Heroe das viñetas baratas
Rivas Delgado, Antonio - viernes, 27 de diciembre de 2024
Tanto pensei que pensaba que, ó final, non me decatei de nada. Como en todo. Se digo arre sempre hai alguén que me di xo. E viceversa. Se me tiro ós toxos, haberá quen diga que me drogo. Se digo que me escondo, resulta que me ven todos. Porén, cando quero que me vexan, ninguén se fixa en min. Son como esa voaxa que está pero que non se ve. Aínda que, iso si, despois, ó pasar o trapo... adeus, moi boas.
Tanto corrín que non me movín da cadeira. Para que? Co ben que se está sen facer nada e sen molestar. Ás veces é mellor estar de incógnito, non deixarse ver e moito menos sentir. Case mellor ser un cero á esquerda. Un cero que asubía baixando, primeiro, pola canella e que sobe, logo, en silencio, pola mesma canella. Pola rúa principal canto ou bailo ou pinto o parvo. Para facerme notar. Mais non hai maneira. Son como a poeira pousada nunha pobre esperanza.
Tanto berrei que non me oíu ninguén. Nin o mesmo silencio. Moito menos o propio berro. Tan só de cando en vez un pequeno eco rebotaba contra o desexo. Un desexo de querer seguir e non me deixar, de querer saber sen darme opción a preguntar e, se por un casual pregunto, non obter resposta. O tempo, a vida, as ilusións, as ansias, os pensamentos, a pasividade, o desdén poñen a cada un no seu sitio.
Tanto recei que xa confundín o oremos co amén, o calvario co belén, o milagre coa realidade e a crucifixión coa resurrección. Non obstante, a miña relixión é aquela na que, a pesar dos pesares, hai que tirar para adiante. Coma os heroes das viñetas baratas.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora