A banda sonora
Sentei na escaleira que leva á Aira do Medio e mirei á bubela que me miraba. Cun aceno de man, fuxiu. Fuxiu ela e asomaron os pensamentos de cando unha banda sonora era a canella pola que transcorría o meu ir e vir de ansiedade ou, máis ben, de desexo. Outros pensamentos levábanme pola liña torcida dun verso que non acababa de rematar. Deixei escapar un leve sorriso e os pés iniciaron un tremor musical cando a banda sonora se puxo máis rítmica, máis acelerada. Como a vida.

Contemplei o segundo chanzo da escaleira e, alí, medio escondida, había unha mosca sen ás. A dedución foi lóxica: alguén a pillara e lle quitara as alas. Foi nese momento cando a banda sonora se volveu morriconiana e contra a parede da casa imaxinei a Clint Eastwood cabalgando polos confíns das pradarías. Non tardei eu en navegar coa Perla Negra polo confín de todos os océanos. Nun instante volveu a bubela e, nun amén, lambiscou á mosca. Requiescat in pace polo díptero.
Volveron os pensamentos a bailar ó seu albedrío: que se unha aspiradora limpaba o interior dun vehículo, que se unha tatuaxe se estremecía en cada paso que se realizaba, que se no silencio asomaba un pequeno eco de ruído, que se unha bala pasaba en cámara lenta ante o asombro dos meus ollos, que se o tirador era a realidade da esperanza que non era tal, que se a bubela marchara de novo coa presa na súa moega, que se o universo era infinito e a soidade eterna. Que a banda sonora seguía ó seu ritmo. Erguín da escaleira de pedra e deixei que Morricone fose á miña beira.
Solicitude de cita
Como me daba o sol na cara e me molestaba, optei por pasar para a outra beirarrúa. Tiven que facelo de présa porque, moi cerca, achegábase un coche e aínda non quería morrer. Foi nese momento cando tiven coma un flash, coma unha luz que alumeou o meu cerebro: teño que desenvolver unha solicitude de cita. Unha cita que aínda tiña que pensar para que. O caso era iniciar a solicitude. O asunto real xa sairía sobre a marcha.

Encabecei tal solicitude cos meus datos persoais e de enderezo, como é de recibo, para, inmediatamente, salientar con letras maiúsculas un Informo que informase. E foi a partir de aí cando desenvolvín o asunto, que, en intervalos, mellor dito, en lóstregos, asomou á miña cabeza.
Que como me quedara o bico doce, quería repetir a experiencia: a de asubiar e cantar cando os algoritmos da vida formaban un conxunto de regras que, ó aplicalas, permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións. Canta leria! Eu o único que quería era unha operación sinxela. Nada de buscarlle tres pés ó gato. Tamén quería repetir a experiencia de mirar e saber que todo estaba aí, que non precisaba nada máis, e que o tempo pasa e todo cambia.
Rematei a solicitude de cita pedindo ou pregando unha solución rápida ó algoritmo do anhelo, á multiplicación da experiencia e á suma de dous máis dos para que dea catro; aínda que se dá máis, mellor.
Asinei e datei tal solicitude, envolvina cun nobelo de fío verde mesturado con amarelo e deixeina caer na caixa de correo dos soños, das esperanzas, das ilusións, das ambicións e dos devezos.