O 16 de decembro pola mañá, un grupo da UNED Sénior da Coruña/Momán visitou o Centro de Día de Baamonde, en horario de 12.00 horas, para ofrecer unha exhibición de temas musicais traballados nas clases deste ano, mesturados con panxoliñas galegas tradicionais. Ademais, esta colaboración inclúe actividades terapéuticas, pois os usuarios do centro xa traballaron previamente coas letras das cancións.

Pola tarde actuaron no Centro de Día de Cospeito, en horario de 16.00 horas, cunha exhibición similar á de Baamonde. A actividade combina a música traballada durante o curso coas panxoliñas tradicionais e terá unha vertente terapéutica para os usuarios do centro.
A actividade de educación emocional que desenvolve a UNED SENIOR CORUÑA na súa aula de música é para mellorar o benestar social e emocional dos nosos maiores a través de música: "Transmitir Emocións coa música".
Baixo a dirección do titor Fran Cupeiro e ao ritmo das cancións dos alumnos da Senior, os maiores gozaron dunha dinámica, "Tecendo alegrías", onde puideron, coa axuda dos voluntarios e persoal da residencia, tecer os seus corazóns con mensaxes como: amor, sabedoría, fogar, humildade...
A través da canción "O costureiro da alegría", os residentes coseron de forma simbólica as mensaxes dos sabios da nosa sociedade, os nosos maiores, valorando a importancia de reconciliar estes valores nun mundo afeito a descartar o que rompe con facilidade.
"Transmitir Emocións coa Música" trátase dun proxecto innovador para incrementar o benestar emocional e social dos nosos maiores. Foi deseñado e desenvolvido polo noso

profesor-titor Fran Cupeiro para A UNED SENIOR CORUÑA.
"Transmitir Emocións coa música" ten como protagonista a música, pero traballada dunha forma diferente a como estamos afeitos a vela en proxectos de maiores: non é música popular ou tradicional, nin tampouco é musicoterapia como tal. Trátase de animadas cancións que foron realizadas desde sólidas formulacións de intelixencia emocional e social, así como valores humanos e sociais, traballando ao tempo a súa letra-mensaxe, o ritmo-movemento, a creatividade, e facilitando a comunicación e reflexión colectiva ao redor das emocións e valores que suscitan.
Durante o mes de decembro a UNED SENIOR CORUÑA a través das súas distintas aulas de música de Guitiriz, Paderne e Momán, visitarán distintos Centros de Día e Residencias de Maiores para dar a coñecer o seu gran programa "Transmitir emocións a través da música".