Hoxe asistimos a un acto de Restauración da memoria lingüística de Galicia, na parroquia de Momán (Xermade, Lugo), iniciativa que parte da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e que se celebra por primeira vez na nosa comunidade, en Colaboración cosa aula da UNED SENIOR CORUÑA en MOMÁN de XERMADE.

O acto comezou coa presentación por parte de Cristina Varela García, secretaria-interventora do Concello de Xermade e membro da Irmandade Xurídica Galega, na que repasou a lexislación que declara que o galego "é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade".
Explicounos como no ano 2013, baixo o lema "En galego, agora e sempre", a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística xuntou en San Domingos de Bonaval ás principais organizacións sindicais e políticas do país coa idea de traballar por restaurar a nosa "memoria lingüística" nos actos fúnebres.
Daquela xuntanza xurdiu o compromiso de levar a cabo varias accións, que se desenvolveron no acto de hoxe:
1. Colocouse unha placa na porta do cemiterio da parroquia coa lenda: "Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu."
2. Na parte literaria-musical interveu Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da Irmandade Xurídica Galega, quen afirmou que o galego pode e debe ser empregado en tódolos ámbitos da vida, que o seu uso non debe quedar relegado á parte ritual e folclórica.
Asimesmo Pedro Blanco Lobeiras, delegado do goberno en Galicia, e Luis Ángel Rodríguez Patiño, párroco de San Mamede de Momán e coordinador da UNED sénior de A Coruña, manifestáronse a prol da lingua galega coma parte esencial da cultura e o sentir galegos e invitáronnos a seguir traballando pola normalización do galego.
A poesía aportouna a avogada Luz Airado, que leu un poema de Rosalía de Castro.
A parte musical estivo a cargo da Aula de Música da UNED sénior Xestoso-Cambás, dirixida por Francisco Cupeiro.

3. Substituíse a lápida en castelán por outra en galego dunha persoa senlleira da parroquia, neste caso a de Jesús Paz Paz (Suso o Panadeiro, 1934-1995).
A Concelleira de Cultura do concello de Xermade, Verónica Amarelo Morado, pronunciou unhas verbas, nas que cabe destacar que debemos facer "unha reflexión como sociedade, pois lembrar aos noso defuntos nunha lingua que nunca falaron é unha anomalía que temos que evitar que siga perpetuándose".
Deseguido tomou a palabra o Alcalde, Roberto García Pernas, quen recalcou que "Hoxe estamos tremendamente orgullosos de facer realidade este acto de restauración e xustiza para a nosa lingua, que debe estar presente en todas as facetas da nosa vida e como non, da nosa morte. Debemos ser lembrados na mesma lingua que falamos en vida".
E recordou á persoa homenaxeada, o Panadeiro, Jesús Paz Paz, da que dixo:
"Unha persoa incansable no seu traballo pola parroquia de Momán, poñéndose a fronte de cantas iniciativas fosen necesarias para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas: foi promotor de Feiroculmo, unha feira que se facía no Campo da Feira de Momán; creou a Sociedade Cultural e Recreativa "Novas Estrelas" a finais dos anos oitenta, arredor da música tradicional, xuntando xente e conseguindo facer parroquia. Foi unha persoa moi activa reclamando servizos para a súa parroquia: as beirarrúas, o sumidoiro, a liña de teléfono, seguramente participaría cando se fixeron as naves da feira... Toda a parroquia sofreu unha grande perda coa súa morte tan temperá, pois soamente tiña 60 anos. Quedáronlle moitas cousas por facer."
Rematou o acto a filla, María Lucía Paz Calvo, que lembrou a forte vinculación do seu pai coa parroquia.
Finalmente puidemos asinar un documento de vontades no que declaramos o noso desexo de ser recordados no noso idioma: o galego.