Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros

Agís Villaverde, Marcelino - martes, 31 de diciembre de 2024
Acaba de finar aos 96 anos, nunha aldea estremeña preto de Don Benito, Pepe "o bruxo", un menciñeiro galego que fixo moito ben naquelas terras. É unha mágoa que Álvaro Cunqueiro non chegara coñecelo, para incorporalo na súa Escola de Menciñeiros, obra mestra publicada por Galaxia en 1960, ou noutros libros de relatos sobre persoeiros curiosos que a editorial reuniu no volume III da Obra Galega Completa.
Di o refrán galego que "o que casa lonxe ou leva eiva ou vaina buscar". Ninguén puido explicar por que apousentou Pepe, despois alcumado "o bruxo", en Estremadura. Sábese que chegou a finais dos anos cincuenta e que parou os primeiros meses nun mesón de arrieiros, rexentado por unha muller moi feita, nai de solteira, coa que acabaría casando.

Para a súa desgraza, Pepe non tiña madeira de taberneiro: non xogaba aos naipes nin era quen de enxergar unha conversa cabo dun vaso de viño. Mais axiña descubriría todo o mundo que el tiña outras habelencias. Foi un serán no que estarricaron na taberna a un labrego ao que unha mula lle desfixera o ombreiro dunha couce, mentres tentaba arrincarlle un pedregullo do casco. Os berros daquel desgraciado abrían en canal as carnes mais ninguén sabía como axudalo.

Pepe mandou que sentaran nunha cadeira ao labrego e que o espiran de medio corpo para arriba. "É unha escordadura", dixo sen sequera apalpalo. Ergueulle o brazo e, logo de poñer unha banqueta embaixo da axila, deulle un tirón e o óso volveu ao sitio. Así comezou a compoñer ósos e tratar outras doenzas, receitando fregas de augardente durante nove días.

A sona de Pepe chegou a toda Estremadura, e aínda ás terras de León e Castela. Mesmo sandou a unha muller portuguesa que un día, sen saber como nin como non, espertou andando para atrás. Algún médico do seguro, sospeitase, denunciouno por intrusismo profesional, e chegoulle pola porta un inspector de Sanidade. El, moi tranquilo, rebuscou nunha arca e amosoulle un título de licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela.

Estes días pasados lin no "Periódico de Extremadura" anova do seu pasamento. A muller atopouno sen vida deitado no leito, por riba da colcha, vestido con traxe, gravata negra e zapatos. Algo moi propio del, pois nunca quixo dar traballos.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES