As tres cartas
En todas as feiras andaban os das tres cartas. Había, se acaso, tres ou catro grupos de a tres fulanos en cada feira de toda a rodeada.
Un día na feira de Castro, sería polo ano sesenta e pico, na feira do gando, debaixo dos carballos poñían unha mesiña que traían eles, de tres pés, dous dun lado e un do outro

por mor de que se tiña moi ben a mesa e podían recollela facilmente se chegase a garda civil.
Outros poñían un pouco antes da feira, no camiño, vindo da Tormentosa, ou do muíño, ou de Xustás, ou de Duarría, ou de Loentia, ou da Ribeira... e mais nun recullo da feira. Collían tres cartas e ensinábanllas á xente que estaba mirando e dicían.
- Facemos unha tirada?
- Mirade, vou meter esta figura da grandura dunha peseta ou dun peso, vouno meter debaixo dunha carta e vou xogar coas tres cartas varias veces. O que me acerte onde está a figura colorada de cartón despois de pasar as cartas varias veces polos tres sitios, doulle cinco pesos e senón o que xogue tenmos que dar a min. Se hai varios que queiran xogar téñenme que dar a min cada un cinco pesos e se saben onde está a figura teño que darllos eu a eles.
Un deles era o que xogaba e os outros dous estaban ao redor cuns bastóns que tiñan uns recatóns ou ferróns por debaixo, de metal, por se acaso algún se quería marchar sen pagar despois de perder ou se chegaba un e tiraba polo que xogaba e despois medíanlle as costelas.
Se un dos que xogaba acertaba, dábanlle os cinco pesos ao principio, que era cando ganaba, pero despois perdía sempre.
Certo día un home vendeu un becerro por 33.000 pesetas e púxose a xogar e tanto se emburrou que dixo mentres ía ganando:
- Subide a conta: en vez de cinco pesos, que sexa a mil pesetas
Púxose a xogar e perdeu as 33.000 pesetas do becerro.
Eu estaba alí enfronte cunhas vacas e ollaba como facían. O que xogaba que era de Ansemar cando acabou os cartos veu xunto de min e díxome.
- Préstasme dez mil pesetas que as vou xogar.
Contesteille:
- Non chas presto. Vaite de aí e non xogues máis que xa perdiches dabondo.
Outro señor que había ao lado dicíame:
- Préstallas. Préstallas
Eu non llas prestei.
Outro señor que estaba alí deume as grazas por non prestarllas e colleu polo brazo ao xogador e díxolle:
- Vaite de aquí, burro, que perdiches 33.000 pesetas e aínda queres xogar máis.
Oíu isto un dos que estaban gardando ao xogador e levanta de moco e pegoulle un pau ao traveso do lombo.
Eu coñecía aos tres atracadores que eran de cerca de Ferrol. Xuntouse a xente e veu a garda civil, pero eles escaparon e non os colleron.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero