Unha espera morriñenta
Mentres o tempo se acurta, os pensamentos alónganse. Hai raciocinios que van máis alá dunha ecuación sen resolver e hai sensacións que aniñan na morriña dun instante que, ás veces, este, se fai eterno e, outras, é tan efémero que a señardade rabuña nas entrañas.
A tarde está gris e o silencio preme sobre unha ilusión que pode ser ou non, sobre un soño que pode ser ou converterse en pesadelo.

Todo está nese tempo... que corre, que voa, que non pasa, que é lento. Quizais a música sexa a que salve o momento. Din que amansa as feras; a min chega con que me amanse os devezos.
O silencio acaba de rachar a causa dun berro. Dun berro que saíu do recanto escondido, do recuncho orballado. Porque hai berros que mollan e que salpican a inocencia e mesmo o medo. Hai berros secos. Hai berros longos. Hai berros eternos. Incluso hai bramidos que doen ou que mancan.
Os pensamentos seguen a alongarse polos camiños do desexo. Dese desexo que vai e vén e está e segue e cada vez se fai máis grande, máis intenso, máis futuro pluscuamperfecto. Quizais, si, mellor quedar en silencio para que a música penetre a compás dese tempo que se acurta. Aínda que talvez se estea xa alongando. A vida dá tantas voltas...
A tarde segue gris e, por momentos, xa nin hai silencio, nin ruído, nin berros, nin señardade, nin lamentos; só unha espera morriñenta e co afán, coa ambición de que todo pase, de que nada quede por apalpar nun instante, en varios momentos eternos.