Lucrativas realidades sociais baseadas en invencións de Xosé Ramón Branco Buxán.
Nas portas do Nadal, aparece un libro moi acaído para facernos pensar ao redor da celebración e do excesivo consumo que nos rodea. Nestas datas actuamos "como se non houbese un mañá", coma se o mundo estivese a pique de rematar e fose necesario gozalo ata onde dea. Facémolo coas comidas ás que nos vemos abocados dende

diferentes grupos familiares, de amizade, asociativos ou profesionais. A lotería é un incondicional, mercamos para ver se nos sorprende a sorte pero tamén para agasallar. Porque os agasallos están tan presentes que (como cita o autor) os paquetes que simulan regalos na decoración das casas e prazas son un símbolo constante. Mercamos sen parar, seguindo a luz que ilumina os centros comerciais a modo de estrela de Nadal (en palabras do autor).
Estamos pois, ante un libro necesario para reflexionar sobre a actualidade e a maneira na que a Historia nos conduciu a esta deriva.
O seu autor, Xosé Ramón Branco Buxán, ten unha historia de vida e un currículum vítae integrador e humanista. Estudos en enxeñería e traballo no campo tecnolóxico científico pero tamén doutor en Filosofía e Ciencias da Educación cunha tese sobre o maxisterio no tempo da transición, dirixida polo gran pedagogo Herminio Barreiro (un Brais Pinto que mantivo aquela bandeira ata o final). Este é o segundo libro, despois de Acoso e demolición do sistema público de ensino. Covid-19: causa ou efecto?
O autor fai fincapé en que a publicación responde á súa vertente de pedagogo, no sentido de estudar a realidade, documentala, para poder contala, ensinando o que foi asimilado. Eu diría que este é un traballo xeneroso, deses que son realmente un agasallo. Un ensaio ao que o autor dedicou moito tempo, e que agora nolo entrega para que podamos contar con estratexias para defendernos do que está a suceder na actualidade. Semella que chegou a ese momento, no que o que queres é compartir (con quen che rodea no presente e con quen vai continuar no futuro) o coñecemento, por iso revisa a literatura especializada e extrae conclusións. Estuda e cóntanos iso que estamos vivindo e que necesitamos reflexionar.
Por un lado, desenmascara o mito do Nadal, reflexiona sobre a incerteza da súa orixe na relixión católica, de como cambian os símbolos e as formas nas que vai evolucionando esta festividade (tamén en Galicia) e como o capitalismo se apodera e o asume como a gran festa do consumo ao redor do chamado "espírito de Nadal", con reunións de todo tipo para comer, festexar e agasallar.
Por outro lado, analiza a evolución do sistema capitalista e a substitución do protagonismo da produción polo consumo, no neoliberalismo. Este tempo no que o mercado está tentando asumir todas as regras que noutro momento estaban limitadas polo Estado. Para regular este mercado conta coa publicidade, a marca ou o logo igual que o fai cos momentos de rebaixas e as datas para consumir máximo. Examina o papel da psicoloxía ao servizo do mercado (deixando a cidadanía sen capacidade de reacción) e pasando a atender ás persoas cando estas enferman ante esa situación de insatisfacción continua na que despois dun produto ha de conseguir o seguinte nunha carreira imposible. Estuda como a partir de ideas falsas, o sistema neoliberal implanta na sociedade unha serie de instrumentos coa finalidade de maximizar beneficios a través do consumo, pero tamén o papel das mentiras (a posverdade) que se estenden a través dos medios de comunicación e as redes sociais deixando á cidadanía nunha situación de infoxicación e, de novo, indefensa ante as eleccións.
Eses poderes que poderíamos exercer (o voto e o consumo) fronte á ideoloxía oficial do capitalismo globalizado ou neoliberalismo (ao servizo das oligarquías económicas) está tan descompensado que David xa non recoñece a Goliat e dispara a súa onda sen saber quen é realmente o seu inimigo. De todo isto nos avisa o autor, advírtenos dende a razón apoiándose nas diferentes ciencias e colocándonos fronte a un planeta que xa non pode resistir a explotación dos recursos nin a asunción dos residuos e fronte a un futuro que non nos pertence. Porque estamos a crear unha débeda que non podemos pagar, un comportamento insostible e ilícito que é un desprezo para os pobres e provoca unha inmoral débeda ecolóxica.
Aínda quedan voces que nos chaman á contención e á responsabilidade. Só temos que escoitalas, por iso, debemos agradecer a aparición deste libro.