
Mañá remata o ano 2024. Mañá, a algúns, a nostalxia levarao a repasar, polo menos mentalmente, aquelas situacións ou acontecementos máis salientables. Case é lei de vida. Principalmente para os medios de comunicación, que son moi propensos a resumir, en suplementos especiais, os eventos, os feitos, o sucedido nos 366 días (foi ano bisesto) que están a piques de deixarnos.
Segundo os xornais enchen páxinas con noticias que foron, o paisano de a pé pensa en dúas ou tres tan só e case sempre relacionadas coa súa propia vida. Porque, á hora da verdade, é practicamente o de sempre, o de todos os anos: algúns éxitos deportivos, guerras que ninguén frea e política noxenta. Este ano máis seguro que se cole, si, a maldita dana que castigou ó levante español. Porque aconteceu hai pouco, que se fora á principios de ano, ata o recordo de tal desastre poida que fose efémero. O tempo pasa e todo cambia.
Nestas datas sempre queremos botar man dos bos desexos, pero, vendo o pasado, dá que o futuro será igual de negro. Conclusión: que non hai como vivir o presente. Certo, este, o pobre, tamén está de capa caída, moi de canga baixa. O dito; aí temos as guerras e aquí temos a política, que, coma todos os anos, por unhas ou por outras cousas, anoxa. Repugna tanto que mesmo nos cansamos dela, e practicamente xa non lles facemos caso nin a uns nin ós outros.
O futuro pinta negro? Claro que pinta negro! Logo, para máis aquel, volve aparecer Donald Trump e, por se fose pouco, segue o Netanyahu ese lanzando mísiles e bombas ó torto e ó dereito. A lingua galega está como está, así como a TVG ou te uve ga (para que rime).
Persoalmente, o 2024, pois coma calquera fillo do veciño: cos seus pros e contras, coas súas loitas e risas, cos seus males e aguantes, cos seus amores e carraxes, coas súas esperanzas e realidades, cos seus silencios e barullos, coas súas idas e voltas, en fin, coa realidade pura e dura na que, ás veces, si, asoma algún día, algún instante, momento, asunto, tempo que te fai sorrir, que te fai vivir. Como prognostiquei un futuro negro, quero darlle un pouco a volta á tortilla para non ser tan pesimista, e dicir que a vida é unha lágrima e dous sorrisos. E que, a lágrima, xa que estamos en días de nostalxia, de señardade, sexa de alegría. Feliz ano 2025.