Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pola unión dos empresarios vilalbeses

viernes, 12 de junio de 2009
Chégame de Vilalba a nova da posibilidade da unión de dúas asociacións de empresarios: a dos comerciantes e a dos do polígono das Sete Pontes. E paréceme unha magnífica noticia.

Leva Galicia séculos clamando contra o minifundio, que de xeito máis importante se manifestou sempre na propiedade rural, que se foi dividindo entre os fillos nas partixas, optando pola pura partición de fincas e casas en lugar de axeitada distribución mantendo as superficies de cultivo. Así temos fincas dun ferrado ou menos, imposibles de traballar axeitadamente.

Certo que o proceso se invertiu, e hoxe xa ninguén divide fincas, e ó revés foméntase a concentración parcelaria sabendo que tamén nesto a unión é o verdadeiramente importante, e canto maior sexa a dimensión dunha finca máis facilidade haberá para traballala axeitadamente.

Pois ese minifundismo existe en moitos outros aspectos, onde moitas veces preferimos ser cabeza de rato en lugar de rabo de león, capitán dun grupo mínimo que colaborador dun grupo grande.

Perto de cento cincuenta socios ten a Asociación de empresarios do polígono Sete Pontes, aínda que algúns deles teñen as súas empresas fóra do polígono. E algo máis de cen empresarios forman a Unión de Comerciantes de Vilalba e o seu centro comercial aberto. Por separado levan vivido moitos anos, e feito cousas importantes cada quen na súa área de influencia, tendo en conta que a priori os obxectivos eran diferentes porque tamén eran diferentes os plantexamentos e as características empresariales.

Pero de repente, ou non tan de repente, os directivos danse conta de que hai moitos máis factores que os poden unir que os que os separan e plantean a xuntanza para formar unha asociación poderosa de douscentos cincuenta empresarios vilalbeses.

Eso é razoar, pensar en futuro e na realidade social e económica. Por separado teñen moito que facer e conseguir, pero todos xuntos -coa fórmula que sexa- poden conseguir moito máis para todos. E parece que por aí van as cousas, ou deben ir, que estas cousas aínda que non sexan de palacio van necesariamente despacio.

Do mesmo xeito que me chegou a noticia da posibilidade, agardo recibir non tardando moito a nova do acordo e comezo de funcionamento conxunto, que sería un importante avance para a industria e o comercio de Vilalba, precisamente no momento de crise que precisa o esforzo de todos.

Queda moito por andar e que facer, moitos ós que escoitar, e moitos que queiran falar, pero a idea está lanzada e parece que ben acollida por ámbalas dúas directivas das asociacións empresarias.

Se aplicamos o sentidiño -que os galegos sabemos que é moito máis que o que chamamos “sentido común”- a unión irá para diante e Vilalba terá unha asociación de empresarios como en poucos lugares existe, que non só defenderá os intereses dos seus membros senón -co seu traballo- os intereses de todos os vilalbeses.

Eu agardo con ilusión por esa unión. Que será boa para todos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania