Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha lingua non só nosa

Ríos, Xulio - martes, 17 de diciembre de 2024
É moita a enerxía que se nos vai na polémica lingüística. Difícil estimar canto influi isto na perda de atractivo cívico. Compréndese o escepticismo sobre calquer anuncio de pacto político nun momento de tan acusado deterioro. Non só no uso da lingua propia...

Pese a iso, podiamos pensar que é un momento prometedor para alentar un cambio de paradigma que poña freo a esta sorprendente anomalía, a esta deriva suicida co noso idioma. O primero debera ser desapegarnos de vellas polémicas, adoptar un principio Unha lingua non só nosa global de non dominación de unha sobre outra e fuxir dunha ideoloxización que é profundamentante distorsionante cando se erixe en parteaugas.

Debemos celebrar a lingua galega. Ata aí é posible un gran acordo. E a partir de aí precisamos incorporar perspectiva e contexto, achegando ese sentidiño de que tanto presumimos pero que neste asunto brilla pola súa ausencia. Ao construir sobre as vellas bases é alto o risco de recidiva.

A lingua é a nosa principal marca e expresión da nosa identidade. Non é unha loita incansable. Ou só, nin preferentemente debera selo. É un absurdo absoluto renunciar a ela. É un gran activo. "Quen valore os idiomas segundo a súa difusión ou a súa utilidade práctica pensa cun criterio de emigrante", dicía Plácido Castro. Nada tan valioso como unha marca que nos distinga. É unha lei básica no mundo dos mercados e que tamén podemos trasladar a outro ámbitos. Todos podemos entendelo cando falamos de economía. Quen ten ese diferencial ten un tesouro.

Igualmente, todo o mundo comprende hoxe o valor do patrimonio en todas as súas manifestacións e a necesidade consecuente de coidalo. A lingua é a nosa gran catedral cultural. Como non presumir dela!

En tempos como os actuais, de incremento da sensibilidade ambiental, tamén todos podemos entender o drama que supón a extinción dunha especie cando falamos da diversidade ecolóxica. Apliquemos o mesmo razoamento de partida ás linguas. Todas importan.

E, sobre todo, miremos o mundo e o grande que é. Co galego estamos con identidade propia no universo das linguas e das sociedades. Non as hai mellores ou peores, nin unhas máis importantes ca outras, por mais que sexan evidentes as asimetrías de poder. E cantas máis linguas, mellor. E cantas máis falemos, mellor.

Plácido Castro foi un teimudo defensor do plurilingüismo baseado naquel ideario universalista que sempre profesou. Educado no Reino Unido, políglota e recoñecido tradutor, comprendeu sempre a importancia de valorar a lingua do propio país, diluíndo as fronteiras que algúns se empeñan en erguer entre esta, a propia, e as demais.

A nosa lingua non é só nosa. É un patrimonio global que temos a fortuna de administrar. Dános unha visibilidade orixinal no mundo.

Por iso tamén, as nosas autoridades neste eido, non só as gobernamentais, debían prestar máis atención á diplomacia lingüística e ultrapasar o Padornelo e mesmo a diáspora e ata o universo lusófono. En lugar de camiños trillados, importa asomar a cabeza nos espazos do multilateralismo lingüístico e cultural global. Mais aínda tendo en conta a fundamental misión de "lexitimación" interna que acostuma a desempeñar o "exterior" na nosa sociedade. A retroalimentación internacional é de gran importancia para que a propia sociedade galega estime máis o propio. Que algunha personalidade global recoñecida gabe a nosa lingua ten un impacto seguro. Porque a falta de autoestima está na orixe da feble consideración social da lingua.

Internamente, a lingua é moi dependente da literatura e do ensino. Enténdase ben o que digo, especialmente á vista de tantos recoñecementos que colleita e que tamén son moi importantes. O inxente labor que persoas como Xosé González Martínez ten levado adiante para que floreza noutros eidos, dende a industria á xudicatura, a administración ou as lápidas dos cemiterios, é unha cuestión vital. Ten que haber un liderado social mais diverso e compartido que facilite a despartidirización do debate.

Esas dúas claves, interna e global, quizais poden axudar a ese salto cualitativo que urxe para que a nosa sociedade valore máis o propio. E nada máis propio que a lingua, sen dúbida, a mellor creación e da que máis orgullosos deberiamos estar. Permite comprendernos e expresar as nosas ideas. É unha lingua no mundo e debera ser, para nós, afectivamente, a máis importante do mundo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES