Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación libro Maragatos. Lugo, 11.12.2024

Xiz, Xulio - viernes, 20 de diciembre de 2024
Presentacin libro Maragatos. Lugo, 11.12.2024 É unha honra e un placer presentar aos lucenses este achegamento á historia dos "Maragatos da Porta de San Pedro", un traballo no que o meu fillo Antonio -compañeiro; amigo- e máis eu nos mergullamos hai tempo como se fose a historia da nosa propia familia.
Chegamos a esta incursión no corazón maragato que latexa na Porta de San Pedro por unha serie de "causalidades" que nos abocaron a abordar este gratificante traballo.
Pola parte maragata do tema, teñamos en conta que entre Maricarmen e sua irmá maior, María Dolores había unha moi especial relación fraterna que as circunstancias fixeron estreitar aínda máis. E cando Lolita morreu moi nova, Carmen herdou a súa amiga máis directa, María Juliana, e hoxe Juliana e Carmen son amigas desde sempre e para sempre.
Pola nosa parte, cando entrei a traballar no antigo Ministerio de Información e Turismo en 1964, quen me recibiu, acolleu e orientou foi María Juliana, polo que levo con ela sesenta anos de amizade, heredada por toda a miña familia.
A amizade, xa que logo, de Maricarmen coa nosa familia era case predestinación, e desde o comezo fomos testemuñas da súa querencia polos devanceiros, polo seu traballo, pola calor do seu fogar, que lle impuxo o deber de gardar memoria e de total entrega ao negocio familiar.
A paixón desta maragata pola súa familia, o desexo de facer algo útil pola cidade de Lugo, a necesidade de encarrilar cara o futuro o especial recanto no que reina, fixo que nos impuxésemos a obriga de colaborar en que a devoción de Carmen polos seus Presentación libro Maragatos. Lugo, 11.12.2024devanceiros e a súa vocación comercial se plasmase dun xeito que espallase o ser e o sentir dunha saga maragata que se asentou con raices tan firmes no que entenderon como terra de promisión, Lugo, que desde os primeiros momentos -e van cumprirse 145 anos- foron lucenses e participaron na vida desta cidade con entusiasmo, constancia e fe.
Contaxiámonos de "maragatismo" fará uns dez anos, pero tardamos algo en dar co camiño a seguir... Maricarmen pensaba en facer un museo do comercio tradicional e nós especulábamos coas posibilidades.
Empezámos a estudar a documentación gardada no arquivo familiar, e no obrigado retiro da pandemia decidimos comezar polo que nos resultaba máis doado para seguir camiñando... E o 19 de abril do 2021, día no que se cumprían 40 anos do pasamento de Tomás Pérez-Carro, abreuse ao mundo en internet a web "maragatosdelugo.org", na que publicamos a primeira entrega do libro que hoxe presentamos, que entendemos como un paso máis no coñecemento da memoria legada nun exemplo de documentación da traxectoria comercial e familiar.
E hoxe presentamos este libro do que Antonio e eu somos coordinadores, porque autores son coma nós medio cento de escritores e fotógrafos. 14 deles, recollendo pegadas maragatas pola provincia de Lugo; dous da familia Carro: Andrés García Carro de A Coruña e Juan Ángel Carro, prologuista, da Maragatería... e 33 destacados lucenses que falan desta familia maragata con especial fincapé na "maragata de lúa e esperanza" da que fala Otero Canto, que se atopa "na xuventude da madurez" para Jacobo Sández; dentro dunha familia "arquetipo de integración económica e social" para Julio Reboredo, "maragatos exemplares, exemplo de emprendedor" para José María López Bourio... que segue "axudando a conformar a historia da nosa cidade", segundo José Manuel López Cedrón.
Pero o dardo máis directamente lanzado ao meu corazón de chairego veu de Paco Martín, creador da figura de Ramón Lamote. Di Paco neste libro que "Ramón Lamote argallara unha carreira de nubes na que os galardóns foran marmolubios. Hai quen di que por aqueles dias viran ao señor Lamote sair da tenda de Maricarme levando varios paquetes... Non podía ser noutro sitio". Só Mª Carmen podía ter marmolubios na súa tenda.
Sintetizamos o que puidemos... Pero o libro saíunos así. E está en castelán para poder ser levado á súa primeira orixe, á Maragatería.
E do libro fixemos tamén, síntese, para a exposición que nestes momentos se está montando na entrada da Biblioteca, e inauguraremos cando este acto remate. Son doce paneis, que por unha cara están en castelán e por outra en galego, para difundir cumpridamente esta historia.
E aproveitamos este acto para anunciar a creación, o 9 de febreiro deste ano, diante do notario José Manuel López Cedrón, da Fundación Pérez-Carro para a "promoción da cultura de Galicia a través da visibilización do comercio tradicional, en especial do lucense; da importancia dos maragatos neste sentido e a divulgación da traxectoria empresarial da Familia Pérez Carro", así como "o apoio de actividades cristiás, cívicas, educativas, culturais, científicas e sanitarias". A Fundación está presidida pola súa promotora, Carmen Pérez-Carro, á que acompañamos cinco persoas amigas, presentes nesta sala.
Recoméndovos a lectura do libro... Atoparedes historia, memoria, xentes; veciños, amigos... Atoparedes a Maragatería, e Galicia, e Lugo; e maragatos galegos. Quizais moitos, coma min, teñades pasado por diante de comercios maragatos. Eu en Vilalba tiña un compañeiro de estudos que era da familia "das Maragatinas", das que nos fala Pombo Mosquera... e descubro compañeiras de traballo da Fonsagrada, con avós maragatos, dos que nos fala Manuel Curiel... Pero quero rematar cunha imaxe que desde que a vislumbrei me da voltas na cabeza...
Os que vivimos en Lugo sabemos da figura xigante de don Juan Rof Codina, veterinario, pai de Rof Carballo... pois imaxinade que arredor de 1900, Tomás Pérez Carro, o noso primeiro maragato, que tiña un carro de mulas co que ía polas feiras mercando xamós, levaba como compañeiro e amigo a un veterinario mozo, con ánsias de investigar as enfermidades do gado do noso rural... Perez Carro con Rof Codina… como me gustaría ver aquela estraña parella polas feiras da nosa contorna, disfrutando daquel dificil presente, sen imaxinar que seculo e cuarto despois os considerariamos pezas da nosa historia persoal; pezas da historia lucense e de Galicia. Como teodos visitades a tenda de Maricarmen, pedídelle que vos enseñe -e vos explique- o singular bastón de Rof Codina.
Que a lectura deste libro nos conforte; porque é un libro vivo, grazas a Maricarmen que quixo que a memoria dos seus devanceiros vivira para sempre na vida e na historia de Lugo e de Galicia.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES