Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 19 de diciembre de 2024
O valado

Alí estaba. O valado que atravesaba o camiño. Acabado de facer. E ninguén sabía quen o fixera, quen o puxera alí. O valado era alto e groso, cheo de toxos e silvas, gallas e arame. O valado era difícil de cruzar. Por momentos pensei se non sería a conciencia de alguén ou a esperanza rota doutros. Ó mellor era o obstáculo imposible.
Imposible. Que non pode darse, que non pode facerse. Pingas de Orballo Moi difícil de facer, imaxinar, soportar, etc. Aquilo que non é posible ou que presenta moita dificultade para ser realizado. Imposibilidade... unha quimera! Para min non hai nada imposible! Tíñalle máis medo ó que habería do outro lado que á subida do propio valado.
Iniciei con parsimonia a acción de quitar toxos e silvas, gallas e arame. Cando o valado quedou limpo de broza, tocaba agatuñar, aganchar, gatear por el. Coma cando subía ós carballos e piñeiros buscando niños de pombos ou pegas, alá pola infancia. Tiven que facer varios intentos para conseguir chegar arriba de todo. Pero, antes de mirar o que había ó outro lado, collín folgos e esperei.
Esperei por medo ó descoñecido, mesmo ó baleiro. Ó mellor tan só había iso, o baleiro. Ou unha señardade que, a pesar de que ás veces é bonita, moitas outras ninguén quere. Ou unha acción ou feito que non queres ver. Ou unha melancolía que te deixa morriñento. Había que seguir. No alto do valado, ó outro lado, tan só había silencio. Deume tal medo que rebentei cun berro. Seguín o camiño preñado de angustia, coa congoxa rabuñando nas entrañas. Pero o valado quedou atrás.

Catro voltas á almofada

Deille catro voltas á almofada e todo seguía igual. O insomnio cabalgaba sobre as entrañas das ideas e pensamentos. Cheguei a dicirlle que se comportase. Á almofada, digo. Puxéraa como a puxera, non me facía caso. Ás veces dáballe labazadas para adaptala, para axustala, para acomodala sobre as miñas imaxes, opinións, visións e ela seguía a espantar o sono.
Pingas de Orballo Aínda que, se a almofada deu catro voltas, eu dei as mesmas e multiplicado por outras catro. Que se á novela barata había que meterlle máis intriga, máis acción, máis sentimentalismo. Que se o ruxerruxe da intelixencia borboriñaba sobre a ineptitude, a incapacidade do entendemento, ou do raciocinio. A verdade é que a intelixencia miña é pouca, mentres que o bulebule, o fervello da cabeza é moito.
En cada volta da almofada ía o tempo que se foi, a idade que non volve, os soños que, moitos, convertíanse en pesadelos e o silencio que, por momentos, sentíase derrotado polo ruído. Polo ruído dun ir e vir aloucado, efémero, mandón, covarde, todo mesturado nunha conciencia, por veces, fría e, ás veces, acalorada.
Catro voltas de campá dunha almofada que non se viña a razóns. Facía e desfacía ó seu albedrío nocturno. E a min non me quedaba outra que aguantar o chaparrada a base de versos por escribir, de ovellas por contar, de estrelas por admirar, de xogos por realizar e desexos por anhelos. Dezaseis voltas de campá dun insomnio meu que me levaba ó baleiro da realidade.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES