Svetlana Alexiévich, a catarse da esperanza
Pinto Antón, J.A. - viernes, 27 de diciembre de 2024
Esta novela non é unha novela. Éche un nome envelenado de radioactividade para sempre. 'Voces de Chernóbil': un puzle de voces para tentar comprender que pasou na central nuclear, onde átomos e verdade foron tapados por un inmenso sarcófago de formigón e mentiras. Retrato moi crítico da Unión Soviética e a herdanza que deixou en cidadáns entregados á patria utópica, desesperanzada hoxe ante conversión de dirixentes en plutócratas do capitalismo máis desapiadado.
O compromiso da escritora Svetlana Alexiévich, premio Nobel 2015, cos derrotados, cos que sofren tanta dor, aparece noutros libros como 'La guerra no tiene rostro de mujer'. Ou a falsa visión da muller na retagarda: a vida sen homes, fillos, bágoas de despedidas e reencontros, mortes e perdas, a reconstrucción penosa das mulleres que quedan atrás soportando os golpes. Non foi así. As mulleres combateron contra a besta do nazismo: oficiais e muleiras, francotiradoras e enfermeiras, radiotelegrafistas e tanquistas. Morrer e matar. Non hai épica nas violacións, a fame, as ratas, o tiro na nuca, o asasinato de nenos. En todo iso a escritora bielorrusa vai poñendo gotas de amor, compaixón, tenrura: non todo está perdido.
Duros de ler e dixerir, hai que espaciar os libros desta muller. Porque despois chegan 'Los muchachos de zinc', outro calidoscopio desgarrador sobre a guerra de Afganistán. Máis de medio millón de homes e mulleres conducidos ata o inferno pola xerontocracia de Moscú. Dez anos de mentiras e mortos. 'Vin desde o aire centenares de ataúdes de zinc brillantes baixo o sol, algo bonito e terrorífico'. Ataúdes invisibles enterrados en secreto nos cemiterios. Derrota e humillación final contada polas voces de 70 supervivintes e as nais. Resulta curioso que a victoria dos muhaidin foi posible grazas á axuda de Occidente e países árabes ricos. Alumbraron a ameaza actual que paraliza co medo o mundo enteiro.
O último libro é sobre os nenos na II Guerra Mundial. A gran patria soviética desnuda e aterradora na voces supervivintes dos case trece millóns de nenos mortos entre 1941-1945. 'Últimos testigos' mostra as voces, a dimensión humana daquelas nenas hoxe mulleres, nenos agora homes.
Seres pequenos diante dos grandes acontecimentos da historia que só a morte, a dor e a traxedia fai grandes. Eles protagonizan os libros da escritora, desta xornalista pouco coñecida pero empeñada en que ninguén lles roube a voz, é dicir, a esperanza.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora