Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na homenaxe a Ramón Villares Paz

García López, Emilia - viernes, 13 de diciembre de 2024
Miñas donas, meus señores,
Comparezo emocionada perante vostedes neste acto de ingreso no Hectómetro Literario do ilustre chairego Ramón Villares. Diríxome a vostedes, pois, como digo, emocionada, e tamén moi agradecida á Irmandade Manuel María e á Asociación Cultural Xermolos por me regalaren esta fermosa ocasión para falar publicamente, xunto con outros amigos, sobre quen, desde hai moito tempo, forma parte do meu pequeno universo persoal dos grandes afectos. Grazas, pois, a estas dúas organizacións integradas por cidadáns bos e xenerosos, así como ao Concello de Vilalba, que, na súa encomiable vontade de honraren os tres ao egrexio profesor, estanse, certamente, honrando a si mesmos.
Contrariamente ao que moitas persoas pensan, mesmo algunhas do círculo máis próximo de amizades, eu non fun alumna de Ramón Villares no sentido estritamente académico da palabra, aínda que si o coñecín persoalmente e comecei a tratalo no espazo tan académico da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Na homenaxe a Ramón Villares Paz
Lembro, como se fora hoxe, aquel día da primavera de 1995 en que eu, con toda a reverencia e sobresalto propios dunha moza que estaba a piques de rematar a licenciatura, petaba á porta do despacho do ilustre catedrático que se reincorporara, había pouco tempo, aos labores docentes, despois de ser o reitor magnífico da Universidade de Santiago, durante os catro anos anteriores. Estaba eu alí, ademais, perante aquela porta, para pedirlle un favor: necesitaba a súa sinatura na instancia pola que eu solicitaba unha bolsa de colaboración no Departamento de Historia Contemporánea. Sen requirirme moitas explicacións e cun xesto amable, axiña se dispuxo a asinarma.
Aínda que aquel fora o primeiro día que falaba con el, non era para nada o seu un nome que me resultara alleo desde moito tempo atrás. Sabía certamente da súa existencia grazas a que, cando cursara o primeiro curso daquel Bachillerato Unificado Polivalente que moitos e moitas de vostedes viviron, un inspirado profesor da materia de historia nos impuxera a min e aos meus condiscípulos como lectura obrigatoria A Historia, que eu fixen, segundo creo lembrar, na primeira edición de 1983. Así titulado a secas, sen aditamentos nin matices, este libro era a resposta razoada, científica e contundente do mozo historiador Ramón Villares a un discurso historiográfico emitido durante décadas de ditadura, no cal Galicia non fora obxecto de ningunha atención, nin sequera como insignificante nota a rodapé dunha páxina epilogal, ou case. Con aquel A Historia, Ramón Villares conformaría unha nova concepción de Galicia en varias xeracións de galegas e galegos, das que son eu un claro exemplo.
Non pasaría moito tempo ata que se me comunicou que a bolsa que solicitara non se me concedera. Pero a deusa fortuna, que caprichosamente me negara o maxisterio de Ramón Villares nas aulas durante a carreira e agora me denegara poder investigar dentro do departamento que el dirixía, dispuxera felizmente outra cousa. A raíz daquel primeiro contacto, el en persoa ofreceríame colaborar, xunto a outras persoas, no seu proxecto de investigación sobre Eugenio Montero Ríos e o seu tempo. Debeulle gustar a miña forma de traballar ao profesor, porque, tras esta colaboración, virían outras igual de fascinantes, nas que traballei como foi o proxecto Memoria con figuras no que colaborei baleirando fontes para preparar os guións dos documentais que se gravaron, baixo a súa supervisión científica, para a Televisión de Galicia sobre figuras senlleiras da historia de Galicia, entre elas o conde de Gondomar, Concepción Arenal, o Conde de Lemos, Santiago Casares Quiroga ou Lois Peña Novo ilustre vilalbés, entre outros...
E debo recoñecer, aquí e agora, que madurei como persoa e profesionalmente grazas a aquelas tardes dos luns e mércores de cada semana, en que, durante meses, no seu despacho da facultade, o meu amigo e compañeiro, Prudencio Viveiro Mogo e mais eu, que formábamos parte do equipo como historiadores, xunto a Xosé Ramón Fandiño, como corrector dos textos, Xosé Díaz como deseñador e o noso benquerido Guillermo Escrigas, e permítanme un inciso para lembrar a Guillermo Escrigas con todo o meu cariño, que non está xa entre nós, asistimos a uns obradoiros de historia verdadeiramente inesquecibles preparando a redacción da serie de 26 fascículos titulada Galicia siglo XX, que editou La Voz de Galicia entre 2004 e 2005.
Foron aqueles anos en que, grazas ao seu maxisterio e dirección instrutiva, no sentido mesmo que lle podería dar unha antiga alumna da Institución Libre de Enseñanza, tiven acceso a un universo no que gravitaban figuras egrexias vivas ou mortas das que moito aprendín non só no tempo lectivo de traballo, senón tamén no verán. E digo isto pensando e facendo unha mención especial a Isaac Díaz Pardo e o seu universo Sargadelos, un universo que é familiar e persoal tamén para min. Como moitos de vostedes saberán durante os meses de agosto, desde o ano 1972 ata fins dos anos 90 celebráronse nesa pequena parroquia do Concello de Cervo, onde están as instalacións da fábrica de cerámica, as ben lembradas e saudosas, Experiencias de Tecnoloxía e da Escola Libre de Cerámica, que tan importantes foron no sentido cultural para unha sociedade dunha zona de Galicia afastada dos circuítos culturais nunha época non tan afastada. Ramón participou en moitas desas actividades culturais: con presentacións de libros, conferencias, seminarios, etc... Eu asistía a elas e despois grazas á súa xenerosidade tiven a posibilidade de participar nos xantares e nas sobremesas posteriores, que me permitiron coñecer a figuras como Lois Tobío ou o compositor Cristóbal Halffter entre moitos outros.
Téñolle que ser inmensamente agradecida á deusa Fortuna tamén por me ter concedido a regalía de seguir traballando ao seu carón a partir de 2004, ano en que ingresei como documentalista no Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega sendo el o seu director, e a partir de 2006, como responsable da área de acción exterior, coincidindo coa súa toma de posesión como presidente desa importante institución. Desde esa área acompañei a Ramón nas moitas viaxes institucionais que se organizaban anualmente dentro desa condición de actividades no exterior: conferencias, presentacións de libros, inauguración de exposicións, xuntanzas institucionais con representantes culturais das cidades ou capitais visitadas. En todas estas actividades Ramón tivo sempre unha vocación de servizo excepcional cara a proxección da cultura galega no exterior en todo o seu conxunto. Este labor foi o claro exemplo do que sempre defendeu como o que debe de ser o soft power ou diplomacia cultural da institución que presidiu e que ten como un das súas competencias a proxección da cultura galega no exterior. Xunto a el viaxei, en desempeño dese labor de proxección exterior da cultura galega, a múltiples países: Brasil, Arxentina, México, Reino Unido, Portugal, etc... De todos eses lugares gustaríame destacar un: México.
A viaxe a México no outono de 2010 foi unha viaxe inolvidable: San Luis Potosí, Querétaro ou San Miguel Allende e o DF foron lugares que permanecerán nas nosas memorias como unha descuberta dunha cultura e dunha paisaxe que nos cativou desde o primeiro momento aos dous, e tamén a súa querida Berta que nos acompañou naquela viaxe na que penso que quedou fascinada por igual. Aínda que o cometido da viaxe era asistir a un congreso e desenvolver actividades culturais coa colectividade galega nese país, as xornadas levaban engadidas en moitas ocasións unha lección de historia engadida. Un exemplo diso foi unha tarde de domingo no barrio de Coyoacán no DF., no que visitamos a Casa Museo de León Trostky, casa na que viviu con Natalia Sedova por quince meses e onde foi asasinado, e a Casa Azul, como saben a casa de Frida Khalo no mesmo barrio. Nesas visitas fomos guiados extraordinariamente polo historiador e profesor da Universidade Autónoma Metropolitana de México, de orixe galega, Luís Concheiro Bórquez, co que Ramón estableceu unha conversa, mentres facíamos as visitas, da que lamento moito non ter recollido unha gravación, porque foi mesmo unha lección maxistral de historia de dous profesionais excelentes.
Por último e volvendo por un instante aos traballos de investigación quixera facer unha mención especial a outro proxecto singular no que traballei baixo a súa supervisión, no meu día a día laboral. O Proxecto Epístola, que xorde no ano 2010 como froito das tarefas de recuperación e preservación dos fondos documentais desenvolvidas polo Consello da Cultura Galega, a partir da iniciativa de dixitalizar as fontes documentais de personalidades do ámbito da cultura e da política galegas depositados en arquivos públicos e privados. De todos eles e sen desmerecer a ningún quero destacar dúas figuras: por un lado o epistolario de Luís Seoane, figura sobranceira da historia de Galicia contemporánea pola que Ramón sente devoción e leva dedicado moitos estudos e libros a dignificar a figura do insigne pintor e figura do exilio galego. Por outra banda a correspondencia de Valentín Paz-Andrade, cuxa dixitalización tiven o privilexio de coordinar entre outros moitos documentos, nas vésperas de dedicárselle no ano 2012 ò Día das Letras Galegas a este escritor. Este labor deume a posibilidade de traballar no lugar ideal que calquera historiador e investigador soña: un arquivo persoal dun persoeiro da talla intelectual e poliédrica de Valentín Paz-Andrade, repleto de fontes documentais de diverso tipo, entre elas a correspondencia. A personalidade multifacética do escritor pontevedrés foi moi estudada polo profesor Villares. Tanto é así, que despois daquel traballo e lendo a cantidade de textos que Ramón Villares escribiu sobre Valentín Paz Andrade, sempre pensei que Valentín era o espello no que Ramón se mirou de cando en vez, cando desenvolveu a súa traxectoria profesional no estudo e na investigación da historia de Galicia como a súa tarefa, emulando así a Valentín Paz-Andrade, autor daquel libro senlleiro: Galicia como tarefa.
Grazas a este proxecto epístola inspirado por Ramón no tempo en que foi presidente da institución e que continúa hoxe en día, comezou un proxecto engaiolante polo que actualmente o Consello da Cultura Galega conserva en formato dixital un importante conxunto de documentos persoais de figuras senlleiras que son fundamentais para o coñecemento da nosa historia: xunto a Luís Seoane consérvanse cartas de Rosalía de Castro, de Valentín Paz-Andrade, de Manuel Puente, de Antonio Pérez Prado, de Xosé Benito Abraira, de Carlos Maside, de Isaac Díaz-Pardo, de Lois Tobío, de Silvio Santiago, de Ramón Piñeiro ou Lino Novás, entre outros.
Con estas resumidas referencias a variados capítulos da miña propia biografía ligadas á de Ramón Villares, que fixeron que a miña vida fora moito máis luminosa do que tería sido sen a súa concorrencia, non persigo facer chufa pública do tan ditosa que fun por terme beneficiado da felicísima continxencia de ter estado ao lado de persoa tan excepcional durante tanto tempo.
Sobre o que realmente quero poñer o acento é na condición excepcional de que ese Ramón Villares profesor brillante, investigador rigoroso, publicista poliédrico, animador cultural comprometido, eruditísimo polígrafo e dono de tantas outras calidades intelectuais, é ademais unha persoa cuxa refulxente excepcionalidade non se apaga coa proximidade nin co trato cotián, senón que admirablemente se agranda e expande nunha igualmente excepcional bonhomía.
Pensen vostedes agora por un momento no mito de Ícaro, do que moi ben puido valerse Platón para describir o trato cos poetas e, en certo sentido, cos intelectuais, sobre os que, como lembrarán, o filósofo ateniense non tiña precisamente unha opinión moi amable. Permítanme que eu lle dea a volta ao mito para me referir ao intelectual Ramón Villares. Contrariamente ao caso do alado Ícaro, que perece por achegarse excesivamente ao sol, o meu achegamento a Ramón Villares resultoume revivificante e o seu fulgor, acubillador, pois a luz que el emite é morna e iluminadora e nunca, nunca decepcionante. Velaí o porqué da excepcionalidade do intelectual Ramón Villares Paz e a singularidade do amigo Ramón.
Parabéns querido Ramón. Ninguén tan merecedor coma ti desta distinción coa que te honran esta mañá estes homes e mulleres bondadosos que comparten contigo a matria chairega. E todos recitamos contigo neste día, coma unha oración comunal, aqueles versos do teu admirado don Ramón Otero Pedrayo:
Ouh, pedras da solaina ben trabadas,
sabedes miñas tráxicas saudades
Moitas grazas.

Palabras de Emilia García López, responsable de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega, na homenaxe a Ramón Villares Paz, o 30 de novembro de 2024, no Muiño do Rañego e Paseo dos Soños de Vilalba.
García López, Emilia
García López, Emilia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES