Tal día como hoxe de hai 147 anos, o 16 de decembro de 1877, realizábase en Barcelona a primeira comunicación telefónica no noso país, entre o Castelo de Montjuich e a Ciudadela de Barcelona.

O teléfono. Ese aparello que, nesa data, ata poida que se catalogase de bruxería e que, hoxe, é unha ferramenta imprescindible e, por que non, tamén asusta un pouco. Ten tantos pros e contras que creo que desde esa data estivo sempre en boca de todos. Na actualidade segue a falarse del como unha arma que, ás veces, semella letal e, outras, salvadora.
Hai que recoñecer que, o teléfono, sabendo usalo é un utensilio que ben merece toda a nosa admiración. O malo está en cando facemos mal uso del. E non me refiro, por suposto, a esas estafas ou roubos de datos que están á orde do día, se non a ese tempo que nos fai perder en simples trapalladas, en conversas intranscendentes que, máis seguro, acabamos de ter co interlocutor mentres tomabamos uns cafés. Lembro un día que, paseando pola Valenzá, vin a catro, xa máis que mozos, sentados nunha mesa dunha terraza e manipulando, os catro, nos móbiles. Véuseme á cabeza o detalle ese de que máis seguro que quedaran a tomar algo para falar un pouco. O resultado era un imaxe bastante pobre e, por que non, incluso triste.
Hai pouco houbo o debate dos móbiles nas clases si ou non. Repito o de cando falaba de saber usalo. Nos colexios haberá momentos nos que é unha boa axuda, unha boa ferramenta educativa, pero case son máis partidario do non uso; facilita demasiado as cousas e hai certos asuntos que é bo descubrilos por un mesmo. O que se adoita dicir: que non che dean todo feito. Hoxe cos móbiles, e para máis aquel, con esa famosa intelixencia artificial, case é mellor quedar un cama, que está todo feito.
Con respecto á linguaxe, e creo que estamos todos de acordo, que por culpa dos móbiles, esta, está máis que empobrecida. Nunca se escribiu tan mal e tan pouco coma nos tempos actuais: abreviaturas esperpénticas de palabras, cariñas e emoticonas que substitúen incluso a esas propias abreviaturas, erros gramaticais que claman ó ceo, etcétera.
Teléfono: sistema eléctrico que permite transmitir sons a distancia a través dunha liña que conecta uns aparellos emisores e receptores, podendo así conversar dúas persoas, por moi lonxe que se atopen unha doutra. Moita leria, cando, cun bo berro, comunicámonos divinamente.