Cómo se mira unha egua para mercala?
1.- Mírase se ten a barbadela aberta ou ten a noz

O primeiro que se lle mira é por entre os queixelos, na barbadela, para saber se ten a barbadela aberta ou ten a noz, pois acostuman a ter un vulto na gorxa cando van vellas, o que non lles deixa comer ben, este vulto chámase a noz. Se a ten aberta é que ten pouca idade e é nova, en caso contrario ten a noz ou barbadela pechada, entón é máis vella.
Tamén se lles coñece a idade polos dentes. Teñen oito dentes antes de chegar aos cinco anos porque van tirando cada ano dous, un de cada lado e no sitio deles crían uns novos, máis grandes. Cando teñen seis anos, cerran; é dicir, que teñen os oito dentes máis grandes que os mamotes. Que son os que tiran, que son pequeniños.
Cando van tendo máis anos, eses oito vanlles medrando ata que os teñen moi grandes, pero algúns homes córtanllelos cunhas tenallas, límanllos e póñenas que parecen moito máis novas.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero