Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe chairega a Ramón Villares, reitor de Cazás e nacionalista

Fernández Prieto, Lourenzo - miércoles, 18 de diciembre de 2024
O amigo e admirado Mero chamoume a participar na homenaxe que quixeron facerlle a Ramón Villares a Irmandade Manuel María e Asociación Xermolos. Ben acompañado por Emilia, Loli e Morgan chamados tamén para a obrigada chufa, e presentados por Xulio Xiz, escollín falar da súa tarefa como reitor nacionalista da Universidade de Santiago. Ao meu ver, o que daquela logrou facer Villares define ben ao personaxe como creador silandeiro. Tocoulle a el inventar a Universidade de Santiago como unha entre tres, despois de perder en 1989 a condición de universidade única. Tocoulle desenvolver novas titulacións e, ao deseñar os edificios para acollelas, pensou en grande. Abonda citar a escolla de Alvaro Siza para construír a Facultade de Xornalismo, que lembra o empeño do reitor Cadarso en deixar trazas de futuro. Cando aínda non había aínda edificios específicos para investigación, o equipo que dirixía encargou a outro arquitecto de referencia, Gallego Jorreto, deseñar tres con ese fin.
Homenaxe chairega a Ramón Villares, reitor de Cazás e nacionalista
Xa como decano da Facultade de Xeografía e Historia, Ramón Villares organizara a primeira biblioteca centralizada e de acceso directo da universidade, seguindo as pautas que eran habituais nas mellores universidades europeas e americanas e establecendo o modelo que logo estendeu como reitor e ficou consolidado. Deseñouse tamén daquela o Sistema de Residencias Integrado (SRI) que converteu a Santiago na universidade do Estado coa mellor e máis social oferta de prazas de residencias para o estudantado, rachando co modelo elitista e franquista que aínda hoxe moitas conservan. Naquel deseño tiveron moito que ver os primeiros CAF (Comités Abertos de Facultade) que levaron a aquel goberno universitario as reivindicacións vivas pero tamén a experiencia dos egresados do movemento estudantil da década anterior.
A reitoría de Villares tamén protagonizou unha consciente ruptura co franquismo que comezou o mesmo dia da súa toma de pose no Paraninfo da Universidade, tapando cun pano branco a placa dos Caídos na Cruzada, substituída até o día de hoxe cun retrato de Fonseca. Ruptura inapelable, sen retorno, sen ruído. Propia de quen entende a importancia dos lugares de memoria como construtores de conciencia cívica.
Aquela equipa reitoral que el dirixía, reformou radicalmente a administración e a xestión universitarias, centralizou a matriculación e introduciu os novos sistemas de datos e tecnoloxías de rede, empezando polo correo electrónico. Pensar a Universidade de Santiago para o mundo, como é propio de galegos de seu que se entenden cidadáns do mundo, levouno á creación do Grupo Compostela de Universidades, un instrumento inmellorable que deu grandes réditos na internacionalización. Pensar aquela universidade na historia europea levouno a deseñar o Vº Centenario, que distinguiría en positivo a Santiago das novas competidoras irmáns.
Tivo sorte a Universidade de Santiago de Compostela de ter naquela altura como reitor un historiador con visión política que entendía como rachar co pasado e como deseñar estratexicamente o futuro. Tocoulle facerse cargo dunha USC en tránsito e deseñou o futuro ao grande, con ansia, acompañado dun equipo de xente nova e con tanta ambición política, que definiron esta universidade de Santiago do século XXI. Como di sempre o meu amigo Manolo Barreiro -colaborador tamén daquel goberno universitario-, hai que distinguir as ambicións construtivas do colectivo das ambicións estritamente individuais, mesmo aínda que ás veces parezan confundirse. A ambición de Villares é construtiva e creadora pero no seu carácter no vai chamarse ao mérito. Practica o dito que súa avoa repetía na lareira da súa casa en Cazás: o que sobra é o que mantén.
A homenaxe a quen foi reitor como cabeza dunha ampla Plataforma Nacionalista que acolleu entre 1990 e 1994 diferentes sensibilidades políticas e sindicais e os tres "estamentos" universitarios, acontecía mentres o BNG organizaba a súa asemblea. No Muiño do Rañego falamos de Villares e dos seus méritos para a homenaxe. Seguín a parola con Pepa Alvarez e Berta López polo carreiro do Paseo dos Soños de Vilalba e con outros como Xocas Leiceaga ou Charo Alvarez que tamén participaran naquela reitoría, ata chegar á instalación escultórica que lle adicaron a Villares. Para entender a dimensión actual do nacionalismo galego seguramente hai que entender esta homenaxe ao reitor de Cazás, que sempre se presentaba e se presenta, dicindo de onde é. Ana Pontón, que é de Chorente, proclamou ao día seguinte "o mellor que podemos facer polo noso país é gobernar". Evocadoras coincidencias, xaora.
Fernández Prieto, Lourenzo
Fernández Prieto, Lourenzo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES