Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festa total

Cabada Castro, Manuel - domingo, 15 de diciembre de 2024
Cando os días se está a facer curtos, porque o sol ergue pouco a súa testa e o inverno está xa á porta, contra vento e marea, a liturxia declárase hoxe en folga respecto de sentimentos que se poderían asociar cos acontecementos meteorolóxicos. Para ela e polo tanto en principio tamén para nós, nada de tristuras, desazos e cousa semellante.

O motivo é que sempre, ó longo das nosas vidas, mais de maneira formal neste tempo de Advento, estamos a esperar o Señor que vén. Que vén como liberador dos medos, angustias e dúbidas en relación co que vai ser de nós, da humanidade e do mundo. El é quen nos posibilita a esperanza, porque nos abre un futuro firme e seguro. Por iso temos dereito, grazas á Boa Nova do Evanxeo, a vivirmos con alegría.

Así o declaran, de maneira alta e clara, as lecturas da celebración eucarística. Xa na antífona de entrada fomos convidados á ledicia comunitaria ó nela se utilizaren as seguintes palabras de Paulo na súa carta ós Filipenses: "Alegrádevos sempre no Señor, vivide sempre na súa ledicia, o Señor anda preto de nós". Paulo insistirá aínda na mesma en que non deberiamos desacougarnos "por cousa ningunha". Así, pois, a encarnación de Deus, é dicir, o seu emparentamento coa humanidade toda e, en consecuencia, con tódalas culturas, linguas ou relixións debería ser motivo abondo para que a humanidade enteira se alegrara coa vinda de Xesús. Porque el veu xa, está vindo e seguira á vir sempre para todos e cada un dos seres humanos.

Non deixa de ser mágoa que ás veces os cristiáns teñamos dado a impresión de non térmonos presentado aberta e decididamente felices ante os demais. Un importante filósofo alemán do século XIX, chamado Nietzsche, criticaba os cristiáns e os crentes en xeral por esta razón. El dicía "só crería nun Deus que soubese bailar". E criticaba "sacerdotes" e crentes por non proclamaren a alegría senón a dor e a tristura: "Deberían cantarme mellores cancións, para eu aprender a crer no seu Liberador. Deberían parecerme máis liberados os seus discípulos".

Non estaría mal aceptar o consello de Nietzsche. Non porque el o diga, senón porque resulta ser unha ben antiga e central proclamación da nosa fe cristiá: a de vivirmos alegres no Señor, porque el nos salvou ou liberou ó se facer un de nós, irmán noso e de todos. Por algo o papa Francisco escribiu hai xa algúns anos a súa fermosa exhortación apostólica que leva como título "A alegría do evanxeo". O sentírmonos irmáns de todos provoca, efectivamente, alegría en nós e en cantos poden experimentar e comprobar que somos de verdade irmáns.

Aínda que Xesús centrara a súa mensaxe xustamente nisto, chama a atención tamén o feito de que o texto de hoxe de Lucas nos presente xa a Xoán Bautista -o precursor do Mesías- nesta mesma liña. Uns e outros pregúntanlle efectivamente ó Precursor que é o que teñen que facer. O Bautista -home aínda do Antigo Testamento e polo tanto coñecedor de ritos, sacrificios, penitencias e preceptos que había que cumprir- deixa de lado todo iso e respóndelles así: O que tendes que facer é ser bos cos demais. Nada máis e nada menos: ser xustos, bondadosos con todos. É dicir, exercer de irmáns dos que están arredor de min. Ou -como adoitamos dicir tantas veces- compartir.

Curiosamente, de entre os tres consellos ou mandados que o Bautista lles formula ós seus oíntes e discípulos non hai sequera un que se refira directamente a Deus mesmo. Os tres -para dicilo dunha maneira algo provocadora- son humanos, non "divinos". Estas son as propostas que lles fai Xoán: "O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo quen teña que comer". Polo tanto, unha vez máis: compartir e compartir... Ós que teñen o oficio de cobrar os impostos: "Non esixades nada máis do que vos está mandado". E ós soldados, é dicir, ós militares e policía dun país daquela sometido a un poder estranxeiro (o de R"ma): “Non asoballedes nin saqueedes a ninguén...".

Pois ben, se isto o podía dicir o Bautista, ¿que non poderá dicir Xesús, aquel do que Xoán dicía que era "máis forte" ca el e do que el non se consideraba digno de lle desatar os amallós do seu calzado? Pois Xesús bautizaranos non con "auga", é dicir, de maneira ritual, natural ou humana, senón -así se expresa o Bautista- co "Espírito Santo", é dicir, coa liberdade, o amor e a grandeza de Deus mesmo. A espera de Xesús no tempo de Advento é, xa que logo, unha espera que só pode ser alegre e agradecida, porque con el nos chega -pra dicilo dalgunha maneira- o Deus "enteiro": o Deus Pai, Fillo e Espírito Santo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES