Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 24 de diciembre de 2024
O fillo da Aurelia do Ferreiro

Estudei a posibilidade de ser o Mad Max australiano na procura dunha lata de gasolina, pero por moito intento que faga, sei que sigo sendo o fillo da Aurelia do Ferreiro, que só sei andar á procura de, principalmente, niños das rulas. De heroe cinematográfico quedo en paspán labrego.
Porén, son dos que non me intimido nin nada me detén, sigo busca que dálle detrás de heroicidades que, máis seguro, me deixarán fundido. Pero a Dionisio Sotelo, o fillo da Aurelia do Ferreiro, nada o fai recuar. Pingas de OrballoTestán como son, abro as toxeiras coas mans para descubrir niños de azulentas. Nun toxo, todo el florecido, atopei un bidón de desexos, que están moito máis caros que a gasolina de Mad Max.
Todas as tardes, logo de arar ou cavar as correspondentes leiras, marcho ós niños coa intención de atopalos tan só. Non son dos que lles van quitando os ovos ou armándolles o lazo. Polas tardes só ando ós das rulas. Os dos demais paxaros quedan para as mañás dos domingos e festas de gardar. Sempre me ensinaron a dividir as faenas ou practicamente todo o que se pode dividir. Se me dedicaba a ter esperanza, tiña que tirar sempre por esa liña: a da confianza, a da ilusión, a do optimismo, a da fe, a da expectativa. Pola contra, se optaba polo desasosego, había que coller o camiño da angustia, da congoxa, do desacougo, do temor, da intranquilidade.
As noites, iso si, empregábaas para soñar. E aí, si; aí era Mad Max, era o heroe que saía á busca de tatuaxes, de sorrisos, de silencios compartidos, de paseos ata san Bieito da Cova do Lobo e de momentos de señardade. Logo do soño chegaba a calma, o sosego, o sono.

Unha viaxe desigual

Lucrecia colleu un avión e marchou para París. Gervasio, como non tiña medios económicos para subir ó mesmo avión nin a outro calquera, colleu unha bicicleta e partiu detrás do avión. Xusto baixando o Padornelo case se esnafra porque, Gervasio, case non sabía andar en bicicleta e, para máis aquel, non lle tiña freos. Porén, conseguiu cruzar Zamora nunha hora. Tivo que pedalear moito e ben, pero fíxoo.
Pingas de Orballo Lucrecia, no avión, deu unha cabezada e, de cando en vez, soñaba bonito. Non, non soñaba con Gervasio. Para que quería soñar con Gervasio? Ela non sabía que pintaba na narración do autor. Ela ía ó seu aire e aquí paz e despois gloria. Aterrou no aeroporto da capital francesa e iniciou a típica aventura de vivir a vida.
Gervasio cruzou a chaira castelá soñando tamén. El si soñaba esperto e o de bonito... era máis ben un esperpento. A soidade rabuñáballe na alma e as ansias de chegar a París eran tantas que suaba tan só co simple desexo. E non por chegar propiamente á cidade das luces (hoxe, con permiso de Vigo), senón por atoparse con Lucrecia.
A Lucrecia si quería que o narrador a metese na historia, na historia del, de Gervasio. Porque vivía por e para Lucrecia; desde que un día el viu o carreiriño do seu peito. Así de simple e así de sinxelo. E Gervasio perdeuse polos seus outeiros. Polos dela. Ela, Lucrecia, quere seguir allea ó que conte o narrador e ós desexos de Gervasio. Cando este deixou a bicicleta buscouna por París e polos confíns do universo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES