Por Activa: Directivo dun Banco. Por Pasiva: Tres semanas en Suíza, contactando, contactando, contactando..., cos emigrantes, pero, especialmente, cos seus xestores! ¿Que che dan? ¿Que che dou? E a maiores, unha comisión para aqueles Axentes, para aquelas Axencias.
Contrabando? ¡Que va, todo o contrario, pois contrabando é pasar de banda, pasa-la fronteira a escondidas, e o noso foi coas fichas verdes, coas legais, pero, con estímulos engadidos!
¿Enxeñería financeira? ¡Algo así! Todo legal, pero..., pícaro! Outros métodos foran aqueles do Banco de Siero, na década anterior, nos Sesenta, tan enxeñosos que as divisas intercambiábanse virtualmente, silenciosamente; pero iso era outro método, outro estilo, outra finalidade.
Estraperlo? ¡Tampouco, pois, no noso caso, tratábase de pagar cara a mercadoría..., para revendela con gaños, iso si! ¡Nin os fenicios o farían mellor!
Ocasión? Unhas vacacións simultáneas; e para mellor disfrace, o meu subxefe tamén acompañado da súa esposa. ¡Dúas parellas de colegas, e non obstante, amigos, en xira turística!
Para máis complicidade: Catro billetes de avión, obsequio do amigo común Herr Glatt!
Baremo? Entendo que fun elixido polos meus coñecementos de castelán, galego, francés, alemán..., ademais de certa experiencia no Departamento de Produción.
Itinerario? Lavacolla, Genf, Bern, Zürich, Basel-Stadt..., Schwarzvald...
Folla de ruta: Neses puntos notables, de concentración emigrante, en particular galega, contactar cos propios emigrantes para coñecer a súa situación económica, remachando o cravo con xestións cerca dos Xestores, Axentes de Viaxes, etcétera, que recibirían unha comisión referida ás captacións que frutificasen, de xeito nominal, pola súa intermediación e consello. ¡Habendo, hai para todos!
Ilícito? Algo pícaro, e enxeñoso, si, pero ilegal, naqueles momentos, non; o problema estivo en que o descubriu a competencia, e daquela o Banco de España tocou..., ¡Media volta, ar!
Vicisitudes, que é como daquela se dicía? A primeira xa foi en Lavacolla pois o Goberno de entón, o mesmo que mandaba trampear no código estatístico "remesas de emigrantes", trocándoo polo de "turismo", ¡o turismo era un honor nacional, e por tanto, unha grandeza imperial, mentres que a emigración supoñía unha pobreza vergoñenta!, controlaba e facilitaba as saídas, así que o seu ¿delegado? tentou impedirnos a saída naquel ¿vagón de ganado?, para que puidesen saír catro proletarios máis, pero o feito de que os nosos billetes fosen un galano do propio Herr Glatt, abaixoulle os fumes inquisitoriais.
En Xenebra? A primeira xa foi aquel lategazo de pasarnos por unha porta distinta, ancha, na que nin as maletas nos miraron. ¿Ah, pero os outros, aqueles gañaperras, aqueles provedores de divisas? ¡Polo portalón estreito, apalpados de arriba abaixo e de abaixo para arriba: de porco, nin cheiralo, que o foron tirando ao contedor; de augardente, unha botella; de queixos, tan só un, por persoa; e un longo etcétera de precaucións, algunha delas abraiante! Ben sinto non levar máquina, que pensaba mercar alí en Suíza unha mellor, pois aquela foto ía ser máis elocuente que calquera descrición literaria.
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.