Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A esmoleira morta

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 26 de diciembre de 2024
Fai moitos anos, polo menos por aquí pola Mariña de Lugo, cando un esmoleiro se facía coñecido e se observaba que era persoa de paz, nas aldeas era normal que lle deixaran durmir na cabana dalgunha casa. Incluso adoitaban a darlle a cea e así, o mendigo fose inverno ou verán, tiña a fortuna de durmir baixo teito e abrigado.
Normalmente os esmoleiros que viñan por esta zona, eran xentes descoñecidas, e aínda que estaba prohibida a mendicidade por haber casas de acollida e incluso, comedores do chamado Auxilio Social (en Foz habíao), a esa prohibición as autoridades facíanlle a vista grosa e miraban para outro lado (algo semellante ao tema tamén prohibido, aínda hoxe da prostitución).
Case sempre, estes esmoleiros xa facían que as primeiras horas da despedida do día, entre lusco e fusco, lle cadrara ir mendigar á casa onde lles deixaban pasar a noite na cabana ou na palleira.
Tamén en San Martiño, había unha casa na que deixaban durmir aos esmoleiros. Tiñan unha cabana ben feita e alí lles deixaban pasar a noite, pero como digo, antes de durmir, sempre lles agardaba un bo prato de caldo quente, que de inverno axudaba moi ben a quecer o corpo para pasar a noite. Por certo, que en moitas casas nas que durmían en cabanas, adoitaban a levarlles un mollo de palla para facer de cama ou colchón.
Unha das habituais esmoleiras que mendigaba por San Martiño, sempre ía a esa casa, porque sabía que tiña abeiro seguro. Chegada a señora á casa, pediu esmola e xa lle dixeron coma sempre que podía ir durmir á cabana. Abríronlle a porta, leváronlle palla e un bo cazolo de caldo quente.
Ao día seguinte, todos se levantaron para ir facer os quefaceres de cada un e observaron que a esmoleira aínda estaba durmindo. Claro está, como os donos da casa precisaban facer cousas na cabana, quixeron espertala para que se fora, pero xa viron que a anciá estaba morta.
Acudiron ao cura da parroquia a contarlle a mala nova, e o cura con toda urxencia chamou aos veciños de San Martiño para unha reunión.
Xuntáronse na basílica e faloulles a todos o señor cura de dar unhas doazóns para mercarlle un cadaleito e facerlle un enterro digno dun ser humano. Así se fixo.
Na mesma casa onde a señora morreu, habilitaron unha habitación para facer a Capela Ardente, e para que os veciños que o desexaran fosen aquela noite rezar o rosario.
Ao colocar o cadaleito no cuarto, observaron que o piso de madeira tiña un burato que daba xusto á cociña. Entón para que non se vira o resplandor da luz da cociña nin o feo do burato, decidiron colocar o cadaleito encima e cadrou moi ben, porque ao ser nunha banda da habitación, puxeron o cadaleito encima do burato, na parte onde lle cadraba a cabeza da anciá.
Aló polas nove da tarde, en tempo de inverno, fóronse achegando á casa onde estaba a finada, os veciños e veciñas da parroquia para rezarlle o rosario. Aqueles rosarios que eran eternos e que sabe o demo o que duraban, que ata teño entendido que nalgún rosario deses, ata o propio Deus se quedou durmido.
A xuntanza veciñal foi absoluta, non quedou ninguén na casa que non fora ao rosario da pobre esmoleira. A medida que ían chegando, uns ocuparon toda a habitación, outros noutras habitacións coas portas abertas, e incluso as propias escaleiras de acceso aos cuartos e toda a cociña. Non collía nin máis dunha agulla de coser.
Comeza a penuria do rosario e os fregueses respondendo ás oracións do cura, cando a un dos veciños se lle ocorreu armala. Ao observar pola parte da cociña o burato onde estaba asentado o cadaleito, non tivo outra ocorrencia que coller unha escoba que había por alí, e co rabo dela foi empuxando e levantando pouco á pouco o cadaleito.
Os que estaban coa defunta no cuarto, observan aterrorizados como o féretro e a defunta se van levantando pouco a pouco. O terror fíxose presente e botáronse todos correr, pero como as escaleiras tamén estaban saturadas de xente, algúns brincaron por enriba de todos cantos alí había, e ata algún dos presentes se tirou pola xanela á rúa.

Este é un caso real.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES