Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que traio na maleta? (12)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 24 de diciembre de 2024
Para mostra, un botón. Collamos o ano 1906, un dos máis sanguentos, de máis sangría humana, que nos dará idea de como andaban as transfusións a comezos do XX:

Datos procedentes do Ministerio de Relaciones Exteriores y Culto, Argentina, Informes consulares, t. XV, boletín Nº 102. Embajada de la República en Madrid.
Que traio na maleta? (12)
No cadro adxunto, emigrantes embarcados en portos españois para Arxentina, ¡sólo os de Arxentina!, en 1906.

En cabeza, Vigo, 16.078, seguido a curta distancia por Coruña, 14.256; os cataláns a continuación. ¿Que; é, ou non é, para botarse as mans á cabeza? ¡Eu fareino, pero despois de teclear estes datos..., aterradores!

-.-

¡Que casualidades ten a vida! Nun piso dos desas casas de galerías vive o meu xenro, a miña filla, os netos... ¿Cantos emigrantes, desde aí, vería regresar seu pai, meu consogro? ¡Seguro que infinitos! Non podo preguntarlle porque se me anticipou na viaxe, na eterna!

Descargar as maletas, unha explosión emotiva: Por regra xeral viñan cheas, tanto de cousas como de lembranzas. Pero..., ¡o pero estaba no que aló deixaron: xuventude e, acaso, saúde! De aquí saíron mozos, e agora retornan coa vida gastada, aínda que algún deles cos fillos criados, que son unha segunda vida. Por fóra alegres, pero, por dentro? ¡Por dentro, cinsa, ilusións queimadas! Por éxito que tivesen, o perdido sempre é incalculable: non teñen unha ponte para entroncar co seu pasado; veñen da auga salgada, auga de bágoas, de suspiros! ¡E menos mal que puideron retornar..., os retornados, aqueles que resistiron as inmensas dores do desterro, que desterro foi, pois, o que é voluntario-voluntario ninguén emigra, por máis que así o poñan nalgún libro, máis ben neses que están escritos por señoritos!

Como a chegada do barco, a diferenza dos avións, non tiña hora exacta, era máis que improbable que alguén, dos de lonxe, estivese atusmándolle á desestiba, así que, chegaban pero non chegaban; simplemente, aproximábanse! Transporte ao hotel, e do hotel ao Banco, xeralmente ao Pastor, para a descarga monetaria, a do groso monetario; cambio de moeda, documentación da conta, talonario ou libreta... ¡Seguridades na inseguridade da nova situación!

A inmediata: billetes para o tramo final, coches de Liña, tren... E o corazón palpitando ao máximo ante a relativa proximidade; ¡as andoriñas, que retornan ao niño! ¿Como o Que traio na maleta? (12)atoparán; como serán recibidas? ¡Outra incógnita, outra emoción, e non sempre satisfactoria; acaso diferente da, tantos anos, esperada! As decepcións do emigrante sempre son, sempre foron, persoais; sen tradución literaria!

Hai certas diferenzas entre un simple paseo pola Ría, en pleno XXI, embarcados nunha motora, e aquelas viaxes do XX, a carbón, Atlántico adiante; e a maiores, dúas horas de pracer fronte ás tres ou catro semanas de purgatorio!

¿Que tiñan que purgar os nosos emigrantes? Pois, varias cousas: a primeira e máis importante era que aqueles mangantes, aqueles reinantes, dos séculos precedentes, fixeran mal uso, ¡abuso!, do roubado en América, importando incluso as sabas, ¡ah, pero eran de Holanda!, en lugar de administrar, estimulando a artesanía patria, e tras dela, a industrialización. ¡Claro, lóxico: os importantes, importan!

A segunda igual se debía á climatoloxía: ¡Demasiadas horas de cama..., para resgardarse dos nosos invernos interminables!

¿De terceira? Que as pestes fóranse vencendo, e a poboación multiplicábase bastante máis que a produción das leiras.

¿Cuarta? ¡Cuarta, e máis aínda: Aqueles malditos foros, aquelas morgadías, aqueles caciques...!

¿Das guerras, que dicir; as civís, as de sucesión, as imperialistas...? ¡Mellor esquecelas..., por se acaso, por se non quedamos vacinados delas!

¡Que ben nos coñecía Unamuno! Así, cando lle preguntaron a súa opinión sobre esta pel do touro, seica se quedou pensativo, pero non moito, pois tiña as ideas claras: "¡Que país, que paisaje, y que paisanaje! ¡Libera nos, Domine...!". É certo que o dixo, pois a min repetiumo, confirmando o que poñen nos libros, seu neto, aquel Médico de Xixón, amigo meu, tamén Miguel, outro pensador, outro Miguel de Unamuno.

En canto aos mareos e ás trousadas no barco daqueles paisaniños que só tiñan "navegado" no carro das vacas, que? Diso..., I better be quiet! ¡No comment!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES