Sentado sobre o raíl
Andei por enriba do raíl da vía do tren coma se fose un neno pequeno. Case me esnafro. Xa non teño idade para eses malabarismos. Como non me esnafrei e como non quería tentar á sorte, sentei sobre o raíl e esperei a que chegase á miña altura Ennio Morricone.

Cando sentou á miña beira, emocioneime. El axiña se puxo a falar das súas bandas sonoras e eu non tardei en subir a un cabalo negro para cabalgar polos spaghetti westerns de Sergio Leone. Morricone chamou Clint, por Clint Eastwood, e xa babexei de contento.
Case me esnafro outra vez ó espertar do soño. Porén, seguín sentado sobre o raíl e deixei que unha rula se achegase a min. Era bonita. Deille comida. Subiu ó meu ombreiro e contoume catro batallas de cando facía os niños nas silveiras. Sorrinlle. Sorriume. Deille máis grans de millo e baileille un rock and roll influenciado por un tema musical de Elvis Presley.
Cando a rula me deixou sentinme un pouco perdido... e sen moverme. Sentín coma un baleiro, coma un mareo. Por se aquel, seguín sentado sobre o raíl da vía. O tempo semellou que se detivera e o silencio fíxose máis silencio cando pestanexei ante a incerteza doutro soño. Eu mesmo nin sabía se estaba a soñar ou se a realidade era tan efémera que quedei desconcertado, atordoado. Menos mal que me espertou un berro de Sabina. Se non, xa estaría máis que esnafrado.
Erguín do raíl. Paseei pola plataforma da estación de Baños de Molgas e deixei que a noite se apoderase pouco a pouco do día para, despois, iso si, soñar unha realidade ficticia. O caso está en que todo deleite sexa o meu gozo.