Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 31 de diciembre de 2024
No Tren do ignoto

Collo o tren na estación de Baños de Molgas con destino a ningunha parte, ou con destino a non sei onde. É igual; o caso é marchar. Marcho. Nin tan sequera miro pola ventá os nomes das estacións polas que paso. Oxalá me levara deica o infinito e máis alá. Nun longo túnel a escuridade fíxome soñar esperto. Ó cruzar o mesmo pechei os ollos e seguín soñando: nun peixe que voa, nun salgueiro que enraíza, nunha lagoa que Pingas de Orballo afoga, nun suspiro que latexa, nun espello que reflicte un peito, nunha tatuaxe que se amosa, nun silencio que se escoita e nun berro que estoupa.
No quilómetro non sei cantos pensei que a vida era un ir e vir cargado de esperanza, aínda que a realidade era un ruxerruxe cheo de congoxa, de angustia, de ansiedade e de medo, de moito medo. A vida, ás veces, dá paus de cego. A esperanza é unha quimera e o desexo un esperpento.
"Viaxeiros ó tren", berraron nunha estación. Eu xa facía tempo que subira coa realidade dando patadas, ou mellor aínda, puñadas de indiferenza. Porén, seguía pasando estación tras estación por unha vía que me levaba ó país de nunca xamais. Máis seguro que fose ó país das almas perdidas, ou da inocencia rota, ou da confianza estragada ou do desdén programado.
Alguén me preguntou se me baixaba na próxima estación. Díxenlle que non. Para que ía baixar? Non hai como non saber a onde me leva a ansia, a pesadume, a tristura, a aflición, a incógnita, o enigma, o misterio. Seguín no tren do ignoto, do descoñecido.

O silencio deitado

Deixo que a misericordia siga na caixa de Pandora para confiar nun trunfo sobre a derrota. Cada salaio é un instante e cada queixa un momento. E o tempo que corre, que pasa, que voa. Agora cada quen que lle busque tres pés ó gato. Eu busco a esperanza co cabalo de batalla de Juan Pardo e esperarei o veredicto con alma morriñenta e cun bambán eterno de ansiedade. Cada latexo é un poema e a soidade conforma toda unha novela.
Pingas de Orballo Deixo que un espello me devolva a ilusión e que un folio en branco se encha con catro palabras de orballo. Orballo mesto, denso, espeso no que en cada pinga vai un pensamento e en cada pensamento o acaneadoiro leva todos os anhelos. Agora cada quen que saque a cobra da silveira. Eu saco realidades que foron e que me deixaron bailando un tango no medio dunha pequena canella.
Deixo que o silencio acale o ruído e que o ruído esmoreza para que a señardade se balancee, se abanee sobre o momento no que un soño foi máis alá dun invento, dunha descuberta. Que, ás veces, os soños fanse reais, aínda que, a maioría, quedan a expensas dunha esperanza efémera. Agora cada quen que ría coma un descosido ou que chore unha veiga tallada. Eu sento en silencio e, cando ergo, lanzo un berro seco.
Deixo que o berro se espalle polo universo. Por ese meu universo no que todo vai e vén, no que todo flúe ou afoga, no que todo acouga ou se apura, no que todo asusta ou afouta. Agora cada quen que escape pola estrema ou que quede para roer o pan reseso. Deixo que o silencio se deite sobre a melancolía, sobre máis silencio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES