Un Deus neno - Nadal do Señor
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 25 de diciembre de 2024
Hoxe é o día de "Noite Boa". A espera e a esperanza de todo o tempo de Advento concéntranse e apúranse así hoxe coa chegada onda nós de Xesús. Neste día do Nadal propónsenos no evanxeo, para a nosa meditación un fermoso e entrañábel texto de Lucas.
A mociña María, chea de graza, ou mellor, tal como comentamos no seu momento,"enchida" por Deus da graza do seu Espírito, agasállanos nesta noite co don infinito dun Deus que se humaniza no medio de nós. Toda a liturxia de hoxe é, en realidade, relato ou loanza dun encontro marabilloso de Deus connosco. Un encontro fondo e misterioso.
Desde o acontecemento de Xesús, o Deus que emparentou coa nosa humanidade, os encontros de Deus connosco realízanse como encontros igualitarios, amorosos, xenerosos, servizais. Deus salva, verte o seu Espírito, dende a proximidade. Este é o gran misterio da Noite Boa. Unha noite á que xustamente chamamos boa porque ela é todo o contrario de raios e tormentas, medos e desazos, turbulencias ou violencias. Os relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as tradicións dos nosos nacementos artísticos e populares soubérono expresar moi ben. Un encontro que se realiza no máis espontáneo e inmediato da natureza. Sóuboo expresar moi ben a relixiosidade popular cos seus nacementos ou beléns.
Estamos todos necesitados desta aura propia do Nadal. Revestírmonos do espírito de Xesús, que é o espírito de Deus, e actuar co ímpeto e a forza que proceden dese mesmo espírito nas nosas relacións con tódalas persoas. Sobre todo con aquelas que están máis necesitadas de tales encontros. Uns encontros que están sempre, por moi humanos que sexan, aureolados de divindade.
Encontros que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen palabras. E de feito Deus amosouse ó noso mundo por primeira como neno, como "in-fante". "Infante", palabra que procede directamente do latín e que quere dicir un que "non fala" que quere dicir un "non falante".
A mediados do século pasado un xesuíta asturiano (a quen eu aínda coñecín), chamado José Luis Martín Vigil e de orixe asturiana, escribiu unha novela moi lida, admirada e reeditada que leva como título A vida sae ó encontro. É ben verdade. Toda vida está tecida de encontros. Encontros con pais, irmáns e irmás, cos amigos e amigas, con esposos ou esposas, cos fillos ou cos netos, con semellantes ou diferentes.
Encontros cos acontecementos agradables ou desagradables da vida, coas ideas, coa nosa conciencia, coa nosa vida toda e coa dos demais, coa morte dos que estimamos ou queremos, coa espera e coa esperanza, co medo á nosa propia morte, etc. E, no medio e medio de todo isto, encontro connosco e con Deus. El está no fondo e nos alicerces mesmos de todo este tipo de encontros.
O que non é posíbel é vivirmos á marxe de moitos destes encontros. Hoxe, no día de Noite Boa, deberiamos prepararnos mental e cordialmente para este encontro de tódolos encontros, que se concentra nun humilde lugar onde Deus se fai humano e os humanos recibimos a posibilidade de sermos verdadeiramente semellantes a Deus.
Un plan tan grandioso e inimaxinábel que só un Deus verdadeiramente namorado de nós puido concibir. Aquí só cabe agradecer e corresponder.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora