Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 20 de diciembre de 2024
Na procesión dos caladiños

Asistín á procesión dos caladiños, pero fíxeno berrando. Berro moito. Sempre me gustou berrar. Xa no monte coas vacas berraba moito. Berráballe a elas, berráballe ó burro e berráballe ó Uriarte, o can. Berráballe ós toxos e ás avespas, ós valados e ás xestas, á lúa e ás estrelas. E berraba cantando as cancións de Camilo Sesto cando entraba coas vacas na vila de Baños de Molgas en plena noite pecha. Eu ben sabía que berraba para espantar o medo.
Pingas de OrballoComo na procesión dos caladiños non procedía berrar por certas cousas, berrei polos desamparados, polas almas en pena (que hai unhas cantas), polos que sofren e polos que se queixan (que hai outros tantos). Berrei polas guerras e polas catástrofes e polas esperas e polas queimas. Porén, por quen máis berrei foi polos vivos. Hai vivos que necesitan catro berros, como tamén os hai ós que temos que empurrar a base de alaridos. Hai algúns que nin meténdolles un toxo por onde as costas perden o seu honesto nome son quen de moverse, de actuar.
Berrei pola sombra que asomou por detrás de Sudalomba e pola rula que asentou na galla dun castiñeiro. Berrei polas tardes de silencio e polos reflexos dos espellos. Berrei de anhelo ante unha habitación en penumbra e bailando un twist sobre a cova do lobo nunha tarde de novembro. Berrei na procesión dos caladiños... en silencio.
Porque se pode berrar en silencio. E de noite, e de día, e a calquera hora. Pódese berrar mentres a señardade se bifurca entre a esperanza e a realidade, entre o soño e o pesadelo, entre as ansias e os desesperos.

Máis torcido que dereito

Quixen nacer entre nubes de algodón e miña nai pariume sobre un xergón cheo de follas de millo na habitación que estaba xusto por enriba do pesebre dos becerros. Se nacera ó anoitecer faríao enriba do cortello dos porcos, na cociña. Ás cinco da madrugada, por lóxica, cadrou que estaba na habitación.
Pingas de OrballoQuixen nacer nun día da semana normal e corrente, ou sexa, laborable, pero non, miña nai, sendo bastante católica, apostólica e galega, preferiu o domingo, é dicir, desde o pesebre dos becerros xa fun directo á igrexa parroquial de san Salvador de Baños de Molgas, que está xusto á beira. Tan á beira que, nun punto dado, haberá tan só metro e medio. Creo que aprendín a Ave María e o Nosopai antes de dicir papá e mamá.
Quixen nacer para sereno e quedei en pobre labrego que, iso si, ó volver do monte coas vacas, anunciábame ben anunciado a base de berros polas rúas molguesas. Daba perfectamente as horas nocturnas.
Quixen nacer para vivir ben, pero as miñas circunstancias, a maiores de andar detrás das vacas, arados, carros, sachos e fouciños, leváronme por pesadelos que, agora, non procede contalos.
Son o fillo da Lola da Amparo e do Manolo da Lola que quixen nacer dereito e seica saín torto. Gústame asubiar máis que cantar, os nacionalismos máis que as dereitas, os esperpentos máis que as realidades, as sombras máis que as claridades, o reverso máis que o anverso. Gústame o toxo máis que a rosa. E gústame berrar en silencio, en completo silencio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES