Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Qué traio na maleta? (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 17 de diciembre de 2024
Qu traio na maleta? (10)
Mosteiro: foise a xente e viñeron os coches.

Campo de Mosteiro, campo silente, que de tan calado xa pareces selénico, fala, di algo, ti tamén, que che cedo a palabra, unha vez máis, mil veces que sexan. Fala por min, referenda o que digo, pois, de tan incribles que son, que foron, aquelas cousas, aqueles episodios, sen testemuñas non me van crer. Eu entrarei no "tema", como agora se di, e o resto pólo ti:

Aquela invasión da xente de Pena, ¡en pena, non, en plena alegría!, que tódolos sete de setembro, véspera da súa festa, facían soar os seus zocos de cargadiños que ían, eles e mailas súas bestas. ¡Mosteiro está en débeda con eles: débelles unha homenaxe, acaso unha estatua simbólica, outra!

Os de Pena viñan, pero outros fuxían, canto lles daban de si as pernas, tan pronto comezaban as leas dos de Montecubeiro cos de Valonga; pola esculca das feas, que ningún deles as quería, e as outras casábanse, deseguida! Claro que para guapas as de Cadrado, desfilando con traxe de estrea en cada feira, ¡que así casaron de ben! Merecíano: ademais de ben traxadas, eran guapas, boas, simpáticas… ¡O malo é que en terra de cristiáns só deixan casar con unha, con unha soa, e para iso, por días de vida!

Daquela non as había fáciles, así que o Narciso devecía; tanto, que a falta de mulleres íase ás troitas, e apañábaas coa man!

Iso das mulleres guapas..., ¡Deus, que drama, que así toleou, de celos, aínda que infundados, seica, o vello Brañanova!

Os da Valonga discutían polas mozas, pero o Garduña discutiu de política, con tanto énfase que, máis ou menos en dez metros á redonda de onde estou, de onde me puxeron, tirou de "Solinger" e esnafrou ao falanxista! Seica acabaron cos palleiros de Mosteiro facendo fachas de palla para buscar aquelas nafres, pero amenceu, e nin con esas! O que non sei é se tivo cárcere... ¿Dime, Campo elocuente: volveu por aquí aquel Garduña?

Garduña tiraba de barbeira, pero o Penelas tiraba de tesoiras, que nunca xateiro se vira tan apresurado na marcación do gando; tanto, que nin case lles daba tempo a cerra-lo trato! Antón de Marcos seica estaba feliz con un tratante tan produtivo. ¿Premiaríao? ¡Iso tampouco o sei!

Aquelas labazadas, tan sonoras e tan sonadas, que se deron, reciprocamente, debaixo do carballo da Sociedade, o Manuel de Pereira e mailo fillo da Lavada... ¡Sonoras e sonadas, que aínda as oio, a pouco que faga memoria!

Ad interim, a Cega de Gondel baixaba co seu violín, e ben de coplas que facía, que ¿Qué traio na maleta? (10) improvisaba, simplemente por unha cadela, que non todos a tiñan; non a tiñan, ou non a daban! As coplas, as escritas, vendíaas un competidor seu; ela cantaba, pero o outro vendía. ¿A quen? ¡Por exemplo ao Xosé de Insua, que nunha ocasión mercoulle un mazo delas, repetidas ou non, para levarllas ao seu fillo, para que practicase na lectura. ¡Pedagoxía auténtica, da época!

Máis que ás coplas facíaselle caso á Otilia de Carballamarela, especialista en socorre-los pobres da bisbarra; ¡iso si, por escrito, e con pacto de retro! Outros poñían vacas "de Cabana"; e don Froilán da Cabana pegaba tiros se a froita lle roubaban. Xa o dixeran aqueles romanos: Do ut Des!

Falando das coplas esquecíaseme aquela tan famosa, tan repetida en Luaces: O "merlo" e maila "merla" ían polo prado abaixo, brincando, e o merlo, como é tan pícaro, meteuna debaixo!

Agora fálase moito de "records", pero daquela xa os había. Por certo, que o do viño levouno unha muller, Benita do Xuárez, e mais era de Baílle, que alí teñen boa auga! O da carrexar coas vacas coma se fosen bois, mereceuno Anes de Xerbolés. O de poder con dúas travesas debaixo do brazo, por de carballo que fosen e verdes que estivesen, vinllo facer ao Miguel de Liñares.

¿Que máis? ¡Tantas cousas, e tan incribles, en tan pouco espazo, que, o dito, darían para un libro, mais, para que editalo se a xente deixou de ler..., para non esgotar o papel, agora que arrincaron os eucaliptos para volver ás hortas, aconsellados pola ultima crise!
-.-
Moito falar dos que volveron, pero, dos que se quedaron por aló, eles ou a súa maleta? Son / foron, infinitos, e moitos morreron á desgraza; algún, non morreu, que o mataron! Neste salón de Mauthaussen, ou nalgún contiguo, entrou, para quedarse, Murado, aquel mozo do Batán, de Rioxoán. ¡Entrou pero non saíu, por obra e graza daquel criado do demo, chamado Hitler! E nós na feira de Mosteiro sen sabelo, así que, se daquela non lle rezastes, facédeo agora, pero non por el, xa que mártir foi, senón a el, pedíndolle que se acaben as migracións, maiormente as forzosas, que, por desgraza, aínda quedan.

¿Que se sabe no país de como lles foi aos ausentes? Coñécense, coñecíanse, as súas remesas, e pouco máis. Á volta, á volta dos que volven, quere dicirse, dos vitoriosos pois os outros pasan a "Ejercicios Cerrados", tanto na Contabilidade como na Memoria, bicos e apertas. ¿Bicos e apertas? Máis ben unilaterais, pois, se eles non saúdan, os do país tardan en facelo, agardando ser cumprimentados. De non identifica-los veciños, así, de primeiras, sen outra presentación, non me estrañaría que pensasen do retornado: -Mal educado se foi, e mal educado volve, que mira ti que nin aos veciños saúda!

Para os veciños sempre é fácil, facedeiro, recoñecer ao ausente, por deteriorado que veña, ¡unha rara avis entre tantas sempre é doada de recoñecer!, pero o retornado, que entre a de xente que leva coñecida e mailo deterioro da súa visión bagoenta, identifica algo menos; teno fácil pasar por soberbio, e total, con catro cadelas mal gañadas, duramente gañadas! ¡Que razón tiña o que inventou a verba "próximo", pois próximos, propinquos, na práctica, só son os que están cerca, os íntimos, aqueles que máis nos interesan, teñámoslles envexa ou non.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES