Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A traxedia dos Andes

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 23 de diciembre de 2024
Aínda estaba de estudante nos Milagres (anos 70) cando caeu nas miñas mans o libro "¡Viven!", de Piers Paul Read, que me deixou tan impresionado que, aínda hoxe, lembro o nome dun dos seus protagonistas: Nando Parrado. Hoxe en día creo que xa se fixeron incluso tres películas (unha delas do español Juan Antonio Bayona) e xa se escribiu abondo sobre esa traxedia acaecida na cordilleira dos Andes en 1972, máis en concreto, o 13 de outubro. A traxedia dos AndesHoxe, precisamente hoxe, 23 de decembro, hai 52 anos que se rescataron os últimos sobreviventes.

Tal accidente semella que foi por culpa dun erro dos pilotos que, a causa da néboa, pensaron que xa sobrevoaran Curicó, en Chile, onde virarían ó norte para iniciar o descenso ó aeroporto dos Cerrillos da capital chilena, Santiago. Non caeron na conta de que as lecturas dos instrumentos indicaban que aínda quedaban uns 60 ou 70 quilómetros por chegar a Curicó.

A aeronave descendeu antes de tempo mentres aínda sobrevoaban os Andes, chocando contra o fío dunha montaña. As ás e a sección de cola desprendéronse da fuselaxe. O resto desta deslizouse por unha montaña a unha velocidade de 350 quilómetros por hora, descendeu uns 725 metros e estrelouse contra o xeo e a neve dun glaciar, a uns 1200 metros da fronteira con Chile. Axiña se empezou a busca do avión, pero esta cancelouse, sen resultado algún, o 21 de outubro.

No avión ían 5 tripulantes e 40 pasaxeiros, entre estes, 19 membros dun equipo de rugby, xunto con familiares, simpatizantes e amigos. Tres membros da tripulación e dez pasaxeiros morreron co propio impacto do avión. Catro persoas máis fixérono na primeira noite a causa das temperaturas xélidas e das propias feridas. E nas semanas posteriores morreron doce máis, entre estas, oito por un alude de neve.

Os 16 sobreviventes sufriron tales penurias (conxelación, sede, fame), que nos lles quedou outra que recorrer á antropofaxia, ou sexa, ó canibalismo. Cando o clima mellorou algo, Nando Parrado e Roberto Canessa escalaron como puideron un pico montañoso de 4650 metros e descenderon cara a Chile, onde se atoparon cun arrieiro, e a partir de aí, o 21 de decembro iniciáronse os rescates, 72 días despois do accidente, e rematando, como dixen, no día de hoxe de hai 52 anos. Non vin ningunha película desa traxedia, pero calquera día anímome a volver ler o libro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES