Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E para esta Noiteboa?: O bocata 'Comunista'. Ven!

Campo Freire, Xaquín - viernes, 20 de diciembre de 2024
Nestes días aumentan as soidades. Incluso as tristuras e as tentacións de suicidio. Velliños, enfermos, coidadoras, rapaces solitarios adictos aos móbiles ou á internet. Nenos incomprendidos, xente de mediana idade sen visión de futuro e xa abolados, etc. Bágoas que afogan lembranzas de tempo idos, vividos "no fogar bendito onde me criei" como cantabamos nos anos 60, na canción de "Campanitas". Eran tempos de emigración masiva. E xa non vos falo dos cárceres, hoxe e sempre!
"Eu estas datas borrábaas do mapa e queimaba os calendarios". Todo unha mentira comercial e propagandas humillantes de la "gente guapa". E se deixamos de queixarnos e facemos algo en positivo? "La imaginación al poder". Maio francés do 68.
"Solitarios do mundo unídevos. Unha tristeza a perdermos e un mundo novo de humanidade a gañarmos."
Amiga, amigo: Cóntoche. No ano 1969 eu estaba de cura en Piñeiros, Narón. Unha nova parroquia recén estreada. Non tiñamos nada. Nin locais, nin templo. Estabamos de prestado en todo. Só eramos as persoas. Eu estaba só. Pero tamén xa coñecía moitas outras soidades. Non había desprazamentos. Un 600 era un luxo que poucos tiñan.
O domingo anterior convidei aos fregueses a cearmos xuntos esa Noiteboa na miña casa alugada: Eu teño un bolo de pan ben grandiño. Un pouco de fiambre. E café con leite. Trátase de estarmos xuntos, non de celebrar unha enchente. O importante é botarmos fóra a morriña e enfermizas soidades. Por iso cada un/unha traemos un bocata algo grande, por se alguén vén sen nada, e podermos así entre todos repartir e compartir.
Pasaron pola casa tres rapaces e unha moza para saudar e ofrecéronme a súa familia. Agradecino moito. Pero eu desexaba que viñese xente en soidade. Ceei só.
Un matrimonio que acababa de perder a filliña de 8 anos nun accidente de estrada díxome ao día seguinte no Nadal. Estivemos coa porta pechada pola parte de fóra. Pero o meu José volveuse atrás: "Estamos de loito e non ten xeito que o día de hoxe saiamos coa nosa tristeza de parranda con xente que non sabemos nin quen é. Non son da familia". Que tristura, meu Deus! Canto me pesou facerlle caso, dixo Maruja.
O ano pasado, 2023. O dia dez de Nadal encontrei a Alipio na estrada da estación de Ferrol. Non tiñamos moito trato. Saudeino e feliciteille as Festas.
Reviróuseme educadamente pero con rabia: Desculpa. Non quero ser maleducado. Pero, que sabes ti da miña vida? Este mundo é unha farsa. E non entres ti tamén niso. Se non fose por alguén que quero moito, isto solucionábao de raíz. Non me atrevo.
Inviteino a un café e escoiteino durante media hora. Como eu tiña ocupacións esperándome concertamos outra data para seguirmos falando xa que tiña algo que proporlle e pedirlle se me axudaba. Chegou puntual.
E se ti e máis eu nos xuntamos? Eu tamén estou só esa día. E se convidamos a xente polo WhatsApp ou por outros medios e esa tardiña-noite e creamos o comezo dunha experiencia nova? Deulle ilusión. E o sitio? Non te preocupes. Falamos con Alfonso, o párroco, para que nos ceda a Basílica de S. Paulo Extramuros, en Catabois. Xa temos locais. - Que burlón es! En tempos, eles mesmos lle chamaron "La ciudad sin ley". - Certo. É a barriada máis pobre de todo Ferrolterra. Eu estiven alí dez anos de cura. E canto sentín que me cambiasen de alí! Que xente tan boa! O importante non é a comida, nin o que comamos esa noite. O que importa e abrírmonos á xente que está en soidade. Para iso, cadaquén leva o seu bocata, algo grande, por se hai que repartir.
- "Un bocata comunista"!, dixo de repente Alipio. Como fixeron os pastores naquela noite fundante. Alí non faltou alegría nin solidariedade. Non brindaron con cava nin houbo uvas xa peladas. Pero algo debeu ter de novidoso cando chegou ata nós a tradición. Está ben iso que dis: "O importante non é o que ceamos senón con quen o compartimos". Xa estou máis animado. Non estou pechado en min mesmo.
E así foi. Fomos dez, entre os que pasaron a saudar e os que comemos xuntos o bocata. E o programa? Entre todos foi ben doadiño. Nós, postos a discorrer! Dedicamos unha hora a facer unha lista de xente enferma ou solitaria. E entre todos fómolos chamando para saudalos e falar con elas/eles. Para todos foi unha sorpresa. Canto o agradeceron! Tal vez chamamos a un cento e moito.
Logo alguén propuxo que era ben comentar a experiencia e sacar de nós mesmos esas "crenzas irracionais e ideas tóxicas" das que nos falan os psicólogos para identificar, cambiar e xestionar mellor as emocións tan negativas que nos están a crear conductas moi trabucadas. Canto mal nos fan!
Alguén tamén pediu un tempiño para estar en soidade e en silencio persoal na capeliña. Precisaba personalizar o que estaba a vivir. Outros seguiron dialogando e afondando os senti-pensamentos entre o grupiño. Algúns tiveron de irse. Non querían.
E chegou a hora do "bocata comunista" e do quentiño café con leite. - "Como me prestou esta cea de Noiteboa. É a primeira vez que lle encontro o sentido profundo", dixo Alipio. Para o ano que vén repetimos a experiencia convocando a quen queira xuntarse. E aquí estamos. Vinde! Pero ollo! Condición imprescindíbel: Non queremos aburguesarnos nin perder de vista o obxectivo: O importante non é o que comemos. O importante é saírmos de nós mesmos e dos nosos ensimesmamentos e aprendermos a compartir: Axudarnos entre todos a saírmos das nosas soidades que tanto mal nos fan.
E Lía, que canta ben, encheu de melodía e sumo gusto a nosa "basílica de Extramuros": "O pouco que Deus nos dá colle nunha man pechada. O pouco con Deus é moito. o moito sen Deus é nada".
Viva o bocata "comunista!" E aplaudíronlle.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES